NÚMERO 283 - 07/09/2015
CUTUDC / Novidades
Segundo os datos achegados pola CEAPA (Confederación de Pais de Alumnos) un terzo das familias non poderán facer fronte ao gasto que supón a volta ao cole. A suba do IVE do material escolar e do IPC dos libros, a retirada de axudas por parte das institucións ou a obriga de comprar novos libros pola LOMCE son algúns dos motivos.
Os diferentes diarios de carácter
local e das comunidades autónomas realizaron
estudos para calcular o gasto que supón a chamada
"volta ao cole" para as familias. A maioría móvense
entre os 400 e os 800 euros, dependendo de en que
comunidade se estude e se, ademais, hai algúns
gastos "extra" como uniforme, taxas no colexio...
"A volta ao cole", polo tanto, supón desembolsar
practicamente un soldo enteiro só en material
escolar. Ata agora o gasto podía asumirse por
distintos motivos. En primeiro lugar, tanto o
Goberno central coma os gobernos autonómicos
dispoñían dunha serie de axudas para as familias
con menos recursos.
Segundo denuncia a propia CEAPA as axudas das
Comunidades Autónomas reducíronse nun 75%. A iso
hai que sumarlle a redución do 60% do Goberno
central. Sen ir máis lonxe, no curso 2011-2012 case
un millón de familias beneficiáronse destas axudas.
Ao curso seguinte (curiosamente, o ano do primeiro
gran tasazo) 396.000 familias recibiron estas
axudas.
Por se iso fose pouco o prezo dos libros e do
material escolar foi aumentando. Isto é debido, en
primeiro lugar, ao aumento do IVE do material
escolar ao 21% e tamén un incremento do IPC dos
libros dun 2,3%.
Ante a falta de axudas e o incremento do gasto
moitas familias optaban por crear os chamados
"bancos de libros" onde son os propios particulares
os que regalan os libros de cursos anteriores e, a
cambio, poden acceder a libros de segunda man dos
cursos que van iniciar de xeito totalmente
gratuíto. Desgraciadamente, a entrada en vigor da
LOMCE que obrigou a modificar 180 materias, impide
esta práctica.
Xa se vén denunciando, dun tempo a esta parte, que
as editoriais cambian cada pouco tempo (normalmente
cada dous anos) o contido dos seus libros para
obrigar as familias a adquirilos de novo.
Normalmente eses cambios adoitaban ser pequenas
modificacións como alterar a orde dos temas ou
incluír algún apartado máis. Pero co cambio da Lei
Orgánica que regula a educación de primaria e
secundaria o cambio foi radical. Os cursos que xa
aplican a LOMCE mandan os libros de texto do curso
anterior ao cubo do lixo.
A realidade é que, xa sexa pola redución de axudas,
o incremento do prezo dos libros ou a
imposibilidade de pasar os libros dunha familia a
outra (ou unha combinación de todas elas) é cada
vez máis difícil afrontar estes gastos. Así, a
CEAPA calculou que unha de cada tres familias non
vai a poder afrontar os gastos que supoñen "a volta
ao cole".
Esta situación supón outro ataque á educación e,
especialmente, ao acceso á educación dunha parte da
poboación. Neste caso non estamos a falar dun
ataque directo ao acceso como pode supoñer a suba
de taxas ou a eliminación de prazas.
Con esta situación aínda que os alumnos poidan
acceder ao colexio ou ao instituto non van ter os
materiais necesarios para poder afrontar con
garantías as probas e exames. Iso supón non só
outro xeito de expulsión senón que ademais vai
constituír un elemento máis para construír un
discurso en contra dos estudantes con recursos máis
modestos. Pois sen libros ou con libros
desactualizados os mozos non van poder aprobar ou
terano moi difícil. Así, as estatísticas van
mostrar que os nenos fillos de traballadores
suspenden máis e obteñen peores cualificacións; un
gran motivo para retirar bolsas e axudas.
Finalmente nesta cuestión escóndense grandes
intereses económicos das editoriais. Como xa
denunciou a CEAPA cando había diñeiro nas arcas
públicas o Estado dedicouse a dar axudas para
comprar libros en vez de fomentar bancos de libros
de carácter público.
Ana Escauriaza
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript