NÚMERO 297 - 14/12/2015
CUTUDC / Novidades
Denuncian que a multinacional francesa e outras empresas da distribución non están a cumprir o acordo lácteo e que a suba do leite ao consumidor non se está a trasladar aos gandeiros. Aseguran que o prezo medio en Galicia está en 27 céntimos e con tendencia á baixa.
Uns 70 tractores de gandeiros
procedentes das comarcas de Ordes e de Arzúa rodean
dende primeira hora da mañá o centro comercial
Carrefour situado na Avenida Alfonso Molina da
Coruña. A media mañá sumáronselle arredor de 50
tractores procedentes de explotacións de Aranga,
Irixoa e da comarca de Ferrolterra.
O obxectivo desta acción de protesta, organizada
pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego,
é presionar de xeito indefinido á multinacional
francesa á que acusan, xunto a Dia, Alcampo ou
Eroski, de aplicar unha suba do prezo do leite aos
consumidores que non se está a trasladar ao
gandeiro.
“A distribución engana aos gandeiros e aos
consumidores”
Así, o representante de Unións Agrarias na
Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego,
Óscar Pose, acusou á distribución comercial de
“incumprir os acordos do sector lácteo asinados o
pasado 23 de setembro”.
“A distribución está enganando dobremente ao
consumidor e ao gandeiro, pois subiu o prezo do
leite ao consumidor co compromiso de trasladar esa
suba ao gandeiro, pero despois de dous meses non
vimos un só céntimo”, denunciou Óscar Pose.
Neste sentido, o representante de UUAA pediulle a
Xunta de Galicia e a Goberno Central que “tomen
medidas de carácter inmediato para facer cumprir o
acordo, porque os gandeiros acumulan dous meses
máis de perdas e non poden esperar a despois das
eleccións para que se tomen medidas”.
SLG: “A distribución subiu algo o prezo do leite ao
consumidor pero para quedarse con esa suba”
Na mesma liña se manifestou o representante do
Sindicato Labrego Galego (SLG), Xosé Ramón Cendán,
quen denunciou que “os prezos para o gandeiro
seguen sendo ruinosos”. “A distribución subiu algo
o prezo do leite ao consumidor pero para quedarse
con esa suba, porque ao gandeiro chegáronlle 0
céntimos”, sentenciou.
Os prezos para o gandeiro galego están nunha
media de 27 céntimos e á baixa
O estancamento e mesmo a baixada de prezos do leite
en orixe confirmábana os gandeiros presentes na
protesta, moitos deles en camiño cos seus tractores
cara a Coruña dende as 5 da mañá.
“Os prezos medios son de 27 céntimos, cando os
custos de produción non baixan de 30 céntimos o
litro, con contratos a tres meses e con tendencia á
baixa”, resumía un gandeiro de Ordes. Pablo, outro
gandeiro de Frades, denunciaba que “a distribución
subiu o leite máis barato uns 6 céntimos, e os
consumidores non se queixaron porque apoian ao
sector, pero os produtores non recibimos un só
céntimo”. Todos os gandeiros consultados rexeitaban
a política de axudas: “queremos recibir un prezo
xusto polo noso traballo, non esmolas”, coincidían
uns e outros.
Eliseo, gandeiro de San Sadurdiño, aseguraba estar
na protesta “por solidariedade co resto de
produtores, xa que nos vendémoslle a Entrepinares e
non nos podemos queixar dos prezos”. “Os gandeiros
cobran de media 27 céntimos, pero hai empresas que,
como Lactalis, xa baixaron este mes a 26 e para
xaneiro anunciaron que recortarán ata 25 céntimos
por litro”, asegura.
Os clientes de Carrefour apoian aos gandeiros
No exterior, os gandeiros ían informando aos
clientes que querían entrar no aparcadoiro do
Carrefour pedíndolles que non mercasen na
multinacional francesa pola súa política co sector
lácteo galego. A maior parte deles optaba por non
entrar a mercar, e aos que si querían acceder
deixábanlles o paso libre.
Así, clientes como Rafael Piñeiro aseguraban á súa
saída do Carrefour que “os gandeiros están a facer
o correcto, e nós como consumidores debemos mercar
leite de Galicia, a ser posible producido por
cooperativas de aquí”.
“Temos que apoiar aos gandeiros mercando leite co
selo Galega 100%”
O mesmo argumento de Manuel e Branca, dous
coruñeses para quen “os consumidores temos que
apoiar aos gandeiros mercando leite co selo de
Galega 100% e non deixar que nos metan leite
francesa”.
Os gandeiros, procedentes de diferentes comarcas da
provincia da Coruña, iranse relevando e manterán a
protesta ante o Carrefour da Coruña de xeito
indefinido ata que a multinacional francesa cumpra
o acordo lácteo e lle traslade a suba do leite aos
produtores.
Campo Galego
“Prometéronse cousas que non se cumpriron”
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript