NÚMERO 280 - 06/07/2015
CUTUDC / Novidades
Pensaba xogarme uns cartos apostando sobre a situación grega, pero na casa de apostas dixéronme que o de Grecia é un deporte, si, pero de risco, e que pechan a xanela: William Hill decidiu hai uns días deixar de xogar co Grexit, que se lles estaba a ir das mans.
A miña
aposta ía ser favorable á permanencia de Grecia no
euro. Por moito discurso apocalíptico que atrone
estes días, non haberá Grexit tras o referendo. Ben
porque gañe o "Si", que parece o máis probable;
pero tampouco se gaña o "Non". Téñoo tan claro, que
pensaba facer a aposta en pesetas: en caso de
perdela, seguramente me tocaría pagala na nosa
vella moeda, xa que a saída de Grecia do euro
desestabilizaría tanto o sistema monetario
europeo que tarde ou cedo acabariamos volvendo á
peseta.
A Grecia non a van botar porque non hai porta por
onde saír, pero sobre todo porque ninguén vai
arriscar o euro enteiro por uns poucos miles de
millóns do non pagamento grego. Unha cantidade que
para os gregos é un mundo, pero para o conxunto de
Europa é solto. E aínda que hai quen asegura que o
euro sobreviviría sen Grecia, os riscos son
demasiado grandes, non é que te xogues unhas
cadelas nunha casa de apostas senón poñer en perigo
unha Europa que xa viviu demasiados sustos.
Levamos cinco anos xogando ao límite, ao bordo do
precipicio pero só asomando un pé, resolvendo no
último minuto en negociacións nocturnas. Esta vez
foron un pouco máis alá, triplo salto mortal con
rizo, pero tampouco haberá caída. Cinco anos
tensando a corda, tanto que Tsipras pensou que é de
goma, que non se rompe, e decidiu estirar todo o
que lle dá o brazo. E non, non vai romper, aínda
que Tsipras se pode levar un gomazo de rebote que o
deixe fóra do goberno.
Por debaixo da xesticulación, todos en Europa saben
que a débeda de Grecia é impagable, e que nalgún
momento haberá que facerlle unha quita, ou polo
menos un aprazamento. Recoñéceo
o FMI, dino economistas de todas as cores,
asumiuno Strauss Kahn nun recoñecemento dos erros
cometidos. Unha quita á débeda de Grecia, e á
doutros países, España incluída. Pero cambiar o
paso non é tan doado cando levas un lustro
instalado no dogma, así que hai que forcexar outro
momentiño para que non pareza doado.
Grecia seguirá no euro o luns, aí deixo as mil
pesetas. O que non apostaría é se haberá acordo
definitivo en breve (débeda incluída), ou se
Alemaña e compañía manterán unha tempada ao país en
coma, cunha perna colgando do abismo e a poboación
asfixiada, para rematar por convencer aos
reticentes, castigar e humillar aos Tsipras e
Varoufakis, e salvar o calendario electoral dos
países endebedados e rescatados (España e Portugal
van ás urnas en outono).
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript