NÚMERO 283 - 07/09/2015
CUTUDC / Novidades
Dende o sindicalismo de clase estamos en posición de asegurar que as "crises migratorias" non existen. Para o dicionario da RAG, crise significa "Momento grave, situación difícil pola que atravesa momentaneamente alguén ou algo que está en evolución, como unha empresa, un país, unha situación etc".
Seguir cualificando as miles de
mortes que se producen nas fronteiras interestatais
ou en augas internacionais de crise é invisibilizar
a máis cruel das realidades: detrás destas mortes
hai un complexo xogo de intereses dirixido
principalmente a abaratar a man de obra. Hai, polo
tanto, unha dirección política consciente desta
masacre. Nun libro imprescindible, "Un deseo
apasionado de trabajo máis barato y servicial" o
asturianu Eduardo Romero explica de maneira
brillante a lóxica dos fluxos migratorios no
contexto do capitalismo avanzado. O autor
recórdanos ao primeiro algo que non é baladí: a
publicación dunha banda deseñada titulada "Sueños
de vida" patrocinada pola ETT Adecco, El Corte
Inglés, Carrefour, Iberia ou Coca-Cola (entre
outras) e editada pola vergoñenta coorporación
sindical CCOO. Neste obsceno relato caricaturízase
a un mozo, Mamadú, que nos lembra na fala ao
retrato colonial da cinematografía ianqui sobre os
pobos indíxenas, para finalmente denigrar a
inmigración "ilegal" e chamar a fluxos migratorios
"ordenados e regulados". Neste tipo de posicións é
onde o sindicalismo se confunde coa extrema
dereita.
Ninguén pode agardar dos diferentes estados
capitalistas europeos (ou do norte do mundo) que
despois dunha política de aberto espolio económico
e do desenvolvemento das máis brutais guerras por
puros intereses xeoestratéxicos desenvolvan unha
política para mitigar os efectos humanos destas
contendas, pois a última característica que se pode
predicar do capitalismo é o seu carácter
humanitario. Mais o preocupante é que o ciclo da
súa perversión non remata aquí: unha vez espoliados
os seus bens e destruídos os circuítos produtivos
nos seus países de orixe, estes estados foron
dotándose dunha lexislación (dende o europeo Acordo
Schengen e sucesivos á española Lei de
Estranxeiría) ao obxecto de aproveitarse da
situación dramática destes pobos que se ven
forzados a migrar. Dunha banda regularizan un
sector da inmigración mais da outra, someten a unha
importante parte, cuxa entrada se vai realizar por
fóra das autorizacións previstas, aos seus poderes
policía. Non hai nada mellor para silenciar e
escravizar ás inmigrantes que extirparlle un a un
todos os seus dereitos e sometelas á discreción do
Estado: "se calas terás traballo, se te moves serás
deportado/a".
A Xunta de Galiza titulaba unha nota de prensa
"Galicia, una comunidad que crece de la mano de la
inmigración" (sic). É coñecida a necesidade do
Capital de manter certa constancia demográfica para
soster un exército de reserva de man de obra e
dende esta óptica, no noso contexto, a inmigración
é unha realidade necesaria para o Capital. "Ora
ben, moito mellor", pensa o Capital, "se no canto
de a regularizar ou abrir fronteiras, o feito de
endurecer as políticas migratorias nos permite por
unha banda crear un inimigo interior (afianzando un
noxento discurso da xenofobia) e por outro abaratar
os custos destas traballadoras e traballadores,
pero non só, senón que serve para abaratar os
custos de toda a man de obra, galega ou
estranxeira". "Un irregular curra máis barato do
que un regular e isto é bo, pero se un inmigrante
curra máis barato do que ti, máis vale que vaias
pensando en currar aínda máis barato, por suposto,
por baixo do Convenio, e isto é magnífico para nós"
pensa o empresariado de ben.
O reverso de todo isto son as mortes. Mentres se
organiza unha situación de clandestinidade
parapolicial para as e os inmigrantes estes
compañeiros e compañeiras, traballadores e
traballadoras doutros puntos do mundo, viven unha
situación de dificultades e sometemento extremo
para entrar nos diferentes países, en mans de
mafias e dependentes de métodos de transporte
riscoso para as súas vidas, xa sexa por terra ou
por mar. Co noso movemento obreiro, que leva anos a
forxarse nos principios do internacionalismo
proletario, aprendiamos que independentemente de
calquera circunstancia nacional, a clase obreira é
unha e unida, ao longo de todo o globo, loitando
por un mundo mellor onde deixemos de ser escravas e
escravos do traballo asalariado. Sen diferenzas de
etnia ou cor. Man a man.
Non hai unha crise migratoria: hai unha masacre
programada e asasinatos de traballadoras e
traballadores que se contan por centos. O racismo e
a xenofobia son, compañeiras e compañeiros, unha
ferramenta do Capital para nos dividir e denigrar
máis aínda as nosas condicións no traballo. Para a
CUT, e para toda central sindical que aínda se
digne de portar tal nome, ningún traballador e
ningunha traballadora é ilegal.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript