Outubro de 2015
 
 

NÚMERO 287 - 05/10/2015

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Resumo do Consello de Goberno. As eleccións de reitor serán, previsiblemente, a primeiros de decembro

O día 29 de setembro realizouse un novo Consello de Goberno. Durante o desenvolvemento da sesión pasou un pouco de todo, púxose de manifesto o desacordo entre Fisioterapia e Ciencias do Deporte a causa dun mestrado, o reitor puxo prazo para o comezo do proceso de novas eleccións a máximo representante da institución, informóusenos das protestas que, nalgún centro, realizou o persoal de limpeza e os alumnos protestaron pola precarización das bolsas.

 

  • Noticias relacionadas

 

Informe do reitor
 
O reitor sinala que, na reunión da CRUE realizada o 7 de setembro púxose de manifesto que hai universidades interesadas na implantación dos graos de 3 anos para as novas titulacións.
 
Rómpese, deste xeito, a unidade das universidades á hora de opoñerse á implantación do decreto de 3+2
 
No que si hai acordo na CRUE é en posicionarse ao redor de que as promocións docentes non computen na taxa de reposición.
 
Informa, tamén, de que se está a piques de asinar o acordo coa Deputación para que parte do internado Calvo Sotelo sexa utilizado como residencia universitaria. A concesión sería por un período de 10 anos ampliable a outros 5. As obras necesarias para a adaptación correrán a cargo da Deputación e a xestión realizarase pola universidade con contará, deste xeito, con entre 80 e 100 prazas de aloxamento público.
 
A vicerreitora de Planificación Económica sinala que, parece que o Plan de financiamento para 2016 está pechado.
 
No punto 5, títulos propios de posgrao, a Facultade de Fisioterapia móstrase totalmente contraria a que se manteña “Prescripción de exercicio físico en patoloxías” no título e contidos da VII edición do Mestrado en Actividade Física e Saúde e o seu curso derivado de Especialización en Prescrición de Exercicio en Patoloxías.
 
Retirouse da orde do día a proposta deste Mestrado para facilitar o acordo entre a Facultade de Fisioterapia e a Facultade de Ciencias do Deporte.

Na quenda aberta de intervencións pregúntanlle ao reitor sobre os prazos para a elección do novo reitor.
O reitor sinala que, posiblemente, no vindeiro Consello de Goberno o propio reitor dará conta da convocatoria electoral realizándose as votacións, presumiblemente, a primeiros do mes de decembro.
 
Sinálanlle, tamén, ao reitor que nalgún centro apareceron panfletos e carteis da índole do que se xunta o que está a crear un certo desacougo na comunidade universitaria de ditos centros, o que si é certo é que hai un problema coa limpeza maniféstanlle.
O xerente indica que, recentemente, tivo unha reunión cos representantes sindicais das empresas de limpeza onde se aclarou a situación.
 
Un alumno chamou a atención sobre a diminución económica das bolsas de colaboración acusando á universidade de que esa diminución drástica non se acompañou, nin tan sequera, da correspondente diminución nos horarios, precarizando, deste xeito, como pasa fóra da institución (na empresa privada) a labor do estudantado.
 
A mensaxe que publicamente difunde a institución é clara, se nós (a universidade) chegamos a este límite de precarización, está moi ben que, de igual maneira, se precaricen as condicións laboral d@s titulad@s.
Responde a vicerreitora indicando que, aínda que a diminución da remuneración  das bolsas é importante, sitúase lixeiramente por riba da media do estado.

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript