NÚMERO 294 - 23/11/2015
CUTUDC / Novidades
Ao igual que no 11-S, os atentados de París convertéronse no pretexto para unha nova fase da Guerra Imperialista. Tanto dende a óptica da intervención militar como da perspectiva do recorte dos dereitos civís e políticos a vítima silenciosa desta operación global é a democracia. E por suposto as traballadoras e traballadores que seguen a se estampar contra os moitos muros da vergoña que se espallan polo mundo, ao tempo que o Capital exercita políticas xenófobas e convoca á sociedade civil ao racismo e ao medo ao "Outro".
Ao fío dunha
masacre como a de París que, non esquezamos, non se
paga coas vidas dese 1% que promove a traxedia e o
asasinato en serie, o neoliberalismo reármase
fiando discursos con febras de mentira,
reorganizando os seus operativos militares e
coordinando unha contraofensiva internacional que
non ten por obxecto a reparación senón a
depredación, e que se vai deixar sentir tanto no
Estado Español como en Galiza, reartellando a
represión.
Hillary Clinton, nunha intervención en sede
parlamentar pouco celebrada recoñecía que “A xente
que hoxe combatemos creámola nós.. vinte anos
atrás. E fixémolo porque andabamos enleados nunha
loita contra a Unión Soviética, que invadira
Afganistán, e non queríamos vela co control de Asia
Central. E puxémonos mans á obra. E foi Reagan
[...] quen dixo . E vexan, eles retiráronse.
Perderon millóns de dólares que levaron ao colapso
da URSS. Así que é un argumento de peso, non foi un
mal investimento o fin da Unión Soviética. Pero
teñamos coidado, colleitamos o que sementamos".
O que H. Clinton agocha é que esa financiación
xamais cesou. Xaora polos USA, xaora pola Mosad e o
MIG 16 ou os servizos secretos franceses. Ese
monstro que hoxe engole París, Beirut, Palestina,
Kenia, Exipto ou o Kurdistán. Ese monstro que se
alimenta da conxura de intereses propios e de
armamento e sostemento norteño. Mais sobre todo un
monstro que medra sobre as ruínas da intervención
imperialista en Irak, Libia, Afganistán, Sudán,
Chad, Siria, Iemen, Paletina, etc. que provocou nos
útimos quince anos máis dun millón de asasinatos,
vinte millóns de desprazamentos e máis de dez
millóns de persoas refuxiadas.
A clase traballadora galega ten que opoñerse sempre
e en calquera lugar á guerra. Máis aínda se no
horizonte está a rapiña, a ocupación, a
escravitude, o sometemento e a usurpación de
enchaves de valor xeoestratéxico.
Cando se fala da barbarie non caben medias
verdades: os verdadeiros culpables móvense polos
sumidoiros dos estados capitalistas. Fronte ás
organizacións que masacran en chaves psicopáticas,
en nome de calquera causa divina, está o dedo das
potencias de norteamérica e centroeuropa que
sinalan, escriben os plans de execución e organizan
o repertorio internacional de mortes que deben
servir aos seus intereses baixo a súa causa, tamén
fanática, dunha entrega sen matices ao global Deus
do diñeiro.
Desde a CUT chamamos a todas as forzas do
sindicalismo de clase, da esquerda real, dos
movementos sociais a profundizar na unidade e na
posición inequívoca fronte á guerra imperialista,
evitando caer no engado da propaganda imperial,
cínica; evitando a trampa do dobre raseiro onde as
mortes han valer máis ou menos. Non se trata da
pertenza a esta ou aqueloutra relixión ou
confesión. Trátase do impune servizo ás forzas
vivas do Capital, dispostas a tomar o mundo cos
dentes. Custe o que custe.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript