Xullo de 2015
 
 

NÚMERO 281 - 13/07/2015

   CUTUDC / Novidades

  CRISE ESTAFA
 

Estado español: Algunhas liñas de evolución salarial durante a crise

O salario reflicte en boa medida as relacións de explotación ás que nos somete a clase capitalista. Ao estudo da súa evolución durante os anos de crise dedicaremos o presente artigo.

 

  • Noticias relacionadas

 

O salario é un reflexo das condicións nas que a clase traballadora vende a súa capacidade para producir bens e servizos aos que teñen os medios para facelo (os donos das empresas), a cambio dunha determinada cantidade de diñeiro. Dese traballo, o capitalista obtén unhas ganancias, das cales os traballadores só perciben unha pequena parte, sendo o resto apropiadas polo capitalista (no que se coñece como plusvalía).
 
O valor que se lle outorga a esa forza de traballo, vén determinado pola reprodución da devandita forza, é dicir, os medios de vida indispensables para que poidamos seguir producindo ao día seguinte (alimentos, vestimenta, unha vivenda...). Aínda Que isto non podemos entendelo a título individual, xa que non comprenderiamos os moitos casos nos que se carece destes elementos máis básicos. Temos que velo dende unha óptica de clase: se os deixamos, a clase capitalista tende a impoñer uns salarios que reproduzan exclusivamente a forza de traballo que necesitan para as súas empresas. Se "sobran" traballadores, non teñen reparos en pagar por debaixo destes albores mínimos.
 
A determinación do salario, polo tanto, é algo unido intimamente á loita de clases. Se a burguesía se cre con forza para reducir o salario ao seu antollo, farao, como estamos a ver, e se a clase obreira é capaz de organizarse e loitar unida, pode reverter esa tendencia.
 
Recentemente, o Instituto Nacional de Estatística publicaba unha nova Enquisa Anual de Estrutura Salarial. Nela podemos observar a grandes trazos a evolución que tiveron os salarios nestes últimos anos. Tomamos como referencia en ano 2008 para analizar a súa evolución ata o ano 2013 (últimos datos publicados) e sintetizamos a continuación algúns dos seus resultados. Centrarémonos en analizar superficialmente as ganancias respecto ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI), para pasar a analizar as ganancias medias da xuventude, así como as diferenzas entre contratos temporais e indefinidos, e entre a tempo completo e parcial.
 
Aumenta un 5% a porcentaxe de traballadores que cobran por debaixo do SMI, pasando a ser o 13'8% de traballadores asalariados. Entre as mulleres esta porcentaxe elévase cinco puntos máis, ata o 18'62%.
 
Entre os menores de 20 anos, a ganancia media anual reduciuse en preto de 2.500 €, ata chegar aos 7.500 € anuais. Para os mozos entre 20 e 24 anos perderon unha cantidade media similar, quedando nos 10.668 € anuais. Entre 25 e 29 perderon preto de 2.000 €, gañando de media anual 15.500 € no 2013. Vemos con estes datos que a xuventude foi o sector que maior poder adquisitivo perdeu coa crise, xa que a nivel xeral o salario medio aumentou (uns míseros centos de euros en seis anos, pero aumentou). Nos outros intervalos de idades apenas hai transformación significativa entre 2008 e 2013, agás no intervalo de idade máis de 65 anos, onde a ganancia redúcese en aproximadamente 2.600 euros.
 
Tamén cabe destacar que entre estas idades (20-30 anos) xa se perciben unhas diferenzas salariais medias que oscilan entre os 2.000 e 3.000 € entre homes e mulleres, pero isto non é algo que se atenúe coa idade, senón que se agudiza.
 
Por outra parte, tamén podemos encontrar unha variación significativa en función do tipo de traballo. Entre 2008 e 2013, o salario medio percibido en virtude do tipo de traballo -traballos temporais ou de duración indefinida- varía en función do sexo. Deste xeito, no traballo de duración indefinida, aumentan as ganancias en case mil euros, representando un aumento de 600 euros para as mulleres, respecto a un aumento de 1.439 euros para os homes. Por outro lado, o traballo temporal evoluciona á inversa: as ganancias redúcense en 500 euros para as mulleres, e en 804 euros para os homes.
 
Desta enquisa do INE extráese que aumenta a brecha entre traballadores temporais e indefinidos. No 2008 os primeiros cobraban de media un 68'8% do que percibían os indefinidos, mentres que no 2013 cobran un 63'4%.
 
Por outro lado, o traballo a tempo completo presenta un aumento de ganancias (ata 3.000 euros entre o período de 2008 e 2013), mentres que o traballo a tempo parcial exponse como o tipo de contrato máis precarizado, presentando unhas ganancias que non varían significativamente no tempo (a pesar de que na enquisa non se reflictan os contratos a tempo parcial nos que o traballador cobra como tal pero traballa como un a tempo completo).
 
A xeito de conclusión, podemos afirmar que a crise capitalista cebouse especialmente coa xuventude, viu como se precarizaban as súas condicións laborais (ao ser un sector onde predomina o traballo temporal e a tempo parcial) e deteriorarse o seu poder adquisitivo. Sería interesante, por outra parte, cotexar estes datos co aumento do custo de vida, dos beneficios das grandes empresas, etc. para obter unha visión máis ampla da explotación. Pero en calquera caso, a organización dos traballadores e traballadoras pola defensa dos nosos salarios e condicións de vida é a solución para pararlles os pés, antes de que nos teñan a todos traballando por unha miseria.
 
Antón Ferreiro. LibreRed
 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript