Xullo de 2015
 
 

NÚMERO 281 - 13/07/2015

   CUTUDC / Novidades

  XUNTA DE GALIZA
 

O titular de Facenda denunciado ante a Fiscalía por prevaricar nunha oposición

Un aspirante presentou un acta notarial uns días antes na que adiviñaba o número de aprobados, seis, e máis a metade dos nomes das persoas que superarían ese cuarto exame, tres.

 

  • Noticias relacionadas

 

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta denuncia ante a fiscalía ao conselleiro de Facenda, ao director xeral de Función Pública e á presidenta do tribunal dunha oposición polas supostas irregularidades cometidas que poderían ser constitutivas dos delitos de prevaricación e desobediencia.
 
Esta denuncia prodúcese con relación á repetición dun exercicio da oposición da Xunta de Inspección de Turismo convocada en 2001, tal e como xa informou GC. Este exercicio repetiuse, 14 anos despois, o pasado 17 de xuño, por mandato dunha sentenza do Tribunal Supremo ante as graves irregularidades acaecidas no desenvolvemento do 4º exercicio. Aínda que a sentenza é de 2009, non foi ata 2015 cando a Xunta a executa, unha execución rodeada de novas irregularidades e que a Administración autonómica se resistiu por máis de 5 anos a levar a cabo ata que houbo un apercibimento de imposición de multa coercitivas sobre a persoa do director da Función Pública. Finalmente, trala publicación do resultado do exame, o pasado 3 de xullo, comprobamos que non se executou nos termos que obrigaba a sentenza.
 
Deste xeito responden os traballadores públicos as declaracións de Feijóo quen insistiu en defender os tribunais desas prazas e dixo “respectar” as súas decisións. “As discusións sobre as ofertas de emprego público en Galicia son unha excepción, posto que a maioría das probas fanse con carácter xeral sen ningún tipo de incidencia", dixo hai uns días Feijóo ao ser preguntado por GC.
 
"O de que non pensaban executar a sentenza nos termos obrigados pola Xustiza era un segredo a voces en San Caetano tal que un aspirante presentou un acta notarial uns días antes na que cravaba o número de aprobados (6) e máis a metade dos nomes das persoas que superarían ese cuarto exame (3)", indican nun comunicado.
 
Segundo denuncian, algunhas destas irregularidades foron: a cobertura de unicamente o 50% das prazas convocadas en contra do indicado pola sentenza, "algo inédito na historia dos procesos selectivos da Administración autonómica", a coincidencia dos aprobados con persoas que prestan ou prestaron servizos no centro directivo competente en materia de Turismo ou a designación política do tribunal cualificador da proba.
 
Para a semana, a Xunta de Persoal ten previsto acudir ao Parlamento para poñer o caso en coñecemento dos grupos parlamentares da oposición co obxecto de que esixan as responsabilidades políticas pertinentes, entre elas, consideramos que a dimisión do actual director xeral da Función Pública.
 
Todos estes acordos foron tomados por unanimidade no Pleno extraordinario da Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza que tivo lugar o 9 de xullo "dada a gravidade da situación" e ante o requirimento de varios aspirantes deste proceso selectivo que pertencen aos servizos centrais e en cumprimento das súas funcións de velar polo cumprimento da legalidade vixente.
 
Galicia Confidencial

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript