NÚMERO 296 - 07/12/2015
CUTUDC / Novidades
Acábase o ano aínda que parecía que este momento non ía chegar nunca. E acábase ao grande, con eleccións xerais. Esta circunstancia que noutros momentos non supuxo ningunha emoción especial, este ano tena e moita, case esaxerada.
A iso está a contribuír a aparición
nas sondaxes de importantes novidades en canto aos
contendentes, os seus líderes e a súa forma de
facer política. Ou iso dinnos quen se ocupa de
contarnos o que todos vemos. Preséntase como
novidade a aparición de novas ofertas políticas,
cando niso debe de residir o debate democrático, na
permanente renovación das propostas ante a
perdurabilidade dos problemas ou a aparición
doutros novos. Que se renove o liderado dos
partidos políticos non é ningunha sorpresa, quizá o
sorprendente sexa a continuidade dalgún deles desde
os anos oitenta ata a actualidade, pero non a súa
renovación. E o de nova forma de facer política
parece ter máis relación co uso das novas formas de
comunicación social que cos contidos mesmos.
É dicir, máis que novo, digamos que, como
corresponde a unha sociedade avanzada, renováronse
as caras e as formas, pero algo máis? Do visto e
oído ata a data, parece que se está producindo un
debate sobre tres puntos que, uns máis a gusto e
outros máis forzados, están a incorporarse e
asumindo nas distintas propostas: a rexeneración
democrática, a persecución da corrupción e a
atención ás políticas sociais. Todas eles teñen
relación directa cun problema: o distanciamento da
xente respecto da política, motivado pola sensación
de inutilidade da participación nos asuntos
públicos. Este distanciamento explícase pola
sensación de que as decisións políticas obedecen
máis a intereses particulares que aos xenerais. Cun
resultado á vista de todos: as portas xiratorias.
Benvido sexa este esforzo.
É obvio que a sociedade democrática valora a
renovación do liderado, do mesmo xeito que se
aprecia a transparencia na xestión dos asuntos
públicos e tamén dos privados de quen ocupa, por
decisión colectiva, cargos públicos. Menos obvio
resulta a negación para render contas nos períodos
electorais –tanto por parte dos gobernantes como
dos seus opositores-, cando sen iso a democracia
queda inevitablemente deteriorada.
Hai con todo un conxunto de asuntos de distinto
alcance que nunca se discuten ou non coa
profundidade que merecen. Por seleccionar algúns
deles, participan desta condición a visión sobre a
Unión Europea, a renovación económica relacionada
coa innovación tecnolóxica e a viabilidade do
estado de benestar. Non se quere dicir que non se
sinalen, pero non son temas suxeitos a discusión.
O contexto europeo
A Unión Europea é o marco institucional e
contractual no que se deseña a política económica
de España. É unha obviedade que o euro é a moeda
española, e como o é que o Banco Central Europeo é
o banco central de España, é tamén unha obviedade
que as decisións do Banco Central Europeo son as
que necesita España?
Os orzamentos da economía española son
“supervisados” pola Comisión Europea. Só cabe
admitir os criterios de supervisión deste organismo
de funcionarios? Non se pode pretender modificalos?
Vaise renunciar a unha estratexia para a Unión
Europea desde a perspectiva de cada unha das
formacións políticas españolas?
Descoñezo como se poden admitir as propostas
programáticas de impacto orzamentario e con
esixencia en canto á súa compatibilidade coa
política monetaria do BCE sen incorporar propostas
que as faga posibles desde o propio acordo de
integración europea. Por tanto, hai que recoñecer
que sen un plan para a Unión Europea, as propostas
de política económica para España sempre estarán
sometidas á autorización doutros. Non se trata dun
asunto menor nin técnico, trátase da xestión dos
recursos económicos dun estado desde os seus
propios intereses colectivos, representados no seu
Parlamento.
Aposta polo coñecemento
Doutra índole é, sen dúbida, o problema do
modelo produtivo: como queremos que sexa a economía
española?. Lamentablemente, parece que estamos
retrotraéndonos ao modelo dos anos sesenta:
emigración (agora ben formada aínda que na súa
maior parte ocúpase en empregos non cualificados
fóra de España), turismo estranxeiro (inglés e
francés) e exportacións de coches, produtos
agrícolas e alimentos, e derivados de petróleo, e
en máis do 60% á Unión Europea. Moi ben, estamos na
UE e aproveitámonos diso. Pero a dinámica
internacional vai por outros camiños, aparecen
novos polos de actividade, particularmente no
Pacífico. E sobre todo, a innovación tecnolóxica
ameaza aos sistemas tradicionais de produción e con
eles aos empregos.
Parece que o único problema sexa o abandono escolar
ou a posición no ránking PISA, cando se ten que
expoñer con urxencia a necesidade de que sexa o
conxunto da sociedade española a que asuma a
necesidade de apostar polo coñecemento. Este tense
que prolongar durante a vida de todo individuo e
sobre el debe descansar non soamente a
competitividade económica, senón sobre todo a
cohesión e o benestar social. É incrible o escaso
empeño que se pon na difusión destes asuntos nos
medios de comunicación, aínda que non falta o canto
ao emprendedor e á necesidade de asumir o fracaso.
A fundación Axencia para a Ciencia, é un
instrumento necesario para o desenvolvemento
científico pero insuficiente fronte ao reto que se
ten que afrontar nos próximos anos que é, como se
dixo, a creación de conciencia colectiva e
compromiso social sobre o futuro para construír.
Reconstruír o estado de benestar
O terceiro punto sinalado fai referencia á
viabilidade do estado de benestar. Apenas iniciada
a súa construción segundo criterios de modernidade
iniciouse o seu desmantelamento. As inquietudes van
desde a mellora dalgunha prestación á inclusión
dalgúns colectivos aínda mal atendidos. Nada máis
demoledor que observar os efectos das últimas
políticas sobre a situación das persoas dependentes
e as súas familias –recordemos que segundo nos
dixeron, por aplicación de políticas pactadas na
Unión Europea-. Con todo, o sostemento do estado de
benestar esixe recursos. De onde obtelos? Pódese
manter a fiscalidade favorable a determinadas
actividades e empresas ou niveis de renda
particulares e manter o estado de benestar? É
sustentable nunha economía de empregos lixo? É
compatible o incentivo á creación de emprego coa
deterioración da capacidade financeira da
Seguridade Social? E o envellecemento? Debe haber
unha idade de retiro obrigatorio? Que dereitos
pasivos se deben de recoñecer? Son preguntas que
precisan de respostas complexas, pero por iso mesmo
deben ser respondidas con políticas públicas
fiables e solventes. Aínda que o peor é que,
tratando de dar satisfacción a problemas
particulares, as propostas cheguen a ser
contraditorias.
Intimamente unido a este problema está, como se
sinalou, a fiscalidade. É inconcibible que se
repita unha e outra vez que non se pode poñer coto
aos paraísos fiscais mentres se manteñen leis como
as relativas á rendibilidade de activos no
estranxeiro que legalizan as prácticas máis
insolidarias, e é case un insulto que quen se
beneficia delas sexan interlocutores privilexiados
dos sucesivos gobernos.
Hai outros temas que si ocupan lugar nas propostas
programáticas e nos debates, aínda que de maneira
moi imprecisa como a cacarexada reforma da
administración, do sistema educativo, do sector
directamente a intereses longamente consolidados –
e mesmo representados nas Cortes Xerais- , polo que
calquera proposta debese de identificar os
obstáculos á súa realización, sexan do tipo que
sexan, desde bloqueos gremiais a grandes
corporacións ou simplemente de incapacidade
institucional.
Non se trata de desalentar o interese pola
política, nin desanimar á participación electoral,
trátase de lembrar o obvio: a renovación
democrática esixe de cidadáns responsables que
entendan a democracia como unha forma de
convivencia, imprescindible para que a
interpretación técnica e ocasional coa que se nos
presenta en cada cita electoral sexa moito máis que
un mecanismo de elección entre pretendidas
solucións a problemas urxentes.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript