Xullo de 2015
 
 

NÚMERO 280 - 06/07/2015

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Resumo do Consello de Goberno do día 30 de xuño

O pasado día 30 de xuño realizouse un novo Consello de Goberno. Desde as nove da mañá un grupo de estudantes concentrouse primeiro na praza e despois ás portas da sala do Consello de Goberno onde agardaron o remate da sesión. Como vos podedes supoñer o punto máis importante da sesión foi o punto 13. Proposta de acordo sobre o procedemento de elaboración do Plan Director de Racionalización de Centros e Departamentos da UDC.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

Do informe do reitor salientamos:
 
Que, a pedimento propio, o 24 de xuño cesou como director dos SAI
Óscar Cabeza Gras, nomeándose para ese posto, de xeito interino, a Jaime Rodríguez González (tamén director do CICA), continúa o sr. reitor  coa política de desprofesionalización da xestión, asignando ao persoal docente postos de traballo que corresponden ao PAS.
 
Informa, tamén, dos cambios orixinados pola renuncia de María Eugenia Vieito Blanco:
 
Nuria Vieira Sousa substitúe a Mª Eugenia Vieito Blanco  como representante do PAS do Claustro Universitario.
 
Manuela Pinazas Rego substitúe a Nuria Vieira Sousa como representante da Xunta de Persoal de PAS.
 
Esta circunstancia obriga a realizar novos nomeamentos nas Comisións Delegadas do Consello de Goberno quedando como segue:
 
Comisión de Asuntos Económicos: Nuria Vieira Sousa continua
 
Comisión de Planos de Estudo: Nuria Vieira Sousa substitúe a Mª Eugenia Vieito Blanco
 
Comisión de Extensión Universitaria: Manuela Pinazas Rego substitúe a Mª Eugenia Vieito Blanco
 
Proponse a Xosé Manuel Portela Fernández como representante do PAS no Consello Social.
 
Os cambios foron aceptados polo pleno do Consello de Goberno.
 
Informa tamén o sr. reitor da situación económica da universidade, informa que ese mesmo día a institución interpuxo un contencioso administrativo contra a Xunta de Galicia para reclamarlle 8.789.679,5 € que a UDC entende se deberon ingresar segundo establece o Plan de Financiamento (7.330.303 € de principal, 216.643,23 € por xuros, máis 1.250.000 en concepto de danos e prexuízos).
 
Na sesión do Consello de Goberno foi o primeiro lugar onde o equipo de goberno sinalou que o problema económico da universidade deriva da falta de ingresos non do excesivo gasto que está absolutamente controlado na universidade. Xustificou o reitor a Resolución do 17 de xuño no problema de liquidez creado, por unha parte pola diminución do orzamento e, por outra parte, no retraso en que incorre a Xunta á hora de facer as transferencias. Esta situación estase a abordar coas consellerías de Facenda e Educación ás que se lles solicitou o ingreso de fondos extraordinarios comprometéndose, a universidade, á realización de axustes adicionais do gasto.
 

13. Proposta de acordo sobre o procedemento de elaboración do Plan Director de Racionalización de Centros e Departamentos da UDC
 
Toma a palabra o secretario xeral que fai un relatorio de como se chega a este Consello de Goberno con esta proposta, inténtase desvincular a situación económica do Plan Director e sinálase que se acomete este proceso sen poñerlle data de remate, defende a oportunidade de que sexan as Comisión de Organización Académica e Profesorado (COAP) e da Comisión de Asuntos Económicos (CAE) as que formen a Comisión Mixta que elabore o proxecto para posteriormente ser discutido e aprobado no Consello de Goberno.
 
Ábrese unha quenda de intervencións na que
 
Fernando Agrasar:
Reclama a presenza na comisión de todas as partes afectadas e que a toma de decisión se realice nunha sesión do Claustro.
 
Inés Pernas:
Sinala que realmente nunca houbo diálogo con centros e departamentos, o proxecto que se presentou xa tiña prazos. Mostra o Plan que se lles presentou aos departamentos sinalando as súas apreciacións.
 
Xosé Portela:
Sinala que, por moito que se queira obviar, o plan de fusións e a situación económica van vencellados.
Realiza na sesión as preguntas que se sinalaron no PASquín:
 
Cómo é posible que se aproben uns orzamentos no Consello Social do día 22 de decembro de 2014, apareza unha interpretación no criterio do reparto histórico na reunión do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia de 14 de xaneiro de 2015 que recorta o orzamento da UDC en 3,7 millóns de euros, e se agarde a que a situación estea tan deteriorada economicamente que obriga a tomar medidas radicais a mediados de xuño?. Porque non se aplicaron medidas correctoras antes?
 
Como é posible que sendo 3,7 millóns de euros a cantidade que se deixou de percibir polo cambio da interpretación do capítulo sinalado anteriormente, a débeda con provedores alcance, como se establece na prensa, os 5 millóns de euros?. A tanto chegou o malgasto?
 
Se a situación das arcas da universidade se debe ao retraso nos pagos como castigo político da Xunta á actitude “insubmisa” da UDC, non correspondería actuar tamén politicamente, denunciando por todos os medios a situación e, se fai falta, imos tod@s á casa de Feijoo a reclamarllos, sen agardar a ter que verse na obriga de adoptar medidas tan radicais?.
 
Na presentación do proxecto de fusións sinalouse verbalmente, como todo o que facía referencia ao Plan Director, que estaba suxeito ao acordo cos centros e departamentos Unha vez que se constata que o acordo cos centros afectados é imposible, agora non só non se trae unha proposta de acordo senón que se crea unha comisión ad hoc, onde o diálogo cos centros e departamentos afectados transfórmase nun sucinto “Nos traballos da Comisión Mixta garantirase a audiencia dos centros e departamentos”.
 
Se as decisións a tomar son eminentemente políticas (que tipo de universidade se quere). De constituírse unha comisión mixta qué criterio será o que se terá en conta, prevalecerán as consideracións económicas sobre as académicas?  E as de servizo público?.
 
Parécenos que a decisión está tomada. Insistimos en que o equipo de goberno ten que afrontar as súas responsabilidades, non intentar envolvelas na suposta asepsia de decisións adoptadas por algunha comisión. Ten a obriga de establecer criterios, elaborar un proxecto e sometelo a discusión e, se procede, ser aprobado pola Comunidade Universitaria no máximo órgano de representación da Universidade, o Claustro. Parécenos que o sr. reitor escapa da convocatoria do Claustro porque suporía un desgaste maior podendo, incluso, perder a posible votación.
 
Anxo Calvo:
Entende que nesta situación é imprescindible axustar o gasto para a maior eficacia. Móstrase partidario das fusións poñendo como exemplo a facultade da
que é decano,  resultado da fusión da Facultade de Económicas e da E.U. de Estudos Empresariais. Móstrase partidario da proposta que se trae ao Consello de Goberno.
 
Daniel Pena:
Sempre opinou que se tiña que abordar o procedemento que hoxe se pon enriba da mesa. Se se aborda agora benvido sexa.
 
Miguel Muñoz:
Considera que debería convocarse o Claustro para acordar este asunto. Tamén que o reitor estivese ausente en todo este proceso.
 
Sonia Beltrán:
Manifesta o seu rexeitamento a como se tratou todo o procedemento nos medios de comunicación, reclama responsabilidade e le o manifesto consensuado por todos os estudantes.
 
Sonia Souto:
Manifesta o acordo da xunta de facultade de fisioterapia que votou en contra da fusión con ciencias da saúde.
 
Ana Iglesias:
Considera que a comisión mixta que se pretende crear non é en absoluto representativa. Móstrase moi disgustada con todo o procedemento e reclama a convocatoria do Claustro para a aprobación final.
 
Ignasi Colominas
Este asunto debería abordarse polo seguinte equipo.
 
Ana Barxa:
Critica o procedemento desenvolvido até o momento. Reclama a presenza de todas as partes afectadas na comisión, Reclama a convocatoria dun claustro extraordinario e anuncia o voto en contra neste punto.
 
Despois desta primeira quenda toma a palabra, de novo, o secretario xeral que fai unha
autocrítica do realizado até o momento. Establece que este é o comezo dun proceso ao que non se lle pon data de remate. Defende a oportunidade e o proxecto que se presenta no Consello de Goberno.
O Consello de Goberno está lexitimado para tomar a determinación sobre o proxecto que se trae a votación.
O reitor sinala as circunstancias económicas nas que se atopa a universidade establecendo que é apremiante tomar decisións para incrementar a eficiencia de cara ao novo Plan de Financiamento 2016-2020.
 
Ábrese outra rolda de intervencións
 
José Manuel Sobrino:
Considera que é necesario a reforma do sistema universitario galego no seu conxunto. Móstrase en desacordo co plan que se presenta.
 
Fernando Agrasar:
Reclama a participación de todas as partes afectadas n
a comisión.
 
Xosé Portela:
A decisión que se tomará é política. Que tipo de universidade queremos, diante dun tema desta índole cabe actuar como fai o PP, mediante decreto, sen a participación da comunidade, neste caso concreto, 50 persoas deciden algo que afectará a toda a institución. A outra alternativa supón propiciar a discusión e acordo nun ámbito máis amplo, no Claustro. Defende, primeiro que todas as partes afectadas estean presentes na comisión en pe de igualdade e segundo que a decisión se tome no órgano de representación máis amplo que ten a universidade, o Claustro.
 
Sergio Santos del Riego:
Propón, tendo en conta que a comisión con todas as partes afectadas será moi ampla, a formación de subcomisións por área de coñecemento.
 
Fernanda Miguélez:
Móstrase partidaria da creación de subcomisións.
 
Ana Iglesias:
Sinala que estivo vendo a relación de membros das comisións que formarían parte da Comisión Mixta e entende que coa presenza de unhas cantas persoas máis en representación dos centros que faltan teríase unha comisión de, arredor de 25-30 persoas, e que representarían a todos os centros.
 
Anxo Calvo:
Fai unha reconsideración da súa proposta e manifesta que debe ser o Claustro quen aprobe a proposta da Comisión.
 
Ana Barxa:
Entende que corresponde a reconsideración do sistema universitario galego e pide a retirada da proposta.
 
Luis Hervella:
Reclama a presenza de todos os centros na comisión.
 
Da reflexión xeral enténdese que hai unha proposta maioritaria que consistiría na formación dunha comisión mixta coas Comisións Delegadas que se propoñen no Plan Director á que se engadirían os decanos e directores de centro que non están presentes nas mesmas.
 
O reitor retira o punto 13 da orde do día e establécese que no prazo de 10 días as persoas, membros do Consello de Goberno, que así o desexen poderán presentar propostas para a composición da comisión e procedemento. As propostas discutiranse no vindeiro Consello de Goberno.

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript