Xullo de 2015
 
 

NÚMERO 280 - 06/07/2015

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADES
 

O gasto público universitario en España cae a niveis de 2006

Un informe da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) critica que, mentres baixou o investimento público, os prezos para estudar subiron por enriba da media europea.

 

  • Noticias relacionadas

 

No ano 2013, o gasto público universitario foi de 8.774 millóns de euros, segundo datos do informe La Universidad Española en Cifras correspondente ao curso académico 2013/2014, presentado este venres pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE). Unha cifra inferior á de 2010, cando o gasto foi de 10.208 millóns de euros e próxima ao gasto do ano 2006, de 8.603 millóns de euros.
 
Esta redución viuse agravada polo incremento dos prezos públicos "de forma progresiva", que se encontran moi por enriba da media europea, con grandes diferenzas ademais entre Comunidades Autónomas. Así, Cataluña incrementou os seus prezos públicos nun 158,4% dende 2008 e a Comunidade de Madrid fíxoo nun 117,3%, mentres que Galicia, cun aumento do 5,1% e Andalucía, cun 9,7%, supuxeron os menores incrementos.
 
Segundo o informe, este incremento das taxas, "impacta directamente na renda familiar e no esforzo económico que teñen que desempeñar para cursar estudos superiores".
 
Así mesmo, a contía media das bolsas universitarias no curso 2013/2014 sitúase en 2.562 euros e retrocede, deste modo, ata niveis de 2004/2005 tras aumentar constantemente ata o curso 2012/2013. Neste sentido, a diferenza por Comunidades Autónomas tamén é importante. Son Galicia (21,32%), Andalucía (21,13%) e Murcia (19,25%) as autonomías que experimentaron maiores caídas na contía media por alumno respecto ao curso académico 2008/2009.
 
Segundo o estudo da CRUE, as axudas por parte do Ministerio de Educación foron un 41,12% maiores en comparación con 2008/2009, aínda que se produciu un endurecemento dos requisitos académicos esixidos para optar a este tipo de bolsas.

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript