NÚMERO 290 - 26/10/2015
CUTUDC / Novidades
A transferencia masiva da xestión de servizos públicos cara a empresas privadas sustentouse nun gran engano argumental. A clase política institucionalizada deu por suposto, co apoio incondicional dos altofalantes mediáticos do poder económico, que a xestión privada resultaba máis barata que a pública e que era máis eficiente, áxil e de mellor calidade, fronte á suposta lentitude e desidia das estruturas burocratizadas.
Dúas premisas
rotundamente falsas que, con todo, foron calando
como choiva fina na mentalidade dos cidadáns e
cidadás aos que se afagaba co cortés tratamento
comercial de clientes.
O menor custo da xestión privada dos servizos
públicos en ningún caso se xustificou con informes
solventes que servisen de motivación para os
procesos de contratación. Pero os estudos “a
posteriori”, realizados despois de que se consumase
a mercantilización do público, viñeron desvelar a
impostura.
Así, por exemplo, o informe do Tribunal de Contas
de 28 de novembro de 2013 sobre a fiscalización do
sector público local do exercicio de
2011, conclúe que a xestión privada da limpeza
viaria, do abastecemento de auga potable e da
recollida de residuos sólidos ten un custo medio
superior á xestión directa realizada con medios
propios dos Concellos.
O servizo de limpeza viaria dos municipios ten un
custo medio de 18,01 euros por habitante, 16,23
euros se o xestiona directamente o municipio e
27,83 euros –un 71% máis– se o
servizo se presta por unha empresa a través dunha
concesión ou concerto coa Administración; o servizo
de abastecemento de auga potable ten un custo medio
de 46,83 euros por habitante, 44,10 cando a xestión
é directa e 53,67 se está privatizado; e o servizo
de recollida de residuos sólidos urbanos ten un
custo medio por habitante de 48,76 euros, 42,55
euros nos casos nos que se presta con persoal e
medios de titularidade municipal e 53,90 nos
municipios nos que se presta por empresas privadas.
Polo que se refire á deficiente calidade da xestión
directa dos servizos públicos, utilizada como
coartada privatizadora, case sempre foi xerada
adrede polos xestores políticos, reducindo as
plantillas de persoal mediante a conxelación das
ofertas de emprego público e pechando a billa dos
investimentos. No últimos catro anos asistimos a un
caso dramático de degradación intencionada da
sanidade pública, cuxo orzamento se reduciu en
10.000 millóns de euros entre os anos 2009 e 2013
(o 16,3 %), mentres crecían exponencialmente as
listas de espera nos hospitais. Os datos aparecen
nun informe do Ministerio de Facenda,
feito público a comezos do presente ano 2015,
conforme ao cal o gasto sanitario das
Administracións Públicas foi en 2013 de 63.006
millóns de euros, 9.933 menos que no ano 2009. En
termos de PIB, 0,8 puntos porcentuais menos.
Os procesos de privatización dos servizos públicos
encareceron o custo para as arcas públicas,
empeorando a calidade de moitas prestacións e
deteriorando as garantías xurídicas dos usuarios.
Ademais, son un grave foco de corrupción e
clientelismo laboral.
A privatización dos servizos municipais de
abastecemento de auga, por pór un exemplo moi
significativo, caeu en poder do duopolio formado
por Agbar, controlada polo grupo francés Suez
Environnement SA e o construtora FCC, cuxo
accionista maioritario é o mexicano Carlos Slim, a
primeira fortuna do mundo. FCC diversificou a súa
oferta de prestacións de servizos públicos e, así,
no concello de Oviedo é concesionaria, ademais da
auga (baixo a marca comercial Aqualia), da limpeza,
a recollida de lixos e do servizo do guindastre.
Agbar figura como o principal doante da fundación
de Converxencia Democrática de Cataluña implicada
nun proceso xudicial de corrupción a gran escala
polo financiamento ilícito do partido a cambio de
adxudicacións de obras públicas. E FCC aparece nos
papeis de Bárcenas como doante de xenerosas sumas
ilegalmente transferidas ao Partido Popular.
Unha das filiais do grupo Agbar, Aquagest,
protagoniza a chamada “trama da auga”, unha tupida
rede para a obtención de contratos por medio de
subornos, tráfico de influencias, agasallos e
viaxes a persoas con poder de decisión en numerosos
Concellos de Galicia e de Asturias, que actualmente
investiga a Audiencia Nacional.
Clientelismo laboral
Seguramente, unha das consecuencias máis graves da
privatización masiva de servizos públicos, se non a
peor, foi a perda do control público dos procesos
de selección dos traballadores vinculados aos
devanditos servizos.
Os Estados Democráticos de Dereito recoñeceron como
un dereito fundamental de todos os cidadáns e
cidadás o acceso aos postos do sector público en
condicións de igualdade, seguindo procedementos nos
que só se teña en conta o mérito e a capacidade dos
aspirantes. O recoñecemento deste dereito
fundamental distingue aos Estados modernos, non só
do Antigo Réxime, onde os postos públicos obtíñanse
por herdanza, comprábanse ou eran un privilexio
estamental, senón tamén do Estado liberal
decimonónico, no que o partido gobernante elexía
aos seus propios empregados públicos, que cesaban
en masa cando entraba a gobernar o partido
alternante (sistema de botín).
Pero, ademais, o acceso aos postos públicos
mediante procedementos libres que respecten os
principios de igualdade, mérito e capacidade
constitúe a principal garantía da actuación
imparcial da Administración Pública e do
sometemento da mesma ao interese xeral. Esta forma
de acceso e a fixeza no emprego constitúen o
baluarte que protexe aos traballadores públicos das
presións internas do poder político e das externas
do poder económico.
A privatización dos servizos públicos, na medida na
que converte en privados tamén aos postos de
traballo asociados ao servizo, recorta e restrinxe
o dereito fundamental de acceso en condicións de
igualdade aos postos do sector público e compromete
gravemente as condicións para que se preste de
maneira imparcial, pois desprotexe aos
traballadores das principais garantías para iso:
deber o posto exclusivamente ao seu propio mérito e
a fixeza do emprego.
Xunto ás grandes concesións de servizos públicos,
proliferou tamén a adxudicación de contratos de
servizos a empresas ben relacionadas con
conselleiros, alcaldes ou concelleiros, para a
prestación de actividades ás Administracións
Públicas, en moitos casos, superfluas, innecesarias
ou ficticias. Unha das consecuencias máis graves
desta rede clientelar é o acceso de traballadores
destas empresas á condición de empregados públicos
mediante o mecanismo fraudulento da cesión ilegal.
O Concello de Oviedo é un bo exemplo desta política
clientelista de contratación. Nos últimos anos polo
menos 70 traballadores accederon á condición de
persoal laboral indefinido do Concello seguindo o
mesmo proceso fraudulento: adxudicación dun
contrato de servizos a unha empresa privada cuxos
traballadores se instalan en oficinas municipais,
quedando baixo o control e a dirección de
funcionarios públicos do Concello, demandas ante os
Xulgados do Social instando o recoñecemento da
condición de persoal laboral indefinido do
Concello, comparecencia no xuízo dos concelleiros e
funcionarios que promoveron o contrato para
testificar a favor do traballador e confirmar a
cesión ilegal, e sentenza favorable a aquel.
O Xulgado de Instrución nº 3 de Oviedo admitiu a
trámite no mes de decembro de 2014 unha querela
presentada polo grupo municipal de Foro Asturias
por cesión ilegal de traballadores da empresa Asac
Comunicacións, imputando ao xefe de Gabinete do
Alcalde, ao xefe do Servizo de Modernización do
Concello e ao conselleiro delegado da empresa.
O clientelismo laboral non é só un privilexio para
o traballador que entra na Administración pola
porta falsa. Trátase, fundamentalmente, dun agravio
comparativo para todos os cidadáns e cidadás que
tiñan dereito a acceder a ese posto en igualdade de
condicións..
A rexeneración democrática que hoxe esixe de forma
maioritaria a cidadanía pasa inexcusablemente por
pór fin á gran estafa das privatizacións dos
servizos públicos esenciais, volvendo á xestión
directa dos mesmos. Os partidos políticos que se
comprometeron a liberar a política do control do
poder económico teñen aquí a súa principal pedra de
toque. O proceso non será fácil porque os capataces
políticos do capital deixaron un terreo minado.
Haberá que elaborar, con paciencia e rigor, un
programa de remunicipalizacións e tomar medidas que
poden resultar incómodas, porque ninguén pode supor
que gobernar para desmontar un réxime clientelar
sexa unha tarefa fácil. Unha delas, entre as
fundamentais, recuperar para o emprego público os
postos de traballo agora privatizados,
seleccionando aos traballadores (funcionarios e
persoal laboral) a base de estritos principios de
igualdade, mérito e capacidade, porque o proceso de
recuperación do público, se se quere que sexa
lexítimo, non pode admitir atallos.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript