Outubro de 2015
 
 

NÚMERO 287 - 05/10/2015

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

33 Xornadas de Xerencia Universitaria

Atent@s como estivemos as xornadas de xerencia que se realizaron na Reitoría desde o día 29 de setembro ao 2 de outubro, asistindo a algunha das presentacións, resultounos especialmente significativo que na conferencia inaugural o sr. Santiago Lago Peñas, catedrático de Economía Aplicada y director de GEN, Universidade de Vigo, salientase a excesiva democracia coa que se abordan as tomas de decisións na universidade e o límite que isto supón para a xestión eficiente.

 

  • Noticias relacionadas

 

Existe, na sociedade e mesmo dentro da propia universidade, unha corrente interesada, politicamente, en que a universidade teña como único obxectivo preparar á mocidade para proporcionar á empresa privada o capital humano que precisa e, tamén, trasladar o modelo de gobenanza, e de toma de decisións da empresa privada á propia universidade. Como argumento magnifícase a marabillosa xestión empresarial (que llo pregunten aos bancos e a Díaz Ferrán), a axilidade na toma de decisións coa finalidade, como dicimos, de estender o modelo de xestión privada á administración pública e, como neste caso, á universidade.
 
Esquécense os apóstoles desta postura (interesada) de aclarar, por un lado, cales son os obxectivos da xestión privada ou de xestionar a administración pública como se dunha empresa se tratase. Temos claro o que se busca na xestión privada que non é máis que o máximo beneficio posible. Co modelo de xestión privada na administración pública o que se pretende é maximizar o aforro, facendo da administración pública unha ferramenta ineficaz para a cidadanía xustificando e propiciando novos nichos de negocio para a empresa privada.
 
Por outro lado é mentira que as administracións públicas no contexto da negociación estean condicionadas. A administración ten sempre a última palabra sobre calquera circunstancia que se poida abordar na procura de acordos cos órganos de representación, a determinación da administración só está limitada pola legalidade.
 
Se a toma de decisións, no marco dunhas hipotéticas negociacións, se pospoñen é, ou ben porque non está clara a súa legalidade, porque se entende que a lexitimidade da decisión é, cando menos, cuestionable, ou ben porque as consecuencias, como na empresa privada, poden ser máis prexudiciais que beneficiosos para os intereses de quen dirixe a institución, debido en moitos casos (tamén como na empresa privada) á resposta das e dos traballadores e traballadoras.
 
Entendemos a universidade como un espazo onde concorren, esencialmente, tres colectivos, PDI, PAS e estudantes, cada un deles coas súas características, problemáticas e reivindicacións. Para nós, na universidade e, por extensión na administración pública por ter como finalidade o servizo á sociedade debería ser un espazo onde fose posible debater e acordar.

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript