NÚMERO 281 - 13/07/2015
CUTUDC / Novidades
A historia económica está chea de exemplos de non pagamentos, reestruturacións e condonacións de débedas de países
Está claro que os nosos analistas
andan moi postos en cultura clásica: que manexo da
mitoloxía grega, que capacidade para encontrar en
deuses, heroes e batallas da antiga Grecia todo
tipo de metáforas coas que explicarnos o que está a
pasar na Grecia de hoxe.
Eu non quería ser menos, e pensaba escribir hoxe un
artigo sobre Grecia coa muleta dalgún mito, lenda
ou traxedia famosa, que sempre locen ben. Pero fago
repaso do publicado nas últimas semanas, e xa non
queda ningún libre, colléronos todos: do rapto de
Europa á batalla das Termópilas, de Cronos
devorando os seus fillos á caverna de Platón, da
vitoria de Pirro ao voo de Ícaro, o labirinto de
Teseo ou a desobediente Antígona, non queda xa unha
entrada da Wikipedia que non fose visitada estes
días polos articulistas.
Así que, postos a usar un mito, recorrerei a un dos
máis vellos, e dos máis venerados aínda nos nosos
tempos: ese que di que as débedas sempre se pagan.
Repíteno estes días gobernantes, expertos,
articulistas, tertulianos: as débedas sempre se
pagan, se che deixan diñeiro tes que devolvelo, as
débedas son sagradas. E para reforzar a idea
adóitanche dicir, en plan cuñao: " se o ti me
prestas diñeiro, queres que cho devolva, verdade?
". O problema de Grecia, insisten, é que non quere
pagar, e mentres se negue a pagar as súas débedas
non haberá acordo posible.
Pois non, perdoen: o de que as débedas son sagradas
é un mito tan certo como as mil formas en que Zeus
fecundaba as súas ninfas favoritas. A historia
económica está chea de non pagamentos de débeda ao
longo dos séculos. Practicamente non hai país,
entre os grandes, que non deixase de pagar unha
parte aos seus acredores nalgún momento, ben sexa
tras unha guerra, ben por unha insolvencia total.
España, sen ir máis lonxe, acumula máis dunha ducia
de suspensións de pagamentos no século XIX. E entre
os máis recentes, a mesma Alemaña, que como ben se
lle recorda estes días, viu como lle condonaban boa
parte das súas débedas ao rematar a II Guerra
Mundial. Por non falar dos moitos exemplos de
condonacións totais a países pobres.
Grecia non vai ser unha excepción. Non pagará toda
a súa débeda, non porque non queira, senón porque
non pode, porque é impagable. Mesmo aínda que toda
ela fose débeda lexítima (que non o é), non podería
pagala. Todos os actores deste teatro sábeno, e
todos teñen asumido que tarde ou cedo haberá que
reestruturala, con quita incluída, pero fanse os
parvos e aférranse á mitoloxía: as débedas son
sagradas.
Por suposto, a historia non só nos di que as
débedas non sempre se pagan. Tamén nos di que as
consecuencias son moi diferentes segundo a
correlación de forzas, a vontade dos acredores ou
os acordos que se alcancen. Hai reestruturacións
que alivian e outras que seguen asfixiando; hai non
pagamentos que liberan, e outros moitos que serven
para disciplinar pola vía de impoñer duros axustes
e reformas indesexables.
O que está en discusión hoxe en Europa non é se
Grecia paga ou non todas as súas débedas, senón
quen asume o custo do non pagamento, como se
reparten as responsabilidades e esforzos entre
acredores e debedor, que obteñen a cambio os que
aceptan a reestruturación, e que consecuencias terá
para os gregos. Todo o demais, mitoloxía.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript