NÚMERO 283 - 07/09/2015
CUTUDC / Novidades
Afirma a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) que incrementou a oferta de 30 cursos de lingua preparatorios do CELGA. Sabendo que o incremento foi de 30 cursos, podemos preguntarnos a canto ascenderá o total. A 100?, quizais a 130?. Mesmo neste caso falariamos dun incremento ben importante, dun 30%. Ao lermos o corpo da noticia ficaremos desconcertados xa que o total ascende a 30. Neste 2015 aínda non se convocaran cursos preparatorios do Celga.
Para acaba de aclarar totalmente en
que consistiu o presunto incremento, basta con que
recuperemos os datos dos anos anteriores.
Recollendo as cifras ofrecidas pola propia SXPL
para o
2010,
2011,
2012,
2013,
2014, e a referida
deste mesmo ano, obtemos un gráfico que fala sen
ter que lle engadir máis comentarios:
Gráfico elaborado cos datos obtidos da SXPL
Este non é máis que un capítulo habitual do delirio
fantástico no que está instalada a política
lingüística da Xunta. As columnas que a sosteñen
son a desinformación e a mentira. Para aceptar esa
política temos que asinar un contrato no que nos
comprometamos a tragar coa mentira, a admitir a
discriminación do galego e a apuntarnos nas filas
do autoodio. Como desde San Caetano se practica
unha continua agresión á nosa lingua non lles queda
outra alternativa que a creación e difusión dun
mundo irreal. De non o facer así multiplicaríanse
as posibilidades dunha contestación social. Só é
posible manter no tempo o engano porque contan coa
axuda dunha tupida rede de medios servís que
desprezan o galego e que nin o usan nin tampouco o
respectan.
Aínda que desde a SXPL queiran centrar (e perder) o
debate arredor da cantidade de cursos preparatorios
impartidos, o fundamental non está nesas cifras. A
historia dos Celga dos últimos anos demostrou que
non se podía facer peor. Non houbo diálogo cos
traballadores que se encargaban dos cursos,
creándose un duro conflito laboral que acabou
xudicializándose. O desprezo mostrado pola SXPL
pechou todas as portas a futuras negociacións. En
ningún momento se abriron mesas de análise sobre os
defectos que tiña o funcionamento do sistema dos
Celga. Despois de preparar en cursos específicos ao
profesorado colaborador, no pasado ano académico
foi contratado profesorado que non tiña esa
formación. A Coordinadorna de Traballadores de
Normalización da Lingua (CTNL) ofreceu hai tres
anos, antes de que estoupara o conflito laboral,
unha proposta de mellora de xestión e planificación
que podía evitar o desastre posterior. Polo
momento, o resultado final é o dunha nova xeira
reducida e apresurada de cursos Celga que comezan
cando xa tiña que estar todo o proceso rematado.
Durante toda esta desfeita non se falou en ningún
momento de normalización lingüística, xa nunca se
abriu esa posibilidade. Por exemplo, endexamais se
elaboraron os currículos dos Celga atendendo a
criterios da mellora das actitudes lingüísticas.
Tampouco se trataron de establecer os niveis Celga
máis acaídos para poder acceder aos distintos
postos da administración. Pero, como había de ser
isto posible se a primeira medida tomada por Feijóo
no seu primeiro mandato foi eliminar a esixencia do
coñecemento do galego nas oposicións?
O capítulo dos Celga é como unha cullerada. Toda a
sopa que coce a Xunta no referente á política
lingüística ten o mesmo sabor. Hai case un ano o
Instituto Galego de Estatística (IGE) publicaba un
estudo no que se daba a coñecer unha diminución do
13% do uso do galego no período 2001-2011. O
informe poñía en evidencia a necesidade de inverter
as medidas que se tomaron no último lustro sobre
(ou, para sermos máis exactos, contra) o galego.
Afirmou nesta ocasión a SXPL que consideraba
positivos os datos do IGE por darse un incremento
no uso.
ProLingua
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript