NÚMERO 281 - 13/07/2015
CUTUDC / Novidades
O TXUE ditou unha sentenza de data 9 de xullo de 2015 (asunto C-177/14 Regojo Dans), pola que establece que os traballadores con contrato de duración determinada da Administración, como son os eventuais, teñen dereito a percibir os trienios que se conceden, entre outros, aos funcionari@s de carreira, sempre que ambas as dúas categorías de traballador@s se achen en situacións comparables en relación coa percepción do devandito complemento salarial.
Os feitos
A Sra. Regojo Dans presta servizos como persoal
eventual no Consello de Estado dende o 1 de marzo
de 1996. Anteriormente prestou servizos tamén como
persoal eventual, durante case dezaseis anos no
Tribunal Constitucional, e durante uns meses no
Consello Económico e Social, como contratada
laboral.
En xaneiro de 2012 a Sra. Regojo Dans solicitou ao
Consello de Estado que se recoñecese o seu dereito
a percibir trienios polo período en que prestara
servizos como empregada pública, a saber, 31 anos e
medio, e que se lle aboase o importe correspondente
aos últimos catro anos.
Desestimada a súa solicitude, a actora recorreu
ante a Sala Terceira do Contencioso-Administrativo
do Tribunal Supremo, alegando que a negativa a
recoñecerlle o dereito aos trienios constitúe unha
diferenza de trato fronte ao resto dos empregados
públicos, contraria ao Acordo marco da CES, a UNICE
e o CEEP, sobre traballo de duración determinada,
incluído como anexo na Directiva 1999/70/CE.
A Sala Terceira do Contencioso-Administrativo do
Tribunal Supremo debe determinar se é ou non
contrario ao principio de non discriminación
proclamado no Acordo Marco o feito de que os que
prestan servizos como «persoal eventual» nas
distintas Administracións Públicas, sen ser
funcionarios de carreira, non perciban o concepto
retributivo de «trienios». Este concepto
retributivo si que o perciben os funcionarios de
carreira e outro persoal público que desempeña os
seus servizos con carácter temporal: (i) os
funcionarios interinos e (ii) os funcionarios de
carreira que ocupan temporalmente postos de
traballo reservados ao persoal eventual, de modo
que podería constituír unha diferenza de trato
incompatible co principio de non discriminación.
Por iso o Tribunal Supremo formula ao Tribunal de
Xustiza varias cuestións prexudiciais, inquirindo
(i) se o persoal eventual debe considerarse
comprendido dentro da definición de «traballador
con contrato de duración determinada»; (ii) se ao
devandito persoal se lle aplica o principio de non
discriminación e (iii) se ten algunha relevancia
para estes efectos o réxime de nomeamento e
cesamento libre, fundado en razóns de confianza,
aplicable ao «persoal eventual» segundo as leis
españolas, de modo que podería xustificar un trato
diferente.
A sentenza do TXUE
Na súa sentenza ditada hoxe, o Tribunal de Xustiza
declara que o concepto de «traballador con
contrato de duración determinada», no sentido
do Acordo marco sobre o traballo de duración
determinada, debe interpretarse no sentido de
que se aplica a un traballador como a actora
(cláusula 3 do Acordo Marco).
Por outra parte, o Acordo Marco oponse a unha
norma nacional, como a Lei 7/2007, do 12 de
abril, do Estatuto básico do empregado público,
que exclúe, sen xustificación ningunha por razóns
obxectivas, ao persoal eventual do dereito a
percibir os trienios que se conceden, entre outros,
aos funcionarios de carreira, sempre que ambas as
dúas categorías de traballadores se achen en
situacións comparables en relación coa percepción
do devandito complemento salarial (cláusula 4
do Acordo Marco). O Tribunal Supremo deberá
comprobar que se dá efectivamente esta última
circunstancia.
O Tribunal de Xustiza sinala que da cláusula 3,
apartado 1, do Acordo marco, resulta que un
contrato de traballo ou unha relación laboral de
duración determinada se caracterizan polo feito de
que o final do devandito contrato de traballo ou da
devandita relación laboral «vén determinado por
condicións obxectivas tales como unha data
concreta, a realización dunha obra ou servizo
determinado ou a produción dun feito ou
acontecemento determinado».
Deste modo, debe considerarse que un contrato ou
unha relación de servizo, como o da actora, que
finaliza automaticamente cando se produza o
cesamento da autoridade para a que se desempeñen as
funcións, ten un prazo cuxo termo vén determinado
pola «produción dun feito ou acontecemento
determinado», no sentido da devandita cláusula.
Polo tanto, un traballador que se encontre nesa
situación é un traballador con contrato de duración
determinada.
En canto á exclusión do persoal eventual do dereito
a percibir os trienios recoñecidos, entre outros,
aos funcionarios de carreira, o Tribunal de Xustiza
recorda que xa declarou noutras ocasións que os
trienios están incluídos no concepto de «condicións
de traballo» a que se refire a cláusula 4,
apartado 1, do Acordo marco.
Polo tanto, os traballadores con contrato de
duración determinada non poden ser tratados a este
respecto de xeito menos favorable que os
traballadores fixos que se encontran nunha
situación comparable sen que exista xustificación
obxectiva ningunha.
O Goberno español observou que o persoal eventual é
unha categoría profesional distinta do resto de
categorías de empregados públicos establecidas no
Dereito español, tanto respecto das súas relacións
de servizo, os seus labores ou as funcións que
desempeñan, coma dos criterios de selección ou o
seu réxime retributivo. Segundo o devandito
Goberno, as diferenzas de trato entre o persoal
eventual e o resto de empregados públicos nacionais
non se reducen unicamente ao complemento salarial
por antigüidade (trienios). Polo demais, o Goberno
español puxo de manifesto que, a diferenza dos
funcionarios de carreira, que se seleccionan
mediante procedementos nos que se garanten os
principios constitucionais de igualdade, mérito e
capacidade, o persoal eventual é nomeado libremente
para realizar funcións de confianza ou asesoramento
especial con carácter temporal. O seu cesamento
tamén é libre e ten lugar con carácter automático
cando se produce o da autoridade á que se preste
esta función. O Goberno español considera que este
sistema de nomeamento e cesamento está xustificado
pola particularidade do labor profesional do
persoal eventual, baseado na confianza e
desempeñado no marco dun posto de natureza política
ou análoga.
O Tribunal de Xustiza sinala, non obstante, que o
labor profesional da Sra. Regojo Dans non consiste
no exercicio dunha función específica vinculada á
autoridade pública, senón máis ben no desempeño de
tarefas de colaboración relacionadas con
actividades de natureza administrativa. O Tribunal
Supremo debe determinar se os funcionarios de
carreira e o persoal eventual, con respecto ao cal
se alega unha diferenza de trato relativa ás
condicións de traballo, se achan nunha situación
comparable. Se o Tribunal Supremo considera que
a actora desempeñou, como persoal eventual, labores
idénticos ou análogos aos desempeñados por un
funcionario de carreira do Consello de Estado ou
dun órgano similar, o único elemento que podería
diferenciar a súa situación da dun funcionario de
carreira sería a natureza temporal da relación de
servizo que a vinculaba ao seu empregador
durante a prestación dos seus períodos de servizo
como persoal eventual. Nese caso, a Sra. Regojo
Dans encontraríase nunha situación comparable a dun
funcionario de carreira e procedería comprobar se
existe unha razón obxectiva que xustifique a
diferenza de trato entre ambos os dous
traballadores, que se concreta na negativa ao
recoñecemento de trienios en relación co seu
período de servizo.
A este respecto, o Tribunal de Xustiza recorda
que a referencia á mera natureza temporal da
relación de servizo do persoal da
Administración Pública non pode constituír, por si
soa, unha razón obxectiva, no sentido da cláusula
4, apartado 1, do Acordo marco. Engade que unha
diferenza de trato polo que se refire ás condicións
de traballo entre traballadores con contrato de
traballo de duración determinada e traballadores
fixos non pode xustificarse por un criterio que se
refire á propia duración da relación laboral de
xeito xeral e abstracto.
Se se admitise que a mera natureza temporal
dunha relación laboral abonda para xustificar esa
diferenza estaríanse a frustrar os obxectivos
da Directiva 1999/70 e do Acordo marco: en lugar
de mellorar a calidade do traballo con contrato de
duración determinada e de promover a igualdade de
trato, estaríase a perpetuar o mantemento dunha
situación desfavorable para os traballadores con
contrato de duración determinada.
Ante os argumentos do Goberno español sobre a
especificidade e peculiaridades do persoal eventual
(que consideran razóns obxectivas que xustificarían
a desigualdade de trato), o Tribunal de Xustiza
estima que, se ben determinadas diferenzas
relativas ao nomeamento dos funcionarios de
carreira, ás cualificacións requiridas e á natureza
das funcións cuxa responsabilidade deben asumir
poden, en principio, xustificar unha diferenza de
trato en canto ás súas condicións de traballo, non
parece que sexa así no caso da Sra. Regojo Dans. A
este respecto destaca que, segundo a Lei 2/2012, os
funcionarios de carreira que, en situación de
activo ou de servizos especiais, ocupen postos de
traballo reservados a persoal eventual percibirán
os trienios de que se trata.
O feito de que os funcionarios de carreira
poidan ter dereito a eses complementos salariais
mesmo durante o tempo en que exerzan os labores que
corresponden o persoal eventual contradí a
alegación do Goberno español segundo a cal a
natureza particular das funcións de confianza ou de
asesoramento especial que desempeña o persoal
eventual diferencia estes dous tipos de persoal e
xustifica unha diferenza de trato entre eles no que
atinxe ao aboamento dos devanditos complementos
salariais.
http://noticias.juridicas.com/actualidad/noticias/10334-el-personal-eventual-de-la-administracion-tiene-derecho-a-la-percepcion-de-trienios/
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript