NÚMERO 294 - 23/11/2015
CUTUDC / Novidades
Parece incrible, pero se na plataforma apartidaria ProLingua non entendemos mal a noticia, a Xunta vén de abrir unha enciclopedia virtual sobre o Camiño de Santiago na que se exclúe o galego. Chámanlle Xacopedia.
Se a catedral de Sevilla
ten un portal en español, ou o Coliseo de Roma en
italiano, quen pode ter un desprezo tal pola lingua
galega que pense en proxectar un espazo na internet
tendo como referente o fenómeno xacobeo sen que a
lingua principal sexa o galego? A resposta é a
Axencia de Turismo de Galicia, organismo oficial do
Goberno, dun Goberno que debería ter como cerna da
súa esencia o uso e a defensa do que aquí (e en
todas as partes) está maltratando: a lingua galega.
Ninguén pode ser alleo ao impacto cultural nin ás
posibilidades educativas que podería ter un portal
que explique a historia e a arte do Camiño de
Santiago. Por iso, aínda é menos comprensible que
esa Xacopedia conte, tal e como parece, co visto e
prace da Consellaría de Cultura e Educación. E que
dicir da Secretaría Xeral de Política Lingüística?
Postas unha vez máis en evidencia, é pertinente
preguntarse a que altura quedan estes organismos
cando na oficina do piso de arriba exclúen a lingua
galega unha vez e outra.
Conviña recordarmos que a recente inauguración do
Centro Internacional de Acogida al Peregrino
(que levou máis de un millón e medio de euros dos
nosos cartos) destacou pola ausencia do galego na
súa cartelaría. Quizais tampouco deberiamos
esquecer os centos de sinais dos diversos camiños
de Santiago, colocados por este mesmo Goberno e nos
que a nosa lingua, unha vez máis, ficou fóra. En
ningunha desas ocasións a SXPL foi quen de facer
outra cousa que baixar a cabeza e calar porque niso
consiste a súa política lingüística. Os plans e os
procedementos para garantir que a propia
Administración respecte, promocione e faga gala da
lingua galega, ulos? Con estes fundamentos non
podemos esperar máis que políticas de destrución da
lingua, nunca de normalización.
Cando se colocaron os sinais do Camiño estábase a
asumir que o galego é unha lingua de segunda
categoría, prescindible. Negar a presenza do galego
na fachada do Centro Internacional de Acogida
al Peregrino é unha burla a todos os cidadáns
que, se cos nosos impostos achegamos unha
considerable cantidade de cartos para restaurar o
edificio, non o fixemos para contribuír á exclusión
da nosa lingua, senón máis ben para todo o
contrario. Finalmente, cando desde o Goberno se
expulsa o galego dunha plataforma como a Xacopedia,
estase a mostrar claramente que alén de non lle
importar para nada nin o galego nin a súa
normalización, tampouco lle preocupa asumir
publicamente que están levando a cabo unha política
lingüística de destrución. "O galego, canto menos e
máis oculto, mellor", esa é a principal directriz
do actual Goberno.
ProLingua, 20 de novembro do 2015
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript