Xullo de 2015
 
 

NÚMERO 280 - 06/07/2015

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Situación económica

A universidade quere que toda a comunidade universitaria saiba a visión que sobre a situación na que se ve inmersa a institución ten o equipo reitoral, situación que deriva da diminución no fondo estrutural fixo no Plan de Financiamento. A situación económica atribúese a unha falta de ingresos, non ao exceso de gasto, isto é o que viñeron a sinalar o xerente, a vicerreitora de Planificación Económica e Infraestruturas e o vicerreitor de Profesorado e Planificación Docente na reunión que mantiveron o pasado venres cos representantes do Comité de Empresa e da Xunta de Persoal.

 

  • Noticias relacionadas

 

A representación da universidade manifesta que, desde 2013 a Xunta modifica o fondo estrutural incrementando a parte variable (por obxectivos) a costa da parte fixa, nunhas porcentaxes que non se corresponden coas contempladas no Plan de Financiamento. A interpretación que da evolución do fondo estrutural fai a Xunta prexudica á UDC até o punto de verse na situación actual. En xullo de 2014 a UDC reclámalle á Xunta de Galicia, por escrito, o pagamento de  2.829.620,21 € correspondente ao diñeiro recortado indebidamente segundo a interpretación da Universidade da Coruña. O día 30 de xuño de 2015, a UDC interpuxo un contencioso administrativo contra a Xunta de Galicia para reclamarlle 8.789.679,5 € que a UDC entende se deberon ingresar segundo establece o Plan de Financiamento (7.330.303 € de principal, 216.643,23 € por xuros, máis 1.250.000 en concepto de danos e prexuízos).
 
Os representantes da universidade manifestaron, tamén, que o ocultismo nos datos e, mesmo o feito de que os datos do financiamento fosen “xenéricos” sen concretarse claramente o que correspondía a cada unha das universidades, fixo moi difícil ter coñecemento da situación real da evolución do Plan de Financiamento.
 
Na reunión criticamos a falta de “actitude”, da universidade que agardou ao remate do plan de financiamento para actuar legalmente, púxose de manifesto que a falta de presión diante do goberno autonómico non serviu de bálsamo para solventar a situación económica. Recriminóuselles que a universidade oficializase orzamentos sen saber claramente o diñeiro co que contaba e reclamouse unha actitude máis belixerante na negociación do novo Plan.
 
Denunciamos que a falta de pagamento afecta, tamén, @s traballador@s da universidade, en concreto aos condutores, que non cobran as dietas desde o inicio do ano 2015 e que se ven forzados, nos desprazamentos por razóns do servizo, a pagar do seu propio salario, desde as comidas aos aloxamentos. Neste punto o xerente sinala que os traballadores están na mesma situación que os provedores e que, en canto se poida, procederase ao abono desas cantidades. Pola nosa parte reclamamos, como representantes d@s traballador@s, o abono inmediato das cantidades que se lles deben. Reclamamos seriedade, compromiso institucional e o dereito que lles asiste aos traballadores, porque non se pode requirir un servizo correndo a cargo dos traballadores parte do gasto que orixina.
 
De continuar por este camiño
, se non se reconduce a situación no novo plan de financiamento,  imos cara a desaparición da UDC, perigando a RPT actual posto que, de reducirse a este ritmo a parte fixa do fondo estrutural, máis cedo que tarde non se poderán pagar nin as nóminas. 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript