NÚMERO 298 - 21/12/2015
CUTUDC / Novidades
A presión que dende hai 8 días manteñen os gandeiros sobre a distribución en Galicia parece que empeza a dar algún froito. Dende o día 17 representantes dos gandeiros están en negociacións con Eroski e hoxe, día 18, empezan con Lidl, dúas das grandes cadeas de distribución que non asinaron o acordo lácteo do pasado 23 de setembro e ás que os produtores acusan de non trasladarlles a suba de prezos do leite que si aplicaron aos consumidores.
Segundo informa Román Santalla,
secretario de gandería de UPA, onde máis parecen
estar avanzando as negociacións é con Eroski. De
feito, onte os gandeiros levantaron o bloqueo cos
tractores que mantiñan sobre o Eroski de Lalín para
concentralo no Lidl desa localidade.
“Con Eroski estamos avanzando no que é rematar coa
banalización do leite por parte da distribución, na
necesidade de darlle máis valor e, sobre todo, na
orixe, promovendo que o leite que comercialicen
proceda de ganderías de Galicia e do resto de
España e que se identifique a súa orixe”, asegura
Santalla.
Esta tarde os gandeiros iniciarán as negociacións
con Lidl
“O punto no que existen máis diferenzas é na
repercusión aos gandeiros da suba do prezo do leite
no lineal”, recoñece , algo determinante xa que,
malia esa suba, o prezo medio do leite en Galicia
mantense nos 28 céntimos por litro para os
produtores.
Tamén esta tarde os gandeiros iniciarán
negociacións con Lidl, unha multinacional alemá da
distribución que tampouco asinou o acordo lácteo.
Os gandeiros abren o acceso aos parkings dos
supermercados bloqueados na Coruña e cortan o
acceso de mercadorías do Carrefour de Alfonso
Molina
Mentres tanto, os arredor de 300 gandeiros que
dende o pasado xoves participan nos bloqueos a
diversos supermercados na Coruña decidiron onte
pola tarde en asemblea abrir dende hoxe e ata o
domingo os accesos aos parkings dos cinco
supermercados que teñen bloqueados.
Son os do Alcampo de Palavea, do Carrefour de
Alfonso Molina, do Lidl da Grela, na cidade da
Coruña, e os do Lidl e do DIA de Fonteculler, no
concello de Culleredo. Os 190 tractores que os
bloquean permanecerán aparcados nas inmediacións.
“Trátase dunha medida de boa vontade para agradecer
o apoio dos consumidores aos gandeiros e tamén para
non prexudicar aos comercios particulares que están
dentro destas áreas comerciais”, asegura Óscar
Pose, representante de Unións Agrarias na
Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego.
Por último, esta madrugada un grupo de gandeiros
bloqueou a entrada de mercadorías do Carrefour de
Alfonso Molina para presionar á multinacional
francesa para que se sente tamén a negociar.
Mentres tanto, en Lugo, a partir das 16:00 horas,
os gandeiros de Agromuralla teñen previsto un acto
informativo no Lidl da Avenida Infanta Elena.
Campogalego.com
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript