Setembro de 2015
 
 

NÚMERO 284 - 14/09/2015

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA - A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
 

ADIF apela á tradición franquista para deturpar a toponimia galega

Nunha resposta a unha reclamación sinalan que “los nombres de las ciudades los determina la tradición” e que “ en ningún sentido está desaconsejado decir El Ferrol”. Adif mostra continuamente desprezo pola toponimia galega e a lexislación que sinala que é a única válida e legal, o que podería ser considerado un delito de prevaricación.

 

  • Noticias relacionadas

 

“Los nombres de las ciudades los determina la tradición. Su nombre será siendo (sic) el que empleen la mayoría de los hablantes, pero en ningún sentido está desaconsejado decir El Ferrol”. É a curiosa resposta a unha reclamación dun usuario pola utilización reiterada de toponimia deturpada por parte da compañía pública no caso de Ferrol, que se engade a moitas outras como Orense ou La Coruña, xa denunciadas noutras ocasións pola Mesa pola Normalización Lingüística.
 
ADIF mostra así, máis unha vez, o seu desprezo non só pola tradición galega que invalida a favor da establecida no franquismo (El Ferrol del Caudillo), mesmo contra o acordo unánime do concello de Ferrol que ratificou este nome como única forma válida ao retirarlle a engádega “del Caudillo”,  mais tamén o desprezo pola lexislación que establece que a única forma válida é a galega (artigo 10 da Lei de Normalización Lingüística), e o seu rexeitamento a todas sentenzas do TSXG que inciden na mesma cuestión tras accións tomadas pola Mesa.
 
“Apela sempre ADIF á tradición para incumprir a lei, ou só o fai contra Galiza e o galego? Que criterio empregan para determinar, validar ou invalidar a suposta tradición?“ Perguntou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira, para quen os argumentos de ADIF son propios de quen toma por parvos os seus usuarios e usuarias e constitúen un insulto á intelixencia das galegas e galegos.
 
A deturpación constante da toponimia non se pode consentir en ningún caso e menos por parte dun organismo público que, precisamente por selo, debe ser o primeiro en cumprir escrupulosamente a legalidade. Da Mesa lembran que xa antes de que existise Adif ou mesmo os camiños de ferro, o pobo galego existía e denominaba Ferrol, A Coruña ou Ourense as estas cidades, entre ou non no concepto de tradición que ten Adif.
 
A Mesa pola Normalización Lingüística porá máis unha vez este caso en coñecemento do Valedor do Pobo e da SXPL para que tomen as medidas necesarias e dirixirase a ADIF e ao Ministerio de Fomento para que repoña inmediatamente a legalidade, sen descartar acudir aos tribunais diante da burla constante e reiterada dunha compañía pública á establecido na lexislación o que podería constituír un delito de prevaricación.
 
Arquivos anexos a descargar:
ADIF Ferrol (478 kB)

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript