Decembro de 2015
 
 

NÚMERO 297 - 14/12/2015

   CUTUDC / Novidades

  Enrique González, 'CANDO AS PINGAS SE FAN CHOIVA'
 

"A contestación ás agresións do sistema capitalista é sempre manipulada mediaticamente"

Sabadell, Gamonal, Jódar, Madrid e Valencia son algúns dos escenarios nos que se desenvolve o documental Cando as pingas se fan choiva, unha produción do Colectivo Miradas que aluma distintos movementos de resistencia ao espolio, en todas as súas formas, vividos neses lugares.

 

  • Noticias relacionadas

 

Desde a loita por facer efectivo o dereito á vivenda levada a cabo pola PAH de Sabadell e a súa recuperación de edificios baleiros en mans da banca, á organización estudantil en Valencia contra a privatización da Educación ou a esixencia de que a sanidade en Madrid sexa universal, sen exclusións. A defensa do territorio, en mans de latifundistas en Andalucía ou sometido á confluencia de intereses entre concello e construtoras en Burgos, é outro dos fíos do mesmo tecido que cose a película.

Dirixida por José Gayá, quen traballou durante unha década en América Latina documentando o autogoberno das comunidades zapatistas e o xenocidio en Guatemala, e producida por Enrique González, participante en proxectos documentais e en medios de comunicación alternativa en Venezuela, hoxe, 10 de decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos, estréase en internet. "Escollemos esta data porque queremos destacar que os dereitos humanos non se concretan en leis que se impoñen desde arriba; senón nas loitas sociais desde abaixo en demanda de dignidade e dereitos básicos", explica González a Diagonal .

Cal foi o obxectivo ao facer Cando as pingas se fan choiva?
O documental busca achegar a visibilidade das loitas colectivas polos dereitos humanos que teñen lugar en distintos territorios do Estado español, en desafío á profundización da axenda neoliberal, as políticas de recortes sociais e a crecente represión da protesta e a organización autónoma.

Buscamos evidenciar que existe un nexo común a todas estas loitas, desde a diversidade dos territorios e as tradicións organizativas. Así sexan plataformas de reivindicación de dereitos, mareas cidadás, movemento 15M, organizacións de traballadoras ou colectivos políticos explicitamente anticapitalistas, todas defenden alternativas á actual fase do capitalismo, por medio da articulación de valores democráticos como os dereitos humanos, a cooperación e a solidariedade.

Por que sentides que é pertinente neste momento?
Parecese que as políticas que están a propiciar a precarización dos de abaixo son un fracaso, pero en realidade, lémbranos no documental o economista e panadeiro Busqueta, "están a conseguir o que buscan, que é a concentración da riqueza".

Á súa vez, o proxecto neoliberal está a acabar cos poucos espazos democráticos que ofrecen os réximes electorais tutelados da democracia representativa. Por iso, se os pobos queren preservar e aínda profundar a democracia, é un imperativo urxente apostar por vías alternativas ás que nos ofrece o sistema.

Como lembra Yayo Herrero, esta non é unha crise máis do capitalismo: "A novidade é que xa topamos cos límites do planeta". Aspectos como o "imposto ao sol" ou a pantomima que estamos a ver no Cume do Clima de París permítennos ver o nulo campo de acción que teñen os actuais gobernos fronte á dinámica de poder das transnacionais. Á súa vez, vemos como os gobernos da UE e EE UU apostan pola militarización das nosas sociedades e ofrecen respostas bélicas a problemas que non teñen solución mediante a intensificación da agresión da que son responsables e que está na raíz do problema.

Por iso, hoxe día apostar por cambiar de rumbo non está só relacionado coas loitas pola dignidade da clase traballadora e pola posibilidade da democracia: é tamén unha aposta pola paz e pola supervivencia da vida humana tal e como a coñecemos.

En que punto se atopa agora o proxecto?
Desde o comezo, o proxecto buscaba levantar un retrato colectivo de movementos en loita, para evidenciar a diversidade das causas e organizacións e a unidade de acción no seu desafío á hexemonía capitalista. Para iso, traballamos en cinco territorios, con cinco eixos de dereitos que consideramos esenciais para a construción dunha sociedade democrática e que o sistema está a botar á cuneta: os dereitos á saúde, educación e vivenda, a traballo e terra, a defensa de servizos públicos, no marco da loita contra a especulación e a corrupción e contra a precarización das condicións de vida das clases populares.

Logo de seis intensas semanas de rodaxe durante a primeira metade do ano, terminamos de producir a película ao comezo do outono, e a comezos de novembro realizamos unha ruta do trinque cos colectivos e movementos sociais cos que traballamos e con colectivos afíns de cada territorio.

Percorremos máis de 3.500 quilómetros en tres semanas e ao redor de 700 persoas viron a película en 17 proxeccións en centros sociais como A Vilá de Vallekas e a Parroquia San Carlos Borromeo, en Madrid, os locais do SAT en varios puntos de Andalucía e La Granja del Pas en Sabadell, onde a asemblea da PAHC congrega todas as semanas a varios centenares de activistas.

Foi unha experiencia moi gratificante poder compartir coa xente que fixo posible o documental, e recibir en todos os casos unha acollida solidaria e de entusiasmo coa proposta. Tamén compartimos intensos debates ao redor das alternativas populares ao proxecto neoliberal, a represión e a necesidade de desafiar o estatu quo.

Cales foron as maiores dificultades que atopastes?
Os procesos de protesta e contestación ás agresións do sistema capitalista son sempre obxecto de manipulación mediática por un motivo moi sinxelo: os grandes medios responden a intereses afíns aos grandes poderes, e a organización de alternativas á marxe do seu control é o que máis temen.

Poida que nun momento dado sexa funcional para algún medio realizar unha cobertura fiel a estas loitas, pero se esas loitas tocan intereses que condicionan o medio, sempre virá o momento da manipulación ou o silencio. Esta é a experiencia aquí e en todas partes.

Por iso, unha vez mostramos a natureza do noso traballo e o propósito de darlle voz a movementos silenciados ou deostados nos grandes medios, atopámonos máis que con dificultades, coas portas abertas, coa plena disposición a colaborar co proxecto por parte de todos os movementos cos que entramos en contacto – e cos que quedamos comprometidos de aquí en diante.

En toda a ruta só tivemos que xestionar os gastos de transporte, porque fomos aloxados en casas ou centros sociais e apoiáronnos en todo – como sucede cando compartes con xente sen recursos asociada ao redor de valores de organización colectiva e solidariedade.

Cal foi a importancia desas pingas que se fan choiva nos últimos anos en España?
Durante décadas os poderes hexemónicos lograron transmitir ás maiorías o conto de fadas dunha "transición democrática" exemplar ... Agora, é claro para sectores moito máis amplos de poboación que se algo tivo de exemplar a transición foi a absoluta impunidade dos axentes da ditadura franquista e a garantía de continuidade dunha estrutura social que se remonta a 500 anos atrás.

Esta trampa acompañouse da brutal ofensiva de valores que avanza o capitalismo a través dos medios de creación de opinión, coa que logrou convencer a grandes capas de clase traballadora que chegara o momento de converterse en "clases propietarias" e de porse a competir entre todas.

A iso súmase a práctica dunha clase política que aínda que nun primeiro momento apostou polo estado de benestar, logo abrazou sen pudor o proxecto neoliberal para administrar o desmantelamento dos servizos públicos. Desde entón, permitíuselles que se enriquecesen ilegalmente mentres administrasen o poder público para a continuidade da estrutura social herdada e para beneficio dos intereses privados de acumulación, que son os que propiciaron a estafa do crédito inmobiliario.

Cando chegou o momento de tirar da manta, a xente viu que detrás das promesas de benestar e crecemento infinito o que viña era o engano, a privatización de servizos públicos conquistados co traballo de toda a poboación, a expropiación de bens e a concentración da riqueza e privilexios. É dicir, o ataque definitivo á mera posibilidade dunha construción democrática das nosas sociedades.

Aínda que sempre houbo resistencias e alternativas desde abaixo, a indignación converteuse en movemento a partir do 15M, de onde naceron novas propostas de organización desas resistencias e de apoio mutuo. Estas formas de organización colectiva que xurdiron en todos os territorios representan unha esperanza notable ante a guerra sen cuartel que expón o capitalismo e que busca desarticular as identidades sociais e de clase para pornos a todos a competir polas migallas que reserva o sistema para a clase traballadora.

O medo que estas alternativas imprimen na pel do sistema podemos velo na masiva resposta de represión de alternativas e protestas, que se consolidou co paquete de Leis Mordaza.

Cal debe ser o papel destes movementos agora, unha vez que hai concellos (Barcelona, Madrid, Coruña ou Cádiz, por exemplo) gobernados por partidos próximos a eles?
A chegada destas alternativas a unhas administracións que estaban até agora vedadas para agrupacións con vocación anticapitalista non é só un sopro de vento fresco: é unha oportunidade única nun momento crucial da historia dos ensaios democráticos no vello continente. Por iso consideramos que deben contar co apoio da cidadanía mobilizada, que é fundamentalmente quen os levantou onde están – moitos, de feito, proveñen dos movementos sociais.

Non entanto, os riscos de cooptación ou inacción están ao virar a esquina, pois administran un poder que está completamente penetrado polos intereses do capitalismo, e vemos a diario como os seus valedores políticos e os seus medios de comunicación esfórzanse en obstaculizar, ridiculizar e até criminalizar os avances que se van logrando.

Por iso, como di Diego Cañamero no documental, "goberne quen goberne, sen presión na rúa non escoitan". E como di Yayo Herrero, "cometeriamos un grave erro se colocamos toda a confianza nas institucións e esquecémonos da rúa".

Aquí pódese ver Cando as pingas se fan choiva:

Cando as pingas se fan choiva [77 mins] from Colectivo Miradas on Vimeo
 
VÍDEO CANDO AS PINGAS SE FAN CHOIVA:

 


.

Diagonal

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript