NÚMERO 284 - 14/09/2015
CUTUDC / Novidades
As diferentes mobilizacións gandeiras que protagonizan con mérito a axenda política e sindical estes días deron en ser unha auténtica escola. Ao primeiro pola firmeza, a contundencia e a dignidade malia as diferenzas; despois porque, fronte a unha solidariedade maioritaria do conxunto da sociedade, seguen a darse expresións de odio ao noso medio rural a través da repetición de mantras, estereotipos ou discursos baldeiros que non cansaremos de combater.
Con todo, un
dos conflitos máis reveladores foi o cerco no
Polígono do Tambre ao centro loxístico da
multinacional DÍA. Malia que as causas polas que
esta empresa resultou un obxectivo central das
nosas gandeiras e gandeiros foron invisibilizadas
pola prensa (negativa a asinar un acordo favorable
ao recoñecemento dun prezo digno para o leite,
constante tráfico de ofertas no leite a baixo custo
empurrando o prezo/litro por baixo dos custos de
produción...), os mass media non dubidaron en
anunciar, unhas páxinas despois dunha enorme
publicidade a cor desta multinacional, que Día
procedera a un peche patronal.
La Voz de Galicia titulou vergoñentamente "El
bloqueo del almacén de Día deja sin salario a sus
120 trabajadores". Nalgunha foto o "pijo" Jorge
Atán, subdelegado do goberno, presentándose como
mediador/mercader en tempos de precampaña
electoral. Día realizando un peche patronal de
carácter absolutamente ilegal con grande resonancia
(e apoio) mediática, tendo en conta que o lock-out
é unha medida que a patronal pode utilizar contra
os seus propios traballadores e traballadoras en
determinadas condicións e no contexto dunha folga,
nunca fronte a terceiros, como é o caso.
Un clásico clase contra clase. Día pretendendo
enfrontar aos traballadores e traballadoras cos
nosos gandeiros e gandeiras coa ferramenta do
salario. Intentando provocar unha fenda que, coa
axuda dos voceiros do poder quebre a tan
maioritaria expresión de solidariedade que se leva
dado na batalla polo leite. Segundo La Voz é o
bloqueo o que os deixa sen salario, e non a
decisión empresarial do lock-out, como resulta
obvio. E finalmente, todos ao unísono apraudindo
coas orellas unha medida de Día, de carácter
absolutamente ilegal e prohibida pola Lei, como é o
peche patronal nesta situación, facéndonos ver ás
claras que non lles preocupan que a Lei se
incumpra, senón que o que lles preocupa é quen a
incumpre.
Estes conflitos clase contra clase só se gañan se
nos adiantamos ás trampas do capital e os seus
mercaderes. A xenerosidade e a solidariedade entre
as clases populares é un dos piares da súa derrota
que é a nosa vitoria. Contra os seus enganos:
reforzar aínda máis a unidade obreira e popular.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript