NÚMERO 296 - 07/12/2015
CUTUDC / Novidades
Donostia, 2 de decembro de 2015-. San Sebastián 2016 Cidade Europea da Cultura (DSS2016EU) e a plataforma cidadá en defensa do eúscaro, Kontseilua, presentaron o Comité Científico encargado de elaborar o Protocolo de Garantía dos Dereitos Lingüísticos.
O Comité está composto por expertos
internacionais en lingüística e dereito, así como
académicos de renome. O obxectivo da reunión que
ten lugar desde onte, 1 de decembro, até hoxe, 2 de
decembro, éconsensuar os primeiros pasos a dar na
elaboración do protocolo.
Os responsábeis de DSS2016EU e Kontseilua deron
unha calorosa benvida aos membros do Comité
Científico durante a mañá de hoxe. Todos quixeron
destacar a relevancia desta cita. As e os membros
do Comité afrontan dous días de intenso traballo
nos que tratarán de concretar os criterios básicos
para a elaboración do Protocolo.
De Galiza participa a Profesora Pilar García Negro,
da Universidade da Coruña, que con anterioridade xa
participara na equipa de redacción e no comité
científico da Declaración Universal de Dereitos
Lingüísticos promovida pola UNESCO en 1996.
A Mesa pola Normalización Lingüística, saúda esta
iniciativa internacional a prol de dereitos humanos
tan básicos como o de vivir na lingua propia.
Que é o Protocolo?
Trátase dun documento que recollerá as medidas
concretas para garantir os Dereitos Lingüísticos
das e dos falantes e proporá medidas para a súa
aplicación efectiva. O Protocolo confeccionarase
sobre a base da Declaración Universal dos Dereitos
Lingüísticos, asinada en 1996 en Barcelona.
Despois do traballo realizado polo Comité
Organizador presentado en marzo, creouse un Comité
Científico, que será o último responsábel de
redactar o Protocolo. O documento contrastarase con
numerosos axentes e institucións sociais e
presentarase en decembro de 2016 en San Sebastián,
no marco do Cumio Europeo da Diversidade
Lingüística.
Calorosa benvida dos responsables institucionais
O director xeral de San Sebastián 2016, Pablo
Berástegui, e o secretario xeral de Kontseilua,
Paul Bilbao, deron a benvida a todos os membros do
Comité Científico e agradecéronlles de antemán o
labor que realizarán como membros do Comité. Pablo
Berástegui manifestou o seguinte:
“A esencia do proxecto de San Sebastián 2016 é pór
en valor o papel da cultura como ferramenta para
construír unha convivencia mellor. Convivir é
aprendermos a vivir xuntos, e para conseguilo é
imprescindíbel que todos asumamos o reto. Porque a
cidade é unha rede de persoas e a convivencia ten
que ver coa forma na que estas se relacionan.
E, precisamente, a lingua é a ferramenta e a canle
principal para nos relacionarmos mutuamente. É por
iso que consideramos tan necesario garantir os
dereitos lingüísticos, como calquera outro dereito
humano fundamental, e iso é o que se propón no
protocolo que elaborará o comité científico que
hoxe presentamos”.
O Cumio Europeo da Diversidade Lingüística é un dos
proxectos principais do programa cultural de San
Sebastián 2016. Esta iniciativa permitirá abordar o
reto da convivencia desde as linguas, nunha aposta
polas linguas pequenas e medianas e pola
diversidade.
A diversidade lingüística de Europa é unha das súas
principais fontes de riqueza cultural, algo que se
tomou moi en conta no proxecto San Sebastián 2016.
Nese contexto, o Cumio Europeo da Diversidade
Lingüística vén realizar unha achega para unha
mellor xestión desa diversidade tan arraigada. Sen
dúbida, esta achega ficará a modo de legado no
futuro próximo.
Kontseilua e a Fundación San Sebastián 2016
actuaron con responsabilidade para lograr que o ano
de Capitalidade Europea da Cultura constitúa un
importante fito para o fomento da diversidade
lingüística e o apoio dos dereitos fundamentais da
cidadanía.
O esforzo realizado por ambas as entidades vese
claramente ao analisar o percorrido profesional das
persoas que compoñerán o comité científico. Todos
os membros son expertos nos ámbitos das linguas
minoritarias, son procedentes de toda Europa e
teñen un amplo coñecemento sobre a realidade
diversa de Europa.
Todo iso demostra que se identificou unha
necesidade no ámbito da diversidade lingüística e
que se está mostrando toda a vontade e compromiso
para responder á devandita necesidade con esta
iniciativa. Dita tarefa preténdese realizar
ademais, non só desde as institucións e mediante o
comité científico, senón que a sociedade xogará un
papel fundamental.
Por todo iso, esta iniciativa que constituirá unha
ferramenta fundamental para o desenvolvemento da
diversidade lingüística europea permitirá realizar
unha achega referencial no ámbito dos dereitos
lingüísticos, co fin último de mellorar a
convivencia en Europa.
Por último, convén lembrar que esta presentación
chega en vésperas do Día Internacional do Eúscaro e
San Sebastián 2016 quere celebrar este fito anual
tan importante dando pasos adiante como este que
hoxe presentamos.
Os representantes do Comité de Dirección de
Kontseilua tamén tiveron a ocasión de saudar ás e
os membros do Comité Científico e Paul Bilbao
realizou estas declaracións no seu nome:
“Gostaría de subliñar dúas ideas da foto que hoxe
realizamos: por unha banda, que a preparación do
Protocolo segue adiante. E é que, tal e como
manifestamos na presentación do proxecto,
pedímoslles ás persoas que hoxe asisten aquí que
nos asesoren sobre o camiño para seguir en diante,
e habemos de dicir que, en canto os convidamos a
participaren no proceso, recibimos ao momento as
súas respostas afirmativas. Por tanto, pola miña
banda non fica máis que agradecer a súa disposición
para colaboraren. Grazas ás súas achegas, a partir
de xaneiro poderemos dar un salto cualitativo.
A segunda idea que hoxe quero compartir convosco é
que hoxe, aquí, estamos a dar un claro paso adiante
cara ao empoderamento histórico daqueles axentes
sociais que traballan día a día a favor da
recuperación das linguas europeas. E é por iso que,
grazas ao labor que se realizará nos próximos
meses, estaremos en disposición de presentar o
Protocolo de Garantía dos Dereitos Lingüísticos no
prazo dun ano. Como xa o fixera hai 19 anos a
Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos en
Barcelona, o traballo que hoxe se inicia aquí
permitirá que San Sebastián 2016 constitúa un
referente no ámbito dos dereitos lingüísticos”.
Arquivos anexos a descargar:
_32A3162-txikia (2 MB)
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript