Outubro de 2015
 
 

NÚMERO 288 - 13/10/2015

   CUTUDC / Novidades

  PENSIÓNS PRIVADAS CONTRA PENSIÓNS PÚBLICAS (VÍDEO)
 

Só un cambio político de gran envergadura pode salvar as pensións públicas

A reforma do Sistema Público de Pensións, aprobada no Parlamento en novembro de 2013, desvinculou o aumento anual das pensións do incremento do custo da vida, limitando a subida anual a un miserable 0,25%.

 

  • Noticias relacionadas

 

 Este incremento mínimo manterase, segundo a previsión de impacto económico do propio Goberno, ata o ano 2022 e suporá un aforro en pensións de 33.000 millóns de euros e unha grave perda de poder adquisitivo dos e das pensionistas.
 
    Por se isto fose pouco, a reforma contempla tamén outro recorte para as futuras  pensións. A partir do ano 2019 váiselles a aplicar un novo factor redutor en función da expectativa de vida da poboación española. Isto quere dicir que a pensión de quen se xubilen a partir desa data será inferior á que lles correspondería antes da reforma.
 
    As pensións españolas están entre as máis baixas de Europa, polo que o  Goberno debería, se non subilas debido á conxuntura actual, respectar polo menos o seu poder adquisitivo. En lugar diso decidiron baixalas. Hai que lembrar que o Estado Español só dedica un 10% do seu produto interior bruto a pensións, moi por baixo que a maioría de países europeos. Non se trata por tanto dun problema económico, senón dunha cuestión de ideoloxía e vontade política: Se empobrecen as pensións públicas para favorecer o negocio dos plans privados de pensións. É o mesmo que está a pasar cos recortes na educación e na sanidade pública.
 
    Desde hai moitos anos a banca e os fondos de investimento presionan aos  gobernos para que unha boa parte do cento vinte mil millóns de euros que moven cada ano as pensións públicas vaia a parar ás súas mans. E ese é o sentido da reforma, devaluar as pensións públicas para que a xente teña que contratar plans privados, se non quere vivir da caridade cando non poida seguir traballando.
 
     A Seguridade Social finánciase con cotizacións sociais, é dicir, co  que achegan traballadores e empresarios. Estas cotizacións xeraron en anos anteriores un superávit de moitos miles de millóns de euros, a chamada hucha das pensións. Ese fondo creouse precisamente como colchón para épocas en que  os ingresos fosen inferiores aos gastos e garantise o pago de pensións durante moitos anos. Ou o farían, se as mesmas políticas de austeridade que nos conducen ao aumento do paro e á redución de salarios, xunto ás exencións fiscais á Seguridade Social das empresas, non a estivesen esgotando rapidamente.
 
     Así as cousas, é de temer que moi proximamente volverán expor a necesidade dunha nova reforma, é dicir, dun novo recorte. De feito o Círculo de Empresarios xa pediu á ministra de Emprego que acometa unha nova reforma e UNESPA, a patronal dos seguros privados presiona aos deputados do Pacto de Toledo esixindo un sistema mixto. E hai só uns días, o gobernador do Banco de España, José María Linde pediu unha reforma profunda do sistema de pensións que permita garantir a súa viabilidade a longo prazo. Viabilidade que, non se nos esqueza, supúñase garantida polas reformas do 2011 e do 2013.
 
    En resumo, o futuro das pensións públicas corre un grave perigo e en  consecuencia, a calidade de vida das actuais e futuras xeracións de pensionistas tamén. Só un cambio político e social de gran envergadura e a acción decidida e unitaria de sindicatos, partidos de progreso e organizacións de maiores, esixindo garantías para o mantemento do poder adquisitivo das pensións logrará salvalas. As persoas afectadas, o 99% da poboación, deberiamos obrar en consecuencia.
 
(*) Luís Pérez Serichol é membro da Plataforma pola defensa das Pensións Públicas de Tenerife
 
 
VIDEO
 

 


Canarias Semanal

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript