NÚMERO 298 - 21/12/2015
CUTUDC / Novidades
Repítesenos machaconamente que as políticas activas de emprego son máis eficaces que as políticas pasivas porque van á orixe mentres que as segundas perpetúan o problema.
Lembremos que as denominadas
pasivas concrétanse fundamentalmente no pago dos
subsidios aos parados. As políticas activas
refírense sobre todo aos cursos de formación para
os parados e a intermediación no mercado laboral
(cruzar ofertas e demandas).
A denominación activa ou pasiva xa vai cargada
dunha perspectiva despectiva para as segundas. A
mensaxe implícita é que o subsidiado é pasivo e non
se esforza o suficiente para atopar emprego. Esta
idea atopámola a miúdo nos debates e declaracións,
nos tertulianos e, agora, en varios programas
electorais, de forma ás veces case explícita.
Por exemplo, cando se fala de programas de rendas
mínimas, pero engadindo como condición para
percibilas que o beneficiario participe en cursos e
actividades destas denominadas políticas activas de
emprego. Ou, máis sangentamente, cando Cidadáns
ofrece un "Complemento Salarial Anual Garantido que
complemente os ingresos laborais dos fogares e do
que se beneficiarán aqueles traballadores con
salarios máis baixos e empregos máis precarios".
Para os parados "combínanse tres medidas:
formación, axudas na procura de emprego, e
subsidios á contratación".
O modelo debuxado é aterrador. Vén dicir:
promocionaremos o emprego de ínfima calidade,
subsidiando ao empresario para que contrate e
compensando con fondos públicos a miseria de
salarios que non permiten saír da pobreza. E o
parado que busque traballo se quere algunha axuda.
Como a culpa é súa, axudarémoslle a formarse e
buscar un deses miserables empregos que
subsidiamos.
Non pode aceptarse ningunha das posicións que estas
propostas evidencian. Dedicar fondos públicos
escasos para favorecer empregos de calidade
decrecente supón seguir apostando polo agravamento
da desigualdade e pola deterioración da
produtividade, supón apostar por un modelo
económico de baixa cualificación, por un futuro
negro para o noso modelo de ¿crecemento?.
O modelo asistencial segue baseándose nas persoas
que logran entrar no mercado de traballo. Pero nin
iso garante saír da pobreza nin pode tolerarse o
abandono ao que se somete a quen non conseguen eses
empregos.
A gran maioría dos parados ten formación máis que
suficiente para participar activa e eficientemente
no mercado de traballo e busca desesperadamente un
posto de traballo. As máis das veces, acepta
empregos precarios moi por baixo da súa
capacitación profesional. Non é formación nin axuda
na procura o que necesita. O que precisa é que
exista realmente demanda de forza de traballo que
absorba a eses millóns de persoas sen esperanza nin
horizonte.
Esas políticas activas de emprego obríganlles a ir
de curso en curso, a miúdo inútiles para o seu
perfil, mero trámite burocrático para ir cumprindo
coas esixencias que se marcan para ese parado
presuntamente pasivo. Un gasto de dubidosa
eficacia, unha burocracia ineficiente, unha fonte
(Madrid, Andalucía…) de corruptelas, un
tranquilizante de conciencias… Pero bastante inútil
desde a perspectiva do emprego.
A auténtica política activa de emprego é aquela
que, a través do investimento intelixente, xera
novos postos de traballo, abre sectores de futuro,
dinamiza a demanda de traballadores.
Mentres non cambie ese panorama xeral, poñer o
acento nas políticas presuntamente activas e na
culpabilización do parado é unha falacia
inadmisible.
Por suposto, iso non obsta para apoiar a formación
permanente e a adaptación profesional ao longo da
vida. O labor de intermediación pode conseguirse
facilmente por mecanismos informáticos en rede. A
formación e o asesoramento deben centrarse en
sectores polos que realmente apostemos para un
modelo produtivo para o século XXI e nos colectivos
de especial necesidade.
A modo de exemplo. Consideremos que as eleccións
xerais son un proceso de selección de diversos
candidatos a un posto de traballo como é o de
presidente de Goberno. Pois ben, hai que ensinar
que a unha entrevista de traballo debe acudirse
puntualmente e de forma persoal. Non se lle ocorra
enviar no seu lugar a unha amiga, como fai o señor
Rajoy. O candidato ao posto de traballo que tal
fixese quedaría automaticamente excluído por
calquera reclutador simplemente sensato.
Por iso, non se trata de suprimir as denominadas
políticas activas de emprego. Pero si denunciar a
mentalidade que criminaliza ao parado así como o
seu carácter máis burocrático que eficaz.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript