NÚMERO 285 - 21/09/2015
CUTUDC / Novidades
"Que hai detrás da construción do novo hospital de Vigo?. Quen tivo contratos na súa xestión?. Quen se encargará de cobrar por servizos que antes eran públicos e agora son privados?... Son preguntas que se fan moitos dos usuarios do Álvaro Cunqueiro, asociacións e sindicatos sanitarios e, en moitas das respostas, aparece sempre xente vinculada ao PP.
A maior parte
das obras foron adxudicadas a Acciona, unha empresa
que aparece citada nos papeis de Bárcenas e na que
traballou Carmen Becerril, ex directora xeral de
Política Enerxética e Minas co PP, que foi
presidenta de Acciona Energía ata 2013 e desde 2013
a 2014, directora xeral de Internacional desta
compañía. Tamén aparece vinculada a este hospital,
Ana Sánchez, quen foi viceconselleira de Asistencia
Sanitaria da Consellería de Sanidade de Madrid.
A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública
vincula os recortes e deficiencias no novo hospital
de Vigo á falta de control na execución das obras e
especificacións técnicas do centro sanitario. Esta
entidade critica que a Oficina Técnica de
Seguimento do hospital fora dirixida pola empresa
Efficientia Clinical Management, firma dirixida por
Ana Sánchez, e nomeada na Consellería de Sanidade
de Madrid por Juan José Güemes, xenro do ex
presidente da Deputación de Castelló, Carlos Fabra.
O 13 de maio de 2011, a entón conselleira de
Sanidade, Pilar Farjas- que posteriormente sería
secretaria de Estado de Sanidade con Ana Mato-
asina unha resolución na que se encarga á empresa
pública de servizos sanitarios, Galaria, que se
faga cargo da Oficina Técnica de Seguimento (OTS)
do novo hospital de Vigo para “controlar e
supervisar o cumprimento da execución do contrato
entre o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a
Sociedade Concesionaria do Novo Hospital de Vigo
S.A.
A OTS tamén se encargará da “redacción dos
proxectos, seguimento das obras e seguimento do
plan de equipamento, ademais de realizar o
seguimento, control e coordinación do conxunto de
accións necesarias para a posta en marcha do
hospital e coordinar a planificación do traslado”.
Galaria decide ceder todas estas xestións a
Efficientia Clinical Management, a compañía de Ana
Sánchez- constituída o 27 de xaneiro de 2011,
apenas 4 meses antes- que, de acordo coa orde
citada, publicada no Diario Oficial de Galicia,
debe facerse cargo das mesmas até dous anos despois
da posta en marcha do novo hospital, é dicir, até
2017.
Ademais, tamén se subroga no que se refire ao cobro
da cantidade que debía de ser satisfeita a Galaria
para a realización dos labores de control,
exactamente 3.957.357 euros, máis IVE, cantidade
que debe ser pagada pola Sociedade Concesionaria do
Novo Hospital de Vigo S.A., a empresa que construíu
o hospital e concesionaria da maioría dos seus
servizos non sanitarios.
De acordo coa denuncia da Plataforma, esta empresa,
que debe de facerse cargo do control e a
supervisión do novo hospital, aproba o recorte do
número de camas, que pasan de 1.465 do proxecto
inicial a 845; tamén se suprimen, integramente, as
unidades de Queimados e de Cirurxía Maxilofacial;
redúcese o número de quirófanos previstos pasa de
35 a 24, a superficie de Urxencias-a pesar de que o
Álvaro Cunqueiro asume as do Xeral e Meixoeiro, que
se colapsaron durante anos- queda en 4.300 metros
cadrados, fronte aos case 6.000 deseñados e, por
tanto, haberá menos camas, exactamente 40 menos:
das 72 anunciadas ás 32 reais.
Os recortes no novo hospital
Ademais, o hospital perde o laboratorio central,
que se situará no Meixoeiro; redúcese o ámbito
destinado a investigación; o parking, que se
especificaba que sería público e gratuíto, pasa a
ser de pago; o inmoble queda sen o certificado de
eficiencia enerxética; non se termina a
localización da sala de resonancias- que se está
realizando nun camión no exterior do hospital.
A plataforma denuncia que estes recortes abarataron
ao máximo,a calidade dos materiais de construción,
causando problemas nos primeiros días de
funcionamento; “inundacións, caída de reixas,
imposibilidade de cravar nada ás paredes, baños con
aplicacións de plástico, falta de tomas de auga
para beber á marxe das billas dos baños,
almacenamento de produtos en andeis improvisados e,
finalmente a paralización do traslado por mor da
mala calidade do aire en varias zonas e a morte
dunha paciente na UCI á que se lle detectaron
rastros de Asperfillus”.
“Pese a todos estes recortes e deficiencias a
empresa encargada do control de calidade non fai
informe contrario algún e, ademais, o orzamento
final do hospital dispárase: dos 450 millóns
estimados no primeiro proxecto chega a 1.360
millóns”, indica. Deste xeito o Servizo Galego de
Saúde deberá pagar un canon de 68 millóns á empresa
concesionaria durante 20 anos, aos que hai que
sumar os custos dos servizos que presta como
limpeza, lavandaría, cociña, seguridade, transporte
de roupa, mantemento, esterilización, cafetaría,
máquinas de vending, servizos de conexión a
Televisión, Radio e Internet, xestión enerxética,
xardinaría, informática ou xestión de residuos.
Tamén a recollida e entrega de mostras biolóxicas,
petición de probas, correo interno, envases
hemodinámicos, medicación de farmacia, carros de
medicación, material procedente ou con destino a
esterilización ou documentos para a súa destrución.
Isto elevaría o seu custo final, de acordo coas
estimacións da Plataforma en Defensa da Sanidade
Pública, até 1.795 millóns, cantidade que deberá
cobrar a concesionaria. Por iso, a plataforma pide
a constitución dunha Comisión de Investigación no
Parlamento de Galicia."
(Galicia
Confidencial, 17/09/2015)
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript