Novembro de 2015
 
 

NÚMERO 294 - 23/11/2015

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Isaac Rosa
 

Aquel rei que quixemos tanto (1975-2015)

Entre tanto frenesí xornalístico, de Cataluña a París, case se me pasa felicitar ao rei emérito, Juan Carlos, que este fin de semana celebra corenta anos da primeira vez que se colocou a coroa. Tal día como hoxe de 1975 morreu “o anterior xefe de Estado”, activáronse as “previsións sucesorias”, e 48 horas despois o novo rei xurou ante as Cortes franquistas.

 

  • Noticias relacionadas

 

Poucas ganas vexo de celebrar a efeméride. Para empezar, porque aquel non foi o primeiro acto da democracia, senón un dos últimos da ditadura. Pero é que ademais o ex rei non está hoxe para festas. Ou máis ben, non o estamos os seus ex súbditos. Queda algún “juancarlista” na sala?
 
Nunha democracia máis sólida que a española, algún xuíz estaría a investigar as moitas sombras do rei. Nos últimos tempos, a medida que se rachaba a blindaxe informativa que o protexía, oímos falar de contas suízas, millóns suízos, homes de palla suízos, dúplex suízos, estafas suízas e paraísos fiscais (non só suízos). Como non se pode investigar, aí queda. E moitos temos a pegañenta sensación de que iso é só a puntiña, e circulan todo tipo de segredos “ a voces” que apuntan ao enriquecemento do rei.
 
A versión dos ex juancarlistas é que o rei se botou a perder. Que era un gran rei, un home entregado ao seu país, pero nos últimos anos estragouse, engurrouse, descompúxose. E por iso cambiámolo por un rei novo, que é o bo da monarquía: cadúcache un, e tes outro novo de recambio. E a seguir tirando.
 
A dúbida é se o rei se estragou, ou foi sempre así. Se o dos seus últimos anos é só que a blindaxe afrouxou. Se xa en 1975, en 1981 ou en 1990 era así, tiña tamén esas amizades, amantes e negocios, e simplemente non se publicaba. Se como repite Gregorio Morán, o rei foi o maior comisionista de España. Se iso que todos oímos algunha vez sobre os barrís de petróleo árabes a porcentaxe é certo ou lenda urbana. No país dos “segredos a voces”, durante catro décadas nas que non se publicaba nada, a maneira que algúns xornalistas tiñan de demostrar que estaban na pomada era contando en voz baixa cousas do rei. E ningunha boa.
 
Para responder a esas preguntas, recoméndolles ir ao teatro. Non se me ocorre mellor maneira de celebrar “” estes corenta anos que coa xenial obra de Alberto San Juan , O rei, no Teatro do Barrio. En hora e media vemos pasar a historia recente de España, encarnada na vida do rei, desde a súa infancia.
 
E o mellor é que a obra se detén nos oitenta, pasando por alto o máis recente, Corinna, Botsuana, Urdangarin e demais. Todo iso xa o sabemos, e San Juan entendeu que a lanterna hai que dirixila aos anos anteriores: as súas relacións coa ditadura, o seu papel na Transición e xa en democracia. E sobre o escenario non hai inviolabilidade que valla.
 
Non se perdan O rei. Á parte da intelixente posta en escena e o traballo asombroso de Luís Bermejo, Guillermo Toledo e o propio San Juan, garántolles que rirán. Moito. A gargalladas. Pero non é unha risa liberadora, senón máis ben sinistra, chunga, desas que, sen poder parar de rir, fanche preguntarte de que cona te estás rindo: do rei, ou de nós que o quixemos tanto?
 
Á saída do teatro, aínda coas últimas risiñas, eu preguntábame se o actual rei é o que vemos, ou teremos que esperar a que dentro de corenta anos un autor teatral nolo conte.

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript