Novembro de 2015
 
 

NÚMERO 292 - 09/11/2015

   CUTUDC / Novidades

  CONSUMO
 

FACUA denuncia outra subida abusiva da luz e esixe un cambio de 180 graos aos partidos que concorren ás eleccións

A organización FACUA-Consumidores en Acción informa dunha nova subida do custo da electricidade, que encareceu a factura da luz do usuario medio un 6,3% durante os dez primeiros meses de 2015 en relación aos mesmos meses de 2014, e denuncia que o novo sistema de facturación imposto polo Ministerio de Industria, coa tarifa variable segundo a hora do día, provocará maiores subidas ao pagarse máis cara a electricidade nos horarios máis habituais de consumo.

 

  • Noticias relacionadas

 

O último estudo levado a cabo pola organización revela que o recibo medio pasou de 72,14 a 76,67 euros mensuais, un incremento de 4,53 euros ao mes. En canto ao prezo do kWh de enerxía consumida, a media entre o 1 de xaneiro e o 31 de setembro de 2015 foi un 8,0% máis cara que durante os dez primeiros meses do ano pasado. Pasou de 14,43 céntimos/kWh (11,35 máis impostos) a 15,59 céntimos/kWh (12,26 máis impostos).
 
A asociación critica tamén a leve baixada na parte regulada das tarifas que o Goberno de Mariano Rajoy provocou en agosto, cualificándoa como “un parche que non soluciona en absoluto a inxustificada carestía da luz en España, froito dun mercado almacenista que favorece a especulación cos prezos, inchados polo oligopolio das grandes eléctricas”.
 
FACUA lamenta que o Goberno non tome medidas en defensa dos usuarios e que lexisle para beneficiar ás eléctricas en lugar de intervir o sector cunha tarifa totalmente regulada que se fixe periodicamente sobre a base dos custos reais da produción enerxética.
 
A organización de defensa dos consumidores insiste en reclamar ao Executivo unha intervención contundente no sector, cunha auditoría histórica do déficit de tarifa e un cambio legal “que prohiba a porta xiratoria mediante a que as eléctricas fichan a expresidentes, exministros e outros cargos gobernamentais e os gobernos incorporan como altos cargos a exconselleiros destas compañías”.
 
FACUA esixe ao Goberno “que poña fin ao escuro sistema tarifario que puxo en marcha” e que asuma a sentenza do Tribunal de Xustiza da UE, ditada este 23 de outubro, na que se indica que os usuarios de luz e gas deben ser informados das subidas tarifarias antes da súa entrada en vigor, algo que non ocorre en España.
 
Para os próximos comicios, a asociación reclama aos partidos que concorrerán ás Eleccións Xerais que se comprometan a dar un xiro de 180 graos na política enerxética para acabar cos desproporcionados prezos que sofren os consumidores e os elevadísimos índices de pobreza enerxética e cortes por falta de capacidade de pago.
 
Postdigital

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript