Decembro de 2015
 
 

NÚMERO 298 - 21/12/2015

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Resumo do Consello de Goberno do día 16 de decembro

O pasado día 16 realizouse o último Consello de Goberno do ano, foi, tamén, o de despedida do actual reitor, Xosé Luís Armesto, e, entre outras cousas, aprobouse a RPT de PAS funcionario. Ao remate da sesión soubemos que o novo reitor confirmaba no seu cargo ao xerente actual, continuará, polo tanto, Juan Manuel Díaz Villoslada á fronte da Xerencia. As previsións, no que se refire ao traspaso de poderes, son que o DOG do día 11 de xaneiro publique o nomeamento de Julio Abalde como novo reitor e o día 12 de xaneiro tome posesión do cargo.

 

  • Noticias relacionadas

 

Aprobáronse todos os puntos da orde do día sen, practicamente, discusións. O PAS no punto:
8. – Integración do Instituto Universitario de Ciencias da Saúde (IUCS) no Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC), manifestou o seguinte:
 
Xosé Portela:
De novo o equipo de goberno da universidade ponnos nunha situación kafkiana pois no mesmo acto no que imos aprobar unha nova RPT aprobaremos, sen comunicarllo sequera, á Xunta de Persoal, unha modificación da mesma.
 
En que situación queda a praza nº 737 de Secretario de Instituto Universitario no Instituto Universitario de Ciencias da Saúde?.
 
Os cambios que agora se consolidan neste Instituto deberon ser preparados con tempo pois a súa localización desapareceu dos paneis de sinalización hai algún tempo, tempo que non se aproveitou para, nin tan sequera, comunicarllo aos representantes das traballadoras e traballadores.
 
Por outro lado, cómo se resolverá a situación da praza 743 de Secretario de Instituto Universitario no Instituto Universitario de Estudos Marítimos, outro Instituto que aparece como que non está incluído na avaliación ANEP?
 
Hai algunha situación semellante da que se debería informar á Xunta de Persoal e non se fixo?
 
O vicerreitor de Investigación e Transferencia, indica que:
 
O PAS intégrase no INIBIC. O proceso iniciouse recentemente, de feito a proposta que se trae a aprobación ao Consello de Goberno ten data de saída do Instituto do día 15 de decembro. Descoñece o cambio na sinaléptica e do momento en que se produciu, o proceso de integración iníciase neste momento, será un proceso longo onde xa pode corresponder o contacto coa representación das traballadoras e traballadores. Non hai outros institutos afectados.
 
Xosé Portela:
Sabemos que o proceso se iniciou no verán, tamén segundo as condicións da avaliación, a Universidade sabía que correspondía, como mal menor, a integración noutro Instituto, esta circunstancia leva implícita a modificación, cando menos, da denominación da praza da Secretaría, esa cuestión debería ser comunicada á representación das traballadoras e traballadores e non se fixo.
 
O vicerreitor recoñece que puido haber unha falta de información que, de ningún xeito foi premeditada.
 
Do punto:
10 .- Expediente de modificación da RPT do PAS xa vos informamos noutro artigo.
 
Ao remate da sesión o reitor saínte, emocionado, despediuse do Consello de Goberno facendo unha referencia a Neira Vilas, recentemente falecido e agradecendo o esforzo de todas e todos os membros do Consello de Goberno, postulando que, sen dúbida, virán tempos mellores. Ás palabras do reitor seguiron uns minutos de aplausos por parte dos e das presentes.

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript