Novembro de 2015
 
 

NÚMERO 292 - 09/11/2015

   CUTUDC / Novidades

  SOS SANIDADE PÚBLICA
 

SOS Sanidade Pública apoiou a concentración no Hospital de A Coruña pedindo aumento de persoal

Motivos sobran para a súa petición de incremento urxente de persoal. O PP, e Feijoo en especial, fixo da redución de persoal público un obxectivo prioritario. Entre o 2009 e o 2014 o sergas reducíu persoal en 2094 traballadores, un verdadeiro ERE do 6% da plantilla.

 

  • Noticias relacionadas

 

Os recortes do PP foron fundamentalmente en:
 
- redución de persoal
- gasto farmacéutico (con redución de prezos pero tamén con copago e deixar de financiar medicamentos)
- restrición de acceso á poboación máis vulnerable e fráxil
- redución de prestacións asistenciais tamén cos colectivos máis indefensos, como pode ser saúde mental ou a muller en xeral.
 
Non se cubriron xubilacións, non se creou unha praza nova. Agora van abrir tres centros de saúde na nosa comarca (Temple, Portazgo e Vilarrodrís) e non vai aumentar a plantilla real en ningunha praza. Parece que vai aumentar no Temple 1 médico pero vai ser unha praza que van levar doutro centro de saúde. Ou sexa: tres centros novos e 0 prazas novas.
 
Recentemente quixeron poñer en marcha un cambio nas gardas médicas hospitalarias que consistía en que o Hospital de Oza quedase cuberto só con 1 MIR. Este plan quedou aparcado debido á resistencia dos profesionais pero iso era o que quería facer esta Xerencia. 1 MIR a cargo dun hospital! Alguén ve isto racional?
 
Agora queren poñer en marcha gardas de neuroloxía pero de modo localizado, o que vai supoñer menor máis cansanzo para os profesionais e peor retribución.
 
A realidade é que a perda de persoal está deixando na precariedade extrema varias unidades (neurocirurxía, neuroloxía, neumoloxía, infecciosos, urxencias, farmacia, laboratorios, radioloxía, cociña, Oza, centro de saúde de Ventorrillo, Matogrande, Culleredo, Cambre, Arteixo,...
 
A falta de persoal repercute directamente na asistencia sanitaria tanto na súa calidade como na súa accesibilidade e aí se ven as listas de espera, incluso en atención primaria.
 
SOS Sanidade Pública apoiou a concentración convocada pola Xunta de Persoal. Motivos sobran.
 
Un saúdo
 
Ramón Veras Castro, en representación da Plataforma pola mellora e defensa da sanidade pública de A Coruña (SOS Sanidade Pública A Coruña).

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript