Xullo de 2015
 
 

NÚMERO 280 - 06/07/2015

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA - A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
 

Un novo informe do Consello de Europa sinala a redución da presenza do galego no decretazo contra o galego do 2010

O Comité consultivo do Convenio Marco para a protección das minorías nacionais vén de sinalar na súa avaliación do Estado español a desconsideración que manifesta o Estado español a respecto da súa pluralidade lingüística.

 

  • Noticias relacionadas

 

Aínda que o Estado non se deu por aludido até o de agora, este Comité consultivo, que xa engadira Galiza dentro do contemplado no Convenio marco en 2008, reitera a necesidade de que o Estado inclúa nos seus compromisos a respecto deste Convenio, a promoción e protección das linguas propias como o galego alén do xa contemplado na lexislación autonómica.
 
O informe, feito público hoxe, sinala a desprotección do galego nas zonas de fala galega pertencentes a Asturias e Castela-León, que se está a agravar tras a aprobación da LOMCE, tal e como se denunciou recentemente desde O Bierzo, onde o galego deixará de ser unha optativa para pasar a ser considerado como materia extraescolar.
 
O Comité consultivo do Consello de Europa sinala tamén o mal chamado decreto de plurilingüísmo de 2010 como mecanismo para a redución da presenza do galego no ensino que, segundo aseguran, se reduciu desde a metade a un terzo como máximo nas etapas obrigatorias.
 
Este Comité recomenda ao Estado que amplíe a aplicación do Convenio e teña en conta a realidade plurilingüe, incluíndoa no contemplado no convenio aínda tendo recoñecemento oficial, e que active medidas directas de promoción e  promoción das diferentes realidades lingüísticas establecendo canles de diálogo e comunicación coas entidades de defensa das linguas, mesmo coa creación dalgún organismo público que garanta a comunicación con estas entidades e o respecto polas linguas do estado.
 
O convenio Marco para a protección das minorías nacionais entrou en vigor en 1998 e é un instrumento internacional xuridicamente vinculante, entre outras cuestións, en  materia de dereitos lingüísticos e de protección fronte a discriminación.
 
A Mesa entrevistouse en xullo de 2014 coas representantes deste comité para exporlle as graves consecuencias do decreto contra o galego no ensino, a ausencia do galego na educación infantil das cidades, e as previsíbeis consecuencias da aprobación da LOMCE.
 
Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “que varios organismos internacionais mostrasen preocupación sobre a situación da lingua galega e as consecuencias da actitude goberno galego e español, debería facer ruborizar o presidente da Xunta, porén, lamentabelmente é ao revés, e é fóra da Xunta e do Goberno español onde ruborizan de vergoña allea ao ver o desprezo que mostran pola nosa lingua e a pluralidade lingüística no Estado”.
 
A Mesa pola Normalización está a intensificar as denuncias internacionais sobre casos de discriminación e trato desigual da lingua galega que poñen en cuestión a súa oficialidade real, que fica só para o terreo das apariencias. Neste sentido xa iniciou accións en solitario ou coa colaboración doutras entidades internacionais das que forma parte, dirixíndose á UNESCO, ao Consello de Dereitos Humanos da ONU ou ao Consello de Europa.
 
“A presión e a mobilización da sociedade galega a favor da súa lingua é fundamental para modificar a situación, e tense que coñecer tamén no ámbito internacional porque o que queremos é que o galego sexa tan lingua, tan normal e normalizada e cos mesmo dereitos que calquera outra lingua”, sinalou o presidente da Mesa.
 
O informe pódese consultar nesta ligazón
 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript