Setembro de 2015
 
 

NÚMERO 283 - 07/09/2015

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Isaac Rosa
 

Santa Ángela dos Refuxiados

A mesma Merkel onte desapiadada cos gregos hoxe abre os brazos aos refuxiados? O en ambos os dous casos defende os intereses alemáns?

 

  • Noticias relacionadas

 

Á chanceler alemá sentáronlle ben as vacacións, fixo exame de conciencia e ao chegar setembro colgou nun imán da neveira os seus propósitos para o novo curso: "Vou ser boa, vou ser boa, vou ser boa". Tras pisar en xullo os pobres gregos pobres, e facer chorar a unha meniña palestina, a dona Angela Scrooge aparecéuselle a fantasma do nadal futuro e díxolle que por ese camiño acabaría soa e amargada.
 
Así que aí a teñen: hai só un mes retratabámola con bigotiño hitleriano, e hoxe é recoñecida como a campioa da solidariedade, a nai amante dos parias da terra, a que afea a Europa a súa falta de piedade. A diferenza doutros gobernantes, ela non necesitou ver un neno morto na praia para que se lle abrande o corazón: o seu é bondade sen colorantes artificiais. Mentres os malos europeos poñen aramados e se lavan as mans, a irmá Merkel estende alfombra vermella a 800.000 desvalidos.
 
Que nooooon, dime un malpensado: que non hai caída do cabalo, nin tampouco un trastorno de personalidade, unha Angela Jekyll cos refuxiados que ao ver un grego se converte en Merkel Hyde; senón unha soa Angela Merkel que con sirios e gregos fai exactamente o mesmo: defender os intereses de Alemaña. Nin unha santa cos refuxiados, nin unha demo cos gregos: só defende os seus intereses. Os da clase dominante alemá, aclaremos, que non teñen por que coincidir cos da maioría social alemá. Nin por suposto cos intereses dos refuxiados. A vontade de acollida de Merkel coincide estes días coa impresionante onda de solidariedade da poboación alemá, e coas necesidades urxentes dos refuxiados, así que benvida sexa. Pero non están a pensar no mesmo.
 
Alemaña necesita que cheguen millóns de traballadores nos próximos anos. O envellecemento da poboación é un problema para o seu mercado laboral e o seu sistema de pensións, e hai tempo que asumiron o seu futuro como país de inmigración. Repito: necesitan millóns de traballadores. A mi-llóns. Moitos. Que oímos millóns e parécenos unha avalancha, pero hai que recordar que en España, durante a década prodixiosa (1998-2008), chegaron cinco millóns de estranxeiros. Repito: cinco millóns. Imaxinen cantos pode recibir a xigantesca locomotora europea. Ou o conxunto de Europa, cos seus cincocentos millóns de habitantes. Ou a propia España.
 
Así que, ante a crise de refuxiados, Alemaña fai da necesidade virtude. Santa Angela abre os seus brazos e o seu corazón, pero non a calquera morto de fame: quere traballadores cualificados. Que a Alemaña se lle deu sempre moi ben a selección de persoal. Viñéronlle de perlas os españois que chegaron estes anos co seu titulitis na maleta. E viranlle moi ben os sirios, que como repiten os medios, "son coma nós": educados, formados, xente traballadora. "Non como eses negros que entran polo sur", lese entre liñas. Os aramados europeos non están para pechar o paso, senón para filtrar en plan porteiro de discoteca: ti si, ti non, ti si, ti non...
 
No seno amoroso de Merkel caben moitos, pero sen pasarse: este ano quedará cunha boa parte, pero non con todos. Os que lle sobren colocaraos en cotas por toda a Unión. Non só iso: a súa proposta conxunta con Hollande inclúe o retorno dos "inmigrantes irregulares" aos seus países de orixe, "acompañalos á fronteira de xeito digno". Que o amor dunha nai é grande, pero tamén ten limites.
 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript