NÚMERO 281 - 13/07/2015
CUTUDC / Novidades
Este goberno decide trasladar unha parte do recorte a xeito de rebaixa fiscal. Outra vez repite a mesma manobra que xa realizou o ano pasado: traslada aos que máis ingresos teñen, os fondos destinados aos que carecen deles.
O venres pasado anunciaba Rajoy
unha rebaixa fiscal, recorte nos ingresos públicos,
de 1.500 millóns de euros. Este recorte nos
ingresos vén precedido por recortes nos gastos por
falta de execución do presuposto aprobado en
decembro, entre os que destaca tanto pola súa
contía coma polo seu nivel de inxustiza, o recorte
en prestacións por desemprego, e, entre os recortes
de prestacións, destaca o engano nas axudas
vinculadas ao Plan de activación non tanto pola súa
contía como pola forma en que se realizou.
Nos cinco primeiros meses do ano a media de
beneficiarios de prestacións por desemprego foi de
2.271.814 persoas que supuxeron un gasto de 8.918
millóns de euros. A media de parados rexistrados
nestes meses foi de 4.455.700 persoas. En 2011, con
167.721 parados menos de media, houbo 635.307
beneficiarios máis, o que supuxo un gasto superior
en 3.827 millóns de euros.
O Presuposto de prestacións por desemprego para
2015 equiparouse ao gasto realizado en 2014:
gastaron 24.570 millóns de euros en 2014 e o
presuposto de 2015 foi de 25.300 millóns. A
diferenza entre o gasto dun e outro ano é, polo
tanto, recorte no gasto ou falta de execución
orzamentaria.
Nos cinco primeiros meses de 2014 gastáronse 10.940
millóns de euros en prestacións, o que supón 2.022
millóns máis que este ano. O recorte foi dun 18,5%.
A final deste exercicio é previsible que rolde os
cinco mil millóns de euros.
Este goberno decide trasladar unha parte do recorte
en forma de rebaixa fiscal. Outra vez repite a
mesma manobra que xa realizou o ano pasado:
traslada aos que teñen ingresos e especialmente aos
que máis ingresos teñen, os fondos destinados aos
que carecen deles.
O engano do Programa de Activación para o
Emprego
O 15 de decembro de 2014 na firma do Acordo entre o
goberno e interlocutores sociais sobre o Programa
Extraordinario de Activación para o emprego Rajoy
dixo textualmente: "Co desenvolvemento do Acordo
que asinamos hoxe, aproximadamente 450.000 persoas
recibirán axudas especiais para conseguir a súa
integración no mercado laboral".
O Consello de Ministros do 6 de marzo aprobou un
crédito extraordinario de 850 millóns de euros para
financiar durante 2015 o Programa de Activación
para o Emprego dirixido a desempregados de longa
duración con responsabilidades familiares.
O 24 de marzo de 2015 o senador socialista Ricardo
Varela interpela a Ministra de Emprego sobre a
posibilidade de conseguir o obxectivo adquirido de
alcanzar a protección de 450.000 parados sen
prestacións, dados os termos e requisitos
establecidos no actual Programa Extraordinario de
Activación para o Emprego.
A señora Báñez, despois de mencionar unha e outra
vez a herdanza recibida, dixo, tal e como figura no
Diario de Sesións do Senado: "Foi froito dun
intenso diálogo, con achegas de todos, con máis de
tres meses de traballo e numerosas reunións.
Deseñamos un programa novidoso e de urxencia que
antes non se fixera no noso país. Consensuáronse os
requisitos de acceso e tamén a estimación do número
de beneficiarios. Señor Varela, as propias
intervencións dos secretarios xerais de UGT e de
Comisións Obreiras no acto da firma recollen o que
lles estou a dicir, a estimación de beneficiarios
que vostede cuestiona na súa interpretación. Esa
estimación faise sobre unha consulta coas
comunidades autónomas, e dicimos que haberá uns
400.000 ou 450.000 potenciais beneficiarios deste
programa de urxencia. Un stock a data de inicio do
programa de entre 270.000 e 300.000 persoas e un
fluxo nos meses posteriores, ata a súa
finalización, de entre 130.000 e 150.000 persoas,".
O que a ministra Báñez afirmou no Senado é que este
Plan se desenvolvería en dúas fases: empezaríase
con 300.000 beneficiarios e mensualmente
incorporaríanse ata outros cento cincuenta mil.
Dado que o programa ten unha vixencia de 15 meses,
significa que cada mes habería unhas dez mil
incorporacións.
Este esquema é absolutamente lóxico porque a
maioría das incorporacións realízanse coas persoas
paradas que, figurando inscritas nas oficinas de
emprego a un de decembro, tiñan cargas familiares e
non percibían prestacións. Despois só se poden
incorporar os que, figurando tamén inscritas a un
de decembro, cumpran seis meses dende que esgoten o
Prepara ou a terceira RAI.
Resulta preocupante que ante o fracaso do Plan de
Activación, a ministra se escude en que "se
consensuou" cos sindicatos a estimación de
beneficiarios, máxime cando estas afirmacións da
ministra entran en contradición coa afirmación
realizada nesa mesma resposta de que a 19 de marzo
xa había setenta mil solicitudes.
Os datos de partida para poder facer as estimacións
non están en poder dos sindicatos. Estes descoñecen
o número de persoas inscritas nos Servizos Públicos
de Emprego a data un de decembro, cantas delas
percibiron o Prepara, o Prodi ou esgotaron a
terceira RAI; cantas teñen cargas familiares e
levan seis meses sen prestacións e non están a
cobrar unha renda social. Son datos que debe
achegar o Ministerio de Emprego que é quen ten os
rexistros. Os sindicatos soamente poden dar por
boas ou non unhas afirmacións do Ministerio.
O engano estaba servido. Os datos dos cinco meses
transcorridos certifícano.
PREVISIÓN DE BENEFICIARIOS E GASTO NO
PROGRAMA DE ACTIVACIÓN E REALIDADE A MAIO
FONTE: SEPE. Resumo mensual de
datos estatísticos. Elaboración propia
O gasto que se debería ter realizado a maio,
segundo se tome un ou outro extremo das previsións
da ministra, oscilaría entre os 426 e os 383
millóns de euros. O gasto realizado foi de soamente
51 millóns. O número de beneficiarios, tamén
segundo o intervalo das previsións, debería oscilar
entre as 287 mil e as 320 mil persoas. A 31 de maio
soamente houbo 55.886 parados con cargas que se
puideron incorporar como beneficiarios deste
programa.
Como resposta a preguntas escritas realizadas polo
mesmo senador sobre as solicitudes e as denegacións
deste programa, houbo 17.735 denegacións das que
3.334 corresponden a denegacións por esixir que o
programa polo que se solicite fose a última
prestación. O Programa de Activación para o Emprego
ten ata o mes de abril unha alta porcentaxe de
denegacións, un 25,4% que se reduce ao 20,6% se
excluímos o anterior motivo mencionado que foi
corrixido nas instrucións. Unha de cada cinco
solicitudes é denegada.
SOLICITUDES E ALTAS AO PROGRAMA DE ACTIVACIÓN
FONTE: SEPE Avance estatístico
mensual. Elaboración propia
Como se pode comprobar no gráfico anterior, entre
febreiro e marzo prodúcense 51.102 solicitudes e
36.139 altas no programa; no mes de abril 11.373 e
en maio 8.374. O stock a data de inicio, previsto
pola ministra en 300.000 beneficiarios quedou
reducido a soamente 36.139. As altas mensuais tamén
quedan algo por debaixo das dez mil previstas pola
ministra e roldarán as 8.500 altas, 1.500 menos do
previsto.
O gasto realizado ata o mes de maio foi de 51
millóns de euros, fronte aos 426 previstos. A
finais deste ano a diferenza entre o gasto que se
realizará e o inicialmente previsto será de 705
millóns de euros. A diferenza entre o gasto
comprometido e o realizado servirá para financiar o
47% da rebaixa de impostos. Era un gasto previsto e
cun financiamento adicional aprobado en Consello de
ministros que se desvía para financiar rebaixas de
impostos dos que máis teñen.
Os 426 euros que durante seis meses debían servir
como axuda para trescentas noventa mil familias sen
ingresos soamente será recibida, como moito, por
cento catorce mil. Se o propio Programa saía xa
coxo porque soamente durante seis meses
beneficiaría a menos dunha de cada tres persoas
paradas con cargas familiares e sen ingresos, vai
quedar reducido a pouco máis dunha de cada dez
persoas que están nesa situación. O engano no
Programa de activación para o Emprego servirá para
financiar o 47% da rebaixa fiscal inxusta e
electoralista de Rajoy.
Enrique Negueruela.
Nuevatribuna.es
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript