NÚMERO 296 - 07/12/2015
CUTUDC / Novidades
Varios son os factores a ter en conta para analizar a vitoria do candidato da continuidade á fronte da Reitoría da Universidade: o feito de que a candidatura encabezada por Daniel Pena representase unha alternativa identificada cun pasado de infausta lembranza na universidade e vinculada politicamente coa dereita máis conservadora e reaccionaria, a incerteza que o mesmo candidato alternativo espallou sobre o cumprimento dos compromisos adquiridos polo actual equipo, a posición que o equipo de Pena mantén arredor da promoción do PDI - enfrontándoa á consolidación que propón o equipo actual - e a consideración de que o partido estaba gañado antes de comezalo pesaron como unha lousa sendo os factores que foron determinantes na derrota dos candidatos que perderon as eleccións.
Que a
candidatura de Daniel Pena, e o seu equipo,
represente a alternativa política que sinalamos con
anterioridade xa lle resta a posibilidade de
recoller o voto que non coincida co seu espectro
ideolóxico. Os sectores de voto máis progresista
(historicamente alumnos e PAS) situáronse
claramente en contra. Despois dos recortes impostos
pola dereita política non é de estrañar que se vote
en consecuencia.
Do reconto cabe salientar o alto número de votos en
branco no sector do PAS, sinal do descontento, por
unha parte coa traxectoria do actual goberno e por
outra banda, do rexeitamento ao grupo que se presentaba como alternativa. Tamén constatamos, no colectivo de Persoal de Administración e Servizos un alto número de traballadoras e traballadores que, por temor a que puidese gañar a candidatura da dereita, optaron por votar a Julio Abalde como “mal menor”.
Para o PAS, o contexto que se consolidou coa
votación realizada o día 3 de decembro, e aínda coa
sinatura dos acordos previos ás eleccións, non está
baleiro de incertezas. O equipo reitoral que tomará
posesión proximamente ten que levar a efecto o
acordado, ten que desfacerse do tufo electoralista
que poidan aparentar os compromisos adquiridos
durante a campaña demostrando, na práctica, o seu
compromiso.
Por outra parte é a obriga do PAS velar porque o
comprometido se cumpra non permitindo ningún
retraso no calendario acordado.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript