Decembro de 2015
 
 

NÚMERO 296 - 07/12/2015

   CUTUDC / Novidades

  DESEMPREGO
 

Sobe o paro en Galicia

Galicia é a segunda comunidade do Estado onde máis medrou o paro no mes de novembro, só superada por Baleares. En total, 3.066 persoas máis anotáronse nas oficinas de emprego galegas, o que eleva o total de desempregados en Galicia a 225.158, dos cales o 51 por cento non cobra prestación algunha. A suba representa un 1,38 por cento máis na taxa de paro, que contrasta co descenso de 27.071 desempregados no conxunto do Estado.

 

  • Noticias relacionadas

 

O desemprego reduciuse en novembro en dez comunidades, principalmente en Andalucía (-17.900 parados), Comunitat Valenciana (-9.807) e Madrid (-4.678). Pola contra, subiu en sete autonomías, encabezadas por Baleares (+9.843 parados) e Galicia (+3.066).
 
Paro por sectores
O desemprego aumenta en todos os sectores da ecconomía, con maior incidencia no sector servizos (+1.747). A continuación sitúase, aínda que con diferenza, a construción (+426), seguida pola agricultura e a pesca (+392), a industria (+251) e o colectivo sen emprego anterior (+250).
 
Por provincias, o desemprego subiu en todas elas, agás en Pontevedra, onde diminuíu en termos absolutos 241 persoas, un 0,27 por cento menos que no mes anterior. Na Coruña aumentou en 1.674 persoas, seguida de Ourense con 849 persoas máis e de Lugo con 784.
 
Na evolución interanual –de novembro a novembro-, Galicia rexistra 23.474 desempregados menos que hai un ano, o que representa unha baixada do 9,44 por cento.
 
Temporalidade
Segundo os datos do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, os contratos que se asinan en Galicia baixaron en preto de 10.000 en novembro, un 13 por cento menos que en outubro. En total, asináronse 68.070 contratos dos cales, 62.791 foron temporais, o 92,2% do total. Só 5.279 foron indefinidos, o 7,8 por cento.
 
Fonte: Galicia Confidencial | Santiago | 03/12/2015 | Actualizada ás 12:55
 
GC está baixo licenza Creative Commons Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 4.0.  
 ---
 
Aumenta o desemprego en 17 dos 20 concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal, máis do dobre que a media galega
 
O desemprego creceu en novembro por terceiro mes consecutivo en Ferrolterra. A peor parte leváron-na as comarcas do Eume e Ortegal, onde o paro aumentou nun 3,2 por cento (+1.778 parados) e un 3 por cento (+815) respectivamente, máis do dobre que a media galega, que se situou nun 1,38 por cento.
 
Deste xeito, as tres comarcas mantéñense uns niveis de ocupación baixos e non logran crecer en emprego, nun mes que foi bo para España, pero non para a comunidade.
 
Na comarca de Ferrol tamén aumentou o paro, aínda que en menor medida, nacontorna do 2 por cento. O número de desempregad@s pasou de 13.999 a 14.287, é dicir, que hai 288 novos demandantes de emprego. Ares (6,4%), Mugardos (7,7%) e Valdoviño (5,9%) son os municipios máis afectados na comarca de Ferrol. Por contra, a urbe naval sufriu unha das menores subidas dos 20 concellos das tres comarcas, case un 1 por cento, que se traduce en 66 persoas máis sen traballo.
 
Os concellos que menos notaron este incremento de desempregad@s foron Cerdido e Monfero, que engrosaron as listas do paro nunha soa persoa, e Cabanas e A Capela, que manteñen os mesmos datos que en outubro. Cariño é o único municipio de Ferroltera que logrou descender o número de parados, concretamente en 7 persoas.
 
Comparando as cifras interanuais, en novembro do 2014 Ferrol tiña 7.462 inscritos no INEM e no mesmo mes do 2015 a cifra baixou ata os 6.742. Isto supón 720 persoas menos demandando emprego na cidade, é dicir, un descenso do 9,65%. Estes mesmos datos extrapolados a toda a comarca de Ferrol arroxan un descenso do 10 por cento, pasando de 15.892 inscritos a 14.287.
 
Na comarca do Eume o descenso interanual é similar, dun 10,5 por cento, con 210 desempleados menos. Pola súa banda, a comarca de Ortegal experimentou un menor descenso, do 8,11%.
 
Sectores.
O sector primario "agricultura e pesca" foi o menos afectado nas tres comarcas. Entre os 20 municipios destruíronse tres postos de traballo respecto ao pasado mes de outubro. Tanto é así, que no municipio de Ferrol a cifra de desempregad@s neste sector descendeu en sete personas no pasado mes.
Con todo, o sector da construción nas comarcas si aumentou lixeiramente. Os 2.072 desocupad@s do mes pasado pasan agora a ser 2.154, 82 persoas máis, contorna ao 4 por cento. Pero o sector máis castigado pola destrución de emprego foi o industrial. Aquí son 97 os novos demandantes de emprego, case un 5% máis que en outubro, deixando unha cifra total de 2.027.
 
Fonte: Diario de Ferrol | Redacción Ferrol | Actualizado 3 Diciembre 2015 - 01:00 h.
 
Recollido de Ártabra 21
---  
 
O número de desempregados só reduciuse en tres persoas en novembro
 
Na Coruña a cola do paro descendeu no mes de novembro pero fíxoo de forma apenas perceptible. Tan só tres coruñeses deixaron de formar parte do amplo colectivo dos desempregados na cidade. Desta forma enlázanse tres meses nos que os resultados foron negativos, en contra da suposta recuperación da que se fala nos círculos macroeconómicos. Novembro pechouse con 19.868 cidadáns sen traballo, o que na área metropolitana ascendeu a 31.270 persoas. Neste último caso, a estatística con respecto a outubro aumentou. Neste contexto, agárdase que decembro sexa un mes moito máis produtivo a nivel de contratos laborais, aínda que a maioría irán aparellados á estacionalidade propia do Nadal.
 
Case 20.000 veciños da Coruña en situación activa viven na actualidade sen un emprego no que apoiarse e afrontar os seus gastos. Segundo o balance feito público onte pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, o paro tan só se reduciu en tres individuos pasando dos 19.871 de outubro aos 19.868 de novembro.
 
Aínda que é certo que no período interanual con respecto ao mesmo mes do ano pasado o rexistro reduciuse en preto de 2.000 persoas, non deixa de selo tamén o feito de que se enlazaron tres meses cunhas estatísticas nada positivas. Mentres en setembro e outubro, unha vez pechada a campaña de traballos estivais, empeoraron os datos, en novembro a estabilidade foi a constante.
 
O pequeno movemento implicou máis novos sen ocupación e menos persoas maiores de 25 anos sen un posto. Con todo, as mulleres continúan sendo as principais prexudicadas con 10.761 paradas fronte aos algo máis de 9.000 homes.
 
Segundo o sector de procedencia dos incluídos no INEM, o que deixou a máis xente na rúa segue sendo o dos servizos (14.373), seguido da construción (1.806) e a industria (1.591). Tamén é importante a estatística de cidadáns sen un traballo anterior, pois chega aos 1.763. En calquera caso, ao establecer comparativas con novembro de 2014 reflíctese que en case todos os sectores restableceuse algún contrato.
 
O grupo municipal do PSOE foi o único que opinou onte sobre o asunto. Fíxoo para reclamar a todas as forzas políticas con representación no Concello un “diálogo” que permita “poñer en marcha un plan de emprego de verdade, con medidas, prazos, orzamento e obxectivos concretos, co fin de sacar á cidade da crise e xerar oportunidades de progreso e benestar”.
 
As comarcas, á alza
Os resultados globais da comarca foron aínda máis negativos que na cidade. O número de veciños afectados por esta secuela subiu case un 1%. É dicir, entre outubro e novembro houbo unha variación á alza de 209 persoas ata alcanzar os 31.270 desocupados. O crecemento detectouse en Abegondo, Arteixo, Cambre, Carral,  Culleredo, Oleiros e Sada e só libráronse Bergondo e A Coruña.
 
No caso da área de Betanzos, a consellería reflectiu un ascenso do desemprego en 30 individuos. Mentres na cabeceira de comarca caeu en 16 persoas e Vilarmaior e Vilasantar reflectiron cifras menores, o resto de municipios seguiron notando a afectación da falta de oportunidades.
Respecto de decembro existe certo optimismo, dado que xa creceron notablemente as ofertas de traballo. Pero estas serán de carácter temporal e case con total seguridade xaneiro volverá sementar a preocupación.
 
Fonte: El Ideal Gallego | REDACCIÓN A Coruña | Actualizado 03 Decembro 2015 - 01:00 h.
 
Foto: Acción das Marchas da Dignidade de Ferrolterra. por un Plan de Choque contra o Paro.
 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript