NÚMERO 287 - 05/10/2015
CUTUDC / Novidades
Na noite do mércores 23 chamoume un compañeiro para que lle confirmase o teu falecemento, seica a noticia se espallara nas redes sociais e na prensa dixital. Deixoume frío e mudo; reaccionei e díxenlle que non sabía nada, nin sequera que estiveses enfermo, que te vira moi ben a última vez que nos encontramos, xa xubilado, andando entre Panxón, Pozuelo e Guadalajara, e metido na leria de redactares unhas memorias.
Animeite a que as rematases e as
publicases canto antes, sabendo do moito zume que
van dar, porque desde hai ben anos sei que es
persoa totalmente libre no que opinas e contas,
entregado á causa da lingua e da cultura galegas
desde Madrid, pero sen deixares nunca de estar en
Galicia. Sei que sempre dis o que pensas, ben
argumentado, que non casas con ninguén, agás con
aquela moza de Meira que estudaba Económicas, que
coñeceras en Compostela.
Fóra de saudármonos, non lembro que falaramos nos
dous primeiros cursos da carreira, pois eramos uns
200 estudantes naquel grupo de “comúns” da
licenciatura de Filosofía e Letras. Cousa diferente
foi cando na especialidade os dous escollemos a
Sección de Filoloxía Románica (Español), onde
eramos un bo quiñón de estudantes, pero só uns
poucos cursabamos a optativa de Lingua Galega, onde
“eramos condiscípulos de Carballo, que aínda non
Carvalho...”, por usar as túas palabras cando hai
anos me lembrabas lerias daquela época en
Compostela. Fose quen fose o que impartise esa
materia, estou seguro que a escolleriamos, séndomos
galegofalantes (ti do Ribeiro, eu da beiramar da
Arousa) que nunca tiveramos unha clase no noso
idioma e queriamos ter coñecemento científico sobre
el. Foi sentármonos un a carón do outro en Lingua
Galega e logo estarmos xuntos nas outras materias
dese curso, e o mesmo nas dos dous cursos
seguintes. Axiña intimamos e dixéchesme que Xesús
Alonso Montero era teu tío, pedíchesme que non o
divulgase, e así o fixen, porque non querías “ir de
sobriño de…”.
Cando no primeiro trimestre do 5º curso non
puideches vir ás clases por estares de sarxento de
milicias universitarias, pedírasme que che fixese
copia dos meus apuntamentos das clases, e xa me
vías a min con papel calcante para logo ir mandando
follas coas miñas notas á casa de teus pais a Vigo,
porque non querías perder o pulso do curso, e
daquela non había fotocopiadoras. Moito falamos
eses tres anos de tantas cousas, dentro e fóra das
aulas. Xuntos fomos descubrindo a literatura galega
e outras literaturas, e tamén ferramentas da
crítica literaria, grazas sobre todo por
peregrinarmos arreo a aquel portal da rúa do Vilar
onde Eduardo “O Xudío” tiña o seu almacén-de-libros
con novidades de todo tipo, mesmo de obras galegas
proscritas. Nunha das nosas primeiras visitas a
aquel famoso portal eu mercara a edición
semiclandestina da Obra completa de Cabanillas que
se editara en Buenos Aires.
Unha vez licenciados, quedei en Compostela, na
Universidade, ti fixeches oposicións de profesor de
español e fuches para un instituto da serra de
Madrid. Deixamos de vernos fisicamente, pero eu
sabía de ti e da túa constante preocupación polo
noso idioma polas túas colaboracións en Grial ou
n’A Nosa Terra e por diversas publicacións, e máis
tarde pola túa actividade en Internet, sobre todo
no teu blog Bouvard e Picochet. Crítica arbitraria
de libros e outros obxectos impresos, onde algunha
vez vin que falabas con agarimo de traballos meus,
pero sen privarte de criticarme incorreccións
lingüísticas, como facías con todo o mundo. O que
moito che agradecín, aínda que nunca cho dixen, é
que, de cando en vez, falases d’A Trabe de Ouro,
onde me embarcara o teu admirado Méndez Ferrín, en
momentos en que esa revista, feita sen apoio
oficial ningún, parecía invisible.
En todos eses anos mantivemos unha esporádica
correspondencia e creo que non chegamos a vernos
antes do 1996, cando viñeches ó Congreso dos 25
anos da creación do Instituto da Lingua Galega cun
relatorio sobre lexicografía. Aínda que tiñas un
gran respecto polo labor do ILG, non te privaches
de facer algunha crítica en público. No debate do
relatorio non che calei, porque dixeras
publicamente algo que me parecía inxusto, e
recoñecíchelo no acto, o que te honra.
Moito gocei no 2004 da lectura do teu ensaio O
españolismo lingüístico en que debullabas os textos
en que se basea ese españolismo excluínte e
desmontabas todos os tópicos sobre o galego e o seu
rexurdir literario. Trinta anos despois de
licenciármonos, aledábame ler ese ensaio de madurez
que, en certo modo, me facía revivir tantos paseos
por rúas e ruelas de Compostela e pola Ferradura,
falándomos de todo e soñándomos unha Galicia
orgullosa de si mesma, co galego como lingua de uso
normal.
Ben sei que a túa batalla contra ese españolismo
foi titánica. Supoño que nas túas memorias terá un
capítulo especial a túa loita de anos para que se
puidese defender na sede da UNED en Madrid a
primeira tese de doutoramento en galego, a de
Héitor Mera sobre Bernardino Graña. Cando lía na
prensa que deputados do BNG levaban o tema ó
Congreso dos Deputados e que Fernández de la Vega,
cando era vicepresidenta do PSOE, chamou á orde ós
da UNED, eu vía teselas da túa longa batalla a prol
do galego en Madrid, e contra o españolismo.
Menos mal que gobernaba Zapatero e que necesitaba
os votos do BNG, porque igual non había luz verde
para o acto da tese; e aínda así, non foi un camiño
de rosas. Propuxéchesme como presidente do
tribunal, que aceptei encantado; cando souben
oficiosamente que se aprobara o nomeamento,
oficialmente nada se me comunicaba e os prazos
corrían. Escribinche porque xa empezaba a
preocuparme pola responsabilidade de
convocar o tribunal e pola situación inédita e
“rara” que tiña diante, presidente do tribunal en
Santiago e secretario en Barcelona, director en
Madrid e aquí tamén a sede do departamento da tese,
que estaba en contra da tese da súa defensa por
estar en galego... En febreiro do 2009 dicíasme:
Eu xa non estou na UNED, pero sigo cos trámites
burocráticos porque fartei de loitar con tanto
españolista como hai nesa institución. Aínda non
resolvemos por completo eses atrancos da
presentación en galego, pois agora xa a admiten en
galego, mais piden que depositemos dous exemplares
traducidos en castelán, unha para o vicerreitorado
e outro para a secretaría do departamento, que é o
de Clásicas e no que figuran militantes de Rosa
Díez.
Foi providencial que a administrativa dese
departamento coa que tiven que contactar fose unha
boa profesional, allea a prexuízos lingüísticos,
que en todo momento fixo o posible para que se
fosen resolvendo todas as pexas burocráticas; e así
o 12 de xuño do 2009 tivo lugar o acto de defensa
da primeira tese de doutoramento na capital do
Estado español en que só se usou a lingua galega, e
con total normalidade. Estabas no acto, moi serio,
e nada quixeches dicir na quenda de intervención
dos doutores presentes, cando podías dicir
publicamente moitas cousas, e gabarte delas, pero
iso contigo non ía.
Logo no xantar, mentres os membros do tribunal e o
novo doutor manifestabamos a nosa alegría por
participar na fase final dun acto patriótico en
defensa da lingua propia de Galicia, nunha batalla
máis da longa marcha pola súa visibilidade e
dignidade, ti estabas serio, como se non fose
contigo a cousa, aínda que intuía que estabas moi
feliz por lle gañares unha dura batalla ó
españolismo lingüístico. Ese día eu tiña presente o
que me dixeras uns meses antes da celebración da
defensa da tese:
Ti non sabes ben o que custa iso da
normalización... Eu xa che dixen, deixei a UNED
porque o españolismo co que tiña que loitar era por
demais e non pode un a certa idade perder enerxías
en batallas tan duras... Por outra banda, teño
traballo abondo no mundo editorial.
Despois de que en febreiro do 2010 ProLingua
editase e fixese a multipresentación das 55
mentiras sobre a lingua galega, sobre este libro
publicaches unha recensión no teu blog co título
“Panfleto necesario e pertinente”. Criticabas que
non fósemos máis duros co españolismo lingüístico e
como ramo dicías:
Xa que logo libro estimable e máis que oportuno,
pero que consideramos que é demasiado prudente. Se
só nos defendemos, como pasa no fútbol, perderemos.
Cómpre pasar ao ataque sen complexos e dicir quen
somos e que queremos cada un de nós.
En nome de Prolingua, e como amigo de vello,
agradecinche a crítica, e contestáschesme que eras
moi consciente de cal debía ser o ton do libro de
ProLingua e que ti na recensión dicías o que nós
non podiamos dicir duramente contra os
españolistas; e confesábasme: “De feito que lin o
libro con cariño e que quixen, a propósito da
crítica, darlles máis caña”.
A comezos do 2014, meses despois de a RAE e a
Asociación de Academias de la Lengua Española
publicaren El buen uso del español, onde se defende
o uso en castelán de topónimos como Sangenjo,
Bilbao e Gerona, igual que as mesmas institucións
xa o facían na Ortografía de la lengua española
(2010), achegaches unha queixa a ProLingua sobre a
toponimia. Como a Cerna desta plataforma me
encargou redactar o borrador da protesta á Academia
Española, escribinche para che pedir máis
información, que recibín ó momento; e á marxe
disto, falábasme da túa “tremenda loita” para que
en libros de castelán se dixese que a Pardo Bazán
naceu na Coruña.(e non en La Coruña). Eras o único
que poñías ese topónimo, dicíasme que ProLingua
fixese a proba e que consultase os libros de
literatura castelá no relativo ó lugar de nacemento
de Dona Emilia.
Comentábasme as fortes presións que recibiches no
tratamento dalgún poema en galego e outros temas en
libros para algunha editorial, pedindo que gardase
discreción sobre isto, cousa que fixen, mentres
agardo que ti debulles e denuncies iso nas túas
memorias; e tamén me dicías, “tras a publicación de
O españolismo lingüístico fun vetado por unha
editorial para a que tiña traballado moito...
Estiveron dous anos sen me encargar nada”, á vez
que me contabas que “o da tese en galego aínda a
día de hoxe non o dixeriron...” e que os
españolistas teñen tanto poder que un catedrático
galego (e galeguista) na UNED non se atreveu a
presentar unha tese no noso idioma.
Cando despois da túa queixa, ProLingua publicou o
comunicado Nin Sangenjo nin Orense son formas
lexítimas, á vez que llo mandamos á RAE,
achegueicho para que o coñeceses ó momento, antes
de pendurármolo na rede. A túa resposta foi un
longo correo do que reproduzo o comezo:
Lin o texto e mais a referencia no
www.galiciaconfidencial.com. Quedou moi ben. Esta
xenreira cara ao galego non che é xa cousa só de
diglosia, ruralismo e lerias desas. Hai algo máis
profundo e que non adoita dicirse. Eu, pola miña
experiencia editorial ou de autor dun dicionario
castelán dos máis vendidos no eido escolar e mesmo
fóra del, podo dicirche que o que máis incomoda a
estas xentes é que o galego é fundamentalmente
“progresismo”. A defensa do galego xa non se asocia
só co ruralismo e cousas desas. Eu, xa che digo
pola miña experiencia na industria editorial e
mesmo na filoloxía española ou no eido da educación
secundaria, advirto como os nosos máis importantes
inimigos ven a defensa do galego como unha póla
desa árbore progresista que é o feminismo, a
antiglobalización, a crítica anticapitalista e, en
definitiva, a procura dunha sociedade máis xusta e
igualitaria.
Máis nada, querido Manolo (sempre nos tratamos
así). Moito gocei do quiñón de correos que
intercambiamos estes anos e das críticas do teu
blog, e moito rin hoxe cando, ó rememorar a nosa
xeira universitaria, de golpe lembraba aquelas túas
afortunadas creacións coas que nomeabas, de xeito
tan serio, algúns dos nosos profesores, o que non
facías cando estaba outro compañeiro diante, polo
que cousa queda entre nós. Pasa un tempiño dos
españolistas lingüísticos e céntrate nesas
memorias, que somos moitos os que arelamos lelas.
Unha aperta fonda.
Cacheiras (Teo), 27 de setembro do 2015
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript