NÚMERO 290 - 26/10/2015
CUTUDC / Novidades
Valentín García é o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza. Conversamos con el sobre o caso de Jungle World, que lles remitiu ás traballadoras unha circular na que se lles informa da exclusión do galego nas actividades deste centro infantil.
Que valoración
ten sobre o caso sufrido por Belén Tajes en Jungle
World?
Unha valoración moi negativa. Nós desde o primeiro
momento contactamos tanto coa empresa coma coa
traballadora (no caso dela, a través da Mesa pola
Normalización Lingüística), coa que nos reunimos a
pasada segunda feira para analizar o acontecido.
Non se debe limitar o uso do galego en ningún
ámbito de traballo, e menos no ámbito do ensino.
Que aludiu o centro?
Hai que matizar que non se trata dun centro
educativo e non imparte ensino regulado, senón que
se trata dun espazo infantil que depende de
Política Social, o cal non ignora o que fixeron. O
que fixo este centro hai que valoralo por dúas
vertentes: unha, que vulnera a Lei 13/2008, de
Servizos Sociais, que recolle a protección dos
dereitos lingüísticos, de maneira que a actividade
do centro ten que ofertar de maneira positiva o
galego. Somos contundentes coa lei na man. E a
segunda vertente, a dos dereitos lingüísticos da
traballadora.
Entón, que lles dixo a empresa?
Remitiunos a un comunicado que lles remitiu aos
medios e no que di que non hai persecución á lingua
nin que teñen ningún tipo de animadversión.
Que medidas adoptou ao respecto Política
Lingüístico?
Puxémonos en contacto coa empresa, con Política
Social e coa traballadora. Agora estamos elaborando
o informe que desde o punto vista lingüístico axude
a Consellaría de Política Social a adoptar as
medidas que teña que tomar con esta empresa e coa
súa actividade. Aquí hai dúas liñas de actuación:
garantir os servizos en lingua galega da empresa
con respecto aos seus usuarios, os nenos e as
nenas, e os dereitos lingüísticos da traballadora,
porque tal e como explica ela e tal e como pode
desprenderse da circular, hai unha suposta
ignoración dos dereitos lingüísticos da
traballadora, á marxe de que empresa sexa de
coidado de nenos ou nenas ou de que sexa doutro
tipo de natureza.
Que vai facer constar Política Lingüística no
informe?
Que hai que garantir os dereitos lingüísticos dos
traballadores e dos usuarios.
Unha vez rematado o informe, cales son as vías a
seguir?
Quen ten que actuar é Política Social. Nós desde
aquí imos facer un seguimento e así llo dixemos á
empresa e á traballadora. Estas situacións, por
experiencia, sabemos que mudan. A política
lingüística da empresa non ten que seguir sendo a
mesma e agardamos que non o sexa. Temos que facer
todo o posíbel para que así sexa. Normalmente,
estas cousas recondúcense por parte das empresas,
máis aínda nun caso tan delicado coma este.
Supoñemos que a empresa vai cambiar de actitude e
ter outro tipo de comportamento. Non é tan difícil
como pode parecer. Non estamos falando de converter
o chumbo en ouro nin caeu a catedral de Santiago.
Que pode facer a Xunta para evitar casos como este?
Aplicar a normativa existente. Neste caso, os
centros teñen que facer unha discriminación
positiva a favor do galego e tomar medidas de
protección e promoción. Ter unha responsabilidade
social con respecto á lingua. A lingua é o noso
patrimonio cultural máis valioso e hai que
potencialo.
Sermos Galiza
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript