NÚMERO 297 - 14/12/2015
CUTUDC / Novidades
Nesta campaña electoral os candidatos non falan da saúde. E deberían. O PP para informar do que fixo cos servizos sanitarios e os demais para pedir explicacións. A sanidade pública é un elemento básico do Estado de benestar; desde que o PP accedeu ao poder sufriu o maior ataque da súa historia.
Nestes catro anos aplicaron con rigor unha
estratexia destinada a desmantelar o sistema
sanitario público para crear espazos de negocio ás
empresas afins e ás grandes multinacionais do
sector.
A primeira medida nesa dirección adoptouna o PP
nada máis chegar ao poder central. En abril de 2012
(tres meses despois da toma de posesión) publicou
no BOE o funesto RDL 16/2012 -o que fai sospeitar
que ese texto xa estaba escrito cando Rajoy
prometía nos mitins que non tocaría a sanidade nin
as pensións-. Esa norma introduciu copagos en
sanidade, excluíu medicamentos do financiamento e
excluíu persoas da sanidade pública: aos
inmigrantes e ás persoas que teñen estancias no
estranxeiro superiores a 90 días. Este apartheid
sanitario é unha decisión inxusta, inhumana,
perigosa e inútil: non produce ningún aforro
económico e provoca un enorme sufrimento persoal e
colectivo -ademais de significar un risco para a
saúde pública-. Esta lei atopouse, desde o
principio, coa oposición de moitos profesionais
-que fixemos obxeción de conciencia-, e de todos os
grupos políticos (excepto Cidadáns). O goberno
central aplicouse con rigor neste retorno ao
pasado. Levounos a un tempo preconstitucional: as
persoas xa non temos dereito á atención sanitaria
pola nosa condición de cidadáns senón en canto
esteamos asegurados. O dereito á sanidade volve
estar condicionado pola cotización previa.
Mentres tanto as CCAA no seu poder continuaron coas
políticas xa iniciadas anos atrás: recortes e
privatizacións. A disminución do gasto sanitario
nas CCAA chegou ao 21% e pasou do 6.8% do PIB en
2008 a representar o 5.9% en 2013. En 2015 o
sistema sanitario público ten 55.000 traballadores
menos (con menos salario, peores condicións
laborais e maior precariedade -10.300 médicos/as e
6.500 enfermeiros/as fuxiron ao extrenjero-)
mentres as empresas sanitarias conseguiron manter e
ata aumentar os seus beneficios a costa dos
orzamentos públicos. Numerosas áreas relacionadas
coa sanidade (limpeza, cociña, mantemento,
loxística, tecnoloxía, etc) pasaron a mans privadas
(en concesións para anos, o que fai máis difícil o
seu rescate) e, ademais, xa sabemos -por un informe
da FADSP- que a construción de novos hospitais
mediante a colaboración público-privada incrementou
o custo, o nivel de endeudamento e favoreceu a
corrupción; moitos deses centros teñen problemas
legais e os novos gobernos das CCAA estudan
fórmulas para rescatalos.
Todas estas medidas non son consecuencia da crise,
non son equivocacións nin decisións tomadas en
contra da súa vontade: obedecen a unha estratexia
deseñada polo PP (en connivencia cos grandes lobbys
sanitarios) durante os anos de oposición e aplicada
agora con todo rigor en busca dun obxectivo:
conseguir que a saúde sexa un negocio e non un
dereito dos cidadáns. Por iso, no seu último mes de
mandato, o goberno de Rajoy aprobou (procurando
pasar desapercibido) tres iniciativas de gran
importancia na política sanitaria e que poden
condicionar o futuro do sistema público. Aprobaron
a desgravación fiscal para os seguros privados
(unha medida moi demandada polo sector), asinaron
un acordo con Farmaindustria para garantir o gasto
farmacéutico ligándoo ao incremento do PIB e
recorreron e paralizaron a decisión do novo goberno
valenciano de devolver o dereito á atención
sanitaria aos inmigrantes sen papeis. O que
pretenden con estas decisións é deixar o futuro
atado e ben atado -tal como fixo Franco-, para que
os próximos gobernantes non teñan máis remedio que
seguir o camiño trazado. Haberá que buscar fórmulas
para evitar ese destino. A saúde dos nosos fillos e
dos nosos netos depende diso.
Blogue persoal de Pablo Vaamonde:
Pavillón de Repouso
http://pablovaamonde.blogspot.com.es/
[*]
Pablo Vaamonde Garcia,
nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro
de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e
director da revista médica Cadernos de Atención
Primaria (1994-2005), presidente da Asociación
Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC)
de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial
de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de
Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director
xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005
e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de
Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización
da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e
autor de tres libros de narrativa: O fillo do
emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina
e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois
Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción
e defensa da língua de Galicia e é colexiado de
Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio
Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.
Publicado no seu Blogue persoal | 10.12.2015.
Recollido de Ártabra 21
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript