NÚMERO 288 - 13/10/2015
CUTUDC / Novidades
Logo do feito comunicado polo Grupo de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esta semana, polo que a Xunta de Galicia acordou declarar a caducidade das concesións de Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater en Cabana de Bergantiños, a Plataforma Salvemos Cabana considera que non procede falar dunha 'vitoria total' no conflito mineiro cando a Administración autonónomica sacará tarde ou cedo e sen a máis mínima dúbida as citadas áreas de explotación novamente a concurso nun contexto lexislativo que posibilita que unha gran corporación cos medios económicos suficientes non atope trabas para desenvolver un novo proxecto que permita a reapertura da polémica mina de ouro.
A pesar da cancelación das
concesións "Emilita", "Cidade de Landró" e "Cida de
Masma" (códigos 1221, 1454 e 1455 respectivamente),
que supoñían o eixo esencial do plan mineiro
canadense, a Plataforma pídelle á Xunta un avance
significativo na reforma da Lei 3/2008, de
Ordenación da Minería de Galicia, actualizada o
pasado exercicio para cambiar a normativa de
caducidade dos dereitos mineiros pero en absoluto
modificada nos seus termos esenciais, como son a
plena vixencia do Plan Sectorial de Actividades
Extractivas (PSAEG) e o emprego de reactivos
químicos de alta toxicidade coma o cianuro de sodio
no proceso de recuperación do mineral.
De feito, nos artigos 11 e 12 da actual lei mineira
3/2008, ao PSAEG atribúenselle plenos poderes que
chegan a prevalecer mesmo sobre os plans
urbanísticos de zona ao incluirse o concepto de "máxima
simplificación administrativa na tramitación dos
expedientes mineiros", establecendo unha clara
preeminencia da actividade mineira por riba doutros
sectores produtivos e dando de facto vía libre a un
proceso liberalizador ao primar sobre o público
criterios empresariais e económicos. Neste
contexto, un novo proxecto mineiro en Corcoesto non
só é posible senón mesmo probable cando a evolución
económica permita un prezo á alza das materias
primas que fagan rendible a súa explotación.
Doutra banda, a normativa actual toma como
referencia en determinados momentos a Lei 22/1973,
de Minas, unha norma preconstitucional elaborada
nunha época cuxas esixencias ambientais difiren
moito das actuais. Recalca, ademáis, a obriga de
restauración dos terreos afectados por proxectos
mineiros, pero obvia claramente a necesidade de que
as empresas do sector constitúan garantías
financieiras suficientes que poidan certificar o
pago dos custos xerados por eventuais accidentes
mineiros a gran escala.
A CLAVE É A ACTUALIZACIÓN DA LEI
A reforma da mencionada Lei 3/2008, aprobada na
época do Bipartito cando Fernando Blanco (BNG) era
Conselleiro de Industria é a clave para que
conflitos mineiros coma o de Corcoesto non volvan a
repetirse. Por iso en ningún caso deberíase
afrontar á situación cunha actitude triunfalista
mentres non se produza un cambio significativo na
norma. A de Corcoesto foi unha primeira gran
batalla gañada pola cidadanía e os movementos
sociais pero sería un erro pensar que o problema
queda descartado de maneira permanente.
AGRADECEMENTOS
Finalmente, e tal como fixo constar a asociación en
outubro de 2013, logo do anuncio de cancelación do
proxecto de Edgewater por parte da Xunta a
Plataforma desaxa agradecer, sen patrimonializar en
ningún caso a loita social, a colaboración de todas
aquelas personas e institucións que fixeron posible
que, de momento, a reapertura da mina de ouro de
Corcoesto non sexa unha realidade.
PLATAFORMA SALVEMOS CABANA
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript