Decembro de 2015
 
 

NÚMERO 297 - 14/12/2015

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Ignacio Escolar
 

Unha democracia non é unha liga de fútbol

Entre outras falacias, a vicepresidenta Sáenz de Santamaría usou durante o debate unha mentira na que o PP insiste e que convén desmontar: que hai que deixar gobernar á lista máis votada para “respectar á vontade popular”.

 

  • Noticias relacionadas

 

 “É coma se un equipo gaña a liga e o segundo, o terceiro e o cuarto suman os seus puntos para quitarlle o título”, argumentou. Seguro que ao presidente que tanto le o Marca esta metáfora encantoulle. Pero o argumento é falaz por tres razóns bastante fáciles de explicar.
 
A primeira, o pasado. O PP que hoxe critica os “pactos de perdedores” durante toda a súa historia usou alianzas con outros partidos para gobernar contra o máis votado cando lle veu ben. Así o fixo no Concello de Madrid, cando pactou co CDS de Rodríguez Sahagún para botar ao alcalde Juan Barranco, do PSOE, que fora o máis votado. Ou cando máis recentemente pactou co PSE en Euskadi para facer lehendakari a Patxi López, en detrimento do candidato máis votado, Juan José Ibarretxe.
 
A segunda, o presente. O PP segue gobernando nunha chea de administracións sen ser o máis votado: nada menos que en 160 municipios españois onde o máis votado foi outro partido que hoxe está na oposición sen que iso supoña problema algún nin para o PP nin para Soraya Sáenz de Santamaría nin para o propio Mariano Rajoy.
 
A terceira, a Constitución. A democracia española é parlamentarista, non presidencialista, como recolle a carta magna que tanto cita o PP. O 20 de decembro eliximos os deputados e senadores, e é despois o Congreso quen escolle ao presidente, por medio dun protocolo que está moi detallado no artigo 99 da Constitución. O presidente do Goberno debe lograr a maioría no Congreso, que é onde reside a soberanía popular.
 
Hai outros países onde o sistema electoral é distinto, como en Francia: con dobre volta e só con dous candidatos ao final. Hai argumentos para un e outro modelo, pero o que non vale é optar por un ou outro en función dos intereses cortoplacistas do PP, e menos aínda pretender aplicar outro sistema sen reformar antes a Constitución. A lei é bastante clara, gústelle ao PP ou non.
 
Nunha metáfora que seguro que Rajoy e o seu Karanka Santamaría apreciarán: que goberne a lista máis votada e non o candidato que logre o apoio do Parlamento é como cambiar o regulamento a metade de partido. Ou coma se un equipo de fútbol gaña a liga, coas normas da liga e xogo limpo, e o anterior campión téntalle aplicar as regras do baloncesto para reter o título e quedar co balón.
 
 
VIDEO
 

 


 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript