NÚMERO 290 - 26/10/2015
CUTUDC / Novidades
Cando alguén publica as súas memorias, un tremor percorre aos seus coñecidos: “¿falará de min?” O día D, amencen nerviosos á porta da libraría, esperando a que abra para coller o primeiro exemplar e rebuscar entre as páxinas o seu nome. Non respirarán aliviados ata comprobar que foron lembrados con agarimo, ou directamente esquecidos. Uf.
Así imaxino eu
a máis dun o mércores, cando eldiario.es anunciou
que ás 21h publicaría a confesión de Correa. Algúns
quedaron sen uñas esa tarde mentres miraban o
reloxo e aporreaban a tecla F5. Se non eran socios,
subscribíronse rápido para poder durmir esa noite.
E cando por fin leron
o nove folios, respiraron aliviados: “uf, non
estou”.
Non me refiro a Bárcenas, Sepúlveda, Costa, Camps
ou González Panero. Eles xa sabían que estaban, e
no fondo dálles igual: como eles, a
maioría de nomes na confesión de Correa xa os
coñeciamos, están investigados ou directamente
imputados. É moi valioso que sexa o propio Correa
quen os sinale por primeira vez, e recoñecendo os
delitos en primeira persoa; pero ningún perdeu o
soño por iso e, total, “
nunca pasa nada”.
Quen tiveron mala tarde foron outros: eses que
faltan nos espazos en branco do texto de Correa.
Espazos en branco inquietantes, e que converten
algunhas páxinas da confesión nunha tarxetiña do
vello “Un, dous, tres”: …ata aquí podo ler.
O mércores mordíanse as uñas “unha serie de persoas
situadas en postos políticos” que segundo Correa
usárono como intermediario con empresarios de obra
civil. Miraban nerviosos o reloxo “determinados
construtores” que segundo Correa pagaban mordida a
cambio de adxudicacións. E ata aquí podo ler, di
Correa.
O mércores acabaron arrincando a tecla F5 dos seus
computadores eses clientes “moi importantes” dos
que Correa conta que puñan o seu diñeiro en mans do
mítico Arturo Fasana, o xestor suízo do patrimonio
de fortunas españolas tan poderosas como
misteriosas. O mesmo Fasana que ten sobre a mesa un
cartafol cuxo contido, nas súas propias palabras,
afundiría España. Clientes tan gordos que
facían “imposible calquera problema xudicial” e
tiñan garantida a "impunidade". E ata aquí podo
ler, di Correa.
E entre eses clientes, “un en concreto” do que
Correa soubo a través do seu condutor particular. O
mesmo condutor que un día recolleu a Fasana na
entrada do
palacio da Zarzuela. E ata aquí podo ler…
Correa, que tan boa memoria demostra para pesetas e
agasallos, déixase na punta da lingua uns cuantos
nomes bomba. Correa ten en casa unha manta, grande,
grosa e sucia para taparse, pero na súa confesión
só ensina a puntiña. O “ata aquí podo ler”, ou máis
ben “ata aquí podo tirar da manta”, con que
pretendía un acordo con fiscalía e acusacións.
Unha puntiña que inclúe mención, como de pasada, a
asuntos que non teñen relación coa Gürtel (os
“clientes moi importantes” de Fasana) pero
revalorizan moito a súa pringosa manta.
Unha vez abortado ese acordo, non sabemos que faría
Correa coa súa manta: se a gardou para mellor
ocasión, queimouna, ou vendeuna a cambio dese “
coche cheo de diñeiro” que, de ser certo, faría
que non todos os “políticos”, “empresarios” ou
“clientes importantes” pasasen un mal intre o
mércores. Quizais algún non necesitaba esperar a
que abrise a libraría porque xa sabía que as súas
páxinas foran arrincadas das memorias, e que esta
vez tampouco habería
Big One. E ata aquí podemos ler.
Por agora.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript