Novembro de 2015
 
 

NÚMERO 291 - 02/11/2015

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Rosa María Artal
 

Non podemos esperar

Queriamos deixar de ser mercadoría a mans de políticos e banqueiros, pobres de nós, e servíronnos tres cuncas que a varios miles subíronselles á cabeza. Ás súas ferraduras imos acabar atados, se nos descoidamos. O programa económico "realista" do neoliberalismo conseguiu récords de desigualdade en tempo de plusmarca. Non podemos dar máis tempo a que sexa derrotada nas urnas a roña cidadá que non ten empacho en votar a corruptos.

 

  • Noticias relacionadas

 

As altas magistraturas do pensamento oficial xa o teñen decidido: non prevén grandes cambios nas eleccións españolas e respiran tranquilos porque os seus intereses seguen estando a salvo. Aínda son posibles sorpresas pero farán o posible por evitalas. Os elixidos –estamos a velo estes días- organízanse entre eles para asuntos de transcendencia: Pedro chama a Mariano, Mariano chama a Albert. ¿A Albert tamén? Se alguén pregunta, arguméntase que o seu partido –non el- é oposición en Catalunya. Si, con Albert tamén poden contar. E logo xa a Pablo Iglesias, marcando xerarquías e estratexias. Ao deteriorado armazón político español, veulle deus a ver coa declaración dos independentistas cataláns. E non fai senón reforzar o mapa de sempre.
 
Rajoy, Sánchez, Rivera... Todos eles son considerados polo sistema xente seria e de fiar e cun programa económico realista, sen experimentos: o capitalismo total. O que, libre de ataduras e prexuízos, logrou unha fazaña sobresaliente: que o 1% da poboación mundial teña tanto diñeiro como o 99% restante. É dicir que todo canto posuímos cada un de nós, sumado ao que teñen todos os europeos, africanos, asiáticos, americanos do norte e do sur, oceánicos varios incluíndo neozelandeses e australianos, equivale ao que desborda as arcas dunha insignificante minoría. Como debe ser. Xa o dicía Adam Smith e o seu carniceiro e os seus incontables intérpretes. A forma de logralo é asunto baladí nestes tempos.
 
O programa económico realista do neoliberalismo conseguiu récords de desigualdade en tempo de plusmarca. En España, nestes catro anos de gloria do PP, duplicouse a pobreza infantil de forma que é hoxe “ a maior desde que existen os rexistros”. Eses corpos que crecen con carencias limitando o seu desenvolvemento son danos colaterais. O mercado regularase só. Algo que, segundo demostra a xa longa experiencia, ocorrerá cando ás troitas lles medre pelo.
 
Canto se lles diga a estes ilusionados exércitos do ultraliberalismo é inútil. Sairán á selva espidos a baterse polo porvir, pola sanidade, a educación, a beirarrúa que se construirán para andar, o futuro, sen ningunha cobertura. A salvo da que caixas, bancos e grandes empresas prestan aos pastores deste disciplinado rabaño.
 
Enaltecidos, aínda se tapiaron máis os oídos e forman un muro de groso formigón. Alí segue pelexando polo liderado o PP que aínda lidera as enquisas por moi incrible que pareza. Cidadáns como novos contratistas da obra, os seus diversos curmáns periféricos, e o PSOE que non quere, de entrada, que o neoliberalismo siga facendo estragos sobre a poboación pero que ás veces non ten máis remedio. Menos mal que nun alarde coherencia áchase inmerso en proceso de rexeneratrización que pode dar grandes froitos.
 
Queriamos deixar de ser mercadoría a mans de políticos e banqueiros, pobres de nós, e servíronnos tres cuncas que a varios miles se lles subiron á cabeza. Ás súas ferraduras imos acabar atados, se nos descoidamos. É que non podía ser porque algún ten “moito ego”; o resto non, o resto fixo voto de humildade e de obediencia aos desexos da cidadanía.
 
Hai quen valora a tentación de conformarse –unha vez máis- e dinse que, se agora non se produce un cambio substancial, xa se fará dentro de catro anos. Tras reforzar ao sistema transfundíndolle sangue novo –que non nova-. Tenra inxenuidade.

O peor é que moitos non podemos esperar.
 
Un terzo dos nenos españois que viven na pobreza non poden esperar. Tampouco o resto, toda a infancia e adolescencia, a recibir unha educación en valores que os forme para enfrontarse á vida. A esa si que lle puxeron afiados cornos e non se aprende a lidiala en aberrantes escolas de tauromaquia.
 
Non poden esperar os xubilados a que, muxida ata a extenuación a hucha das pensións, un milagre lles devolva o traballo que entregaron á comunidade. Ás quenllas ultraliberais, as pensións parécenlles un dispendio. Aos escualos doces tamén.
 
Nin os traballadores a que a poxa do seu emprego lles permita pagar os seus gastos e o seu futuro. Nin os emigrantes a un mundo laboral que os acolla de novo no seu país: non hai, nin haberá traballo decente para todos por este camiño. Non poden esperar os enfermos a que a súa doenza cure con tisanas porque os medicamentos son “caros”. Nin os dependentes e crónicos a que un goberno volva consideralos persoas e non “gastos” ou “estorbos” –na Inglaterra de Cameron, xa pasa-. Nin a que todo deixe de ter un prezo. Non se pode esperar a vivir máis adiante mentres o presente afoga.
 
Non podemos diferir o momento de que nos devolvan as liberdades recortadas, o estado de democracia e de decencia que se perdeu.
 
Non podemos dar máis tempo a que sexa derrotada nas urnas a roña cidadá que non ten empacho en votar a corruptos.
 
Catro anos máis así. Crecendo en abusos. En desvergoña. Segue sen haber pan para tanto chourizo, nin amorne que resista tanta desvergoña. Non podemos agardar máis, precisamente, a que a nosa esperanza se esgote.

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript