NÚMERO 298 - 21/12/2015
CUTUDC / Novidades
A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública acaba de lanzar un informe dramático no que denuncia recortes profundos e creación de espazos de negocio para as empresas privadas. O texto íntegro é o seguinte:
O goberno presidido por Núñez
Feijóo ven aplicando, desde o súa chegada ao poder
en 2009, unha estratexia deseñada para desmantelar
a Sanidade Pública e xerar espazos de negocio para
as empresas privadas a expensas do diñeiro público.
Nestes últimos anos o goberno galego aplicou unha
severa redución dos orzamentos sanitarios e fixo
recortes profundos na dotación de persoal e camas
hospitalarias; paralizou o Plan de Mellora e
desmantelou a Atención Primaria; aplicou medidas
privatizadoras nos hospitais así como en moitas
áreas sanitarias que pasaron a mans privadas; tamén
teñen planeado implantar as Unidades de Xestión
Clínica que poñerían a disposición das empresas a
actividade asistencial, o núcleo duro da sanidade.
A continuación faremos, en sete puntos, un repaso
dos principais problemas que ten hoxe a Sanidade
pública galega e que deben ser plantexados ante as
próximas eleccións.
1. Redución do orzamento sanitario
público: Representa o 30.4% do gasto público da
CCAA. Baixaron o orzamento sanitario un 18.3%
desde 2009, e un 10.2% respecto ao ano pasado.
Galicia é a CCAA que fixo o recorte máis severo.
A maior redución aplicárona en Atención Primaria
(AP) cun 22.3% menos respecto ao ano 2009. Respecto
ao ano pasado a redución é de 25.3%. O recorte foi
moito menor no nivel hospitalario (un 0.2% de
recorte respecto a 2009, e un crecemento dun 2.9%
respecto ao ano pasado). Este diferencia deixa ben
ás claras que o goberno de Núñez Feijóo aposta por
potenciar o modelo hospitalocéntrico e o uso
intensivo da alta tecnoloxía (Galicia xa é a CCAA
que máis RMN realiza); esto beneficia ás
multinacionais farmacéuticas e da tecnoloxía
sanitaria, en detrimento das actividades de
prevención e promoción da saúde que deben
realizarse en AP (segundo as recomendacións da
OMS).
2. Recortes de persoal: Esta partida representa o
34.5% do gasto sanitario, que ven ser un 24,5%
inferior á media estatal; isto sitúa a Galicia no
penúltimo lugar do Estado, só superada por
Catalunya. O ano pasado Galicia foi a CCAA que máis
recortou no capítulo de persoal, un 30.67% fronte
a unha media do 7.9% do Estado. Esta redución
afecta aos traballadores sanitarios, con
descensos brutais en prazas e salarios e aumento da
precariedade laboral. A partida de persoal baixou
un 21% desde 2009: pasou do 43.15% do total do
gasto sanitario ao 34.5% neste ano. En total
Galicia perdeu 1.795 prazas na sanidade pública
(1.154 en AP e 641 nos hospitais). Eliminaron 513
prazas de médicos: 392 en AP (69.2%) e 121 en
hospitais (30.8%). Recortaron 184 prazas de
enfermería hospitalaria e 1.121 prazas de persoal
non sanitario: isto é consecuencia da cesión de
servizos a empresas privadas que teñen persoal
propio. Moitas tarefas realizadas por empregados
públicos pasan agora a ser desenvolvidas polas
empresas concesionarias (central de chamadas,
loxística, mantemento, cociñas, etc). Estas medidas
de recorte tan extremas producen unha merma na
calidade asistencial e mesmo representan un risco
para os pacientes. Sabemos que o persoal sanitario
non pode ser substituído por máquinas, e hai
evidencias contundentes de que a redución de
persoal de enfermería nos hospitais por debaixo de
certo nivel asóciase a incrementos da mortalidade
hospitalaria.
3.Recorte en camas: Entre 2010 e 2014 eliminaron
447 camas hospitalarias públicas en Galicia.
Pasamos de 8.010 a 7.563, a pesar do elevado e
progresivo incremento das listas de espera e da
conxestión permanente dos servizos de urxencias.
4. Suspensión do Plan de Mellora de AP: No Plan de
Mellora de AP impulsado polo goberno progresista
(20052009) estaba prevista a construción de novos
Centros de Saúde e a creación de prazas de persoal.
Dos 66 centros previstos só se plantexa a
construción de sete. Tamén deixaron de crear prazas
de sanitarios: eso representa a perda de 193 prazas
de Medicina de Familia e 385 de enfermería.
5.O desmantelamento e a privatización do
Sistema: Privatización de hospitais: *Para a
construción do novo hospital de Vigo (H. Álvaro
Cunqueiro) utilizaron o modelo de Colaboración
PúblicoPrivada, o que representa un incremento no
custe, que pasa de 450 a 1.400 millóns de euros, ao
tempo que reduciron as camas operativas (de 1.230 a
850), recortaron os quirófanos nun 31.4%, as camas
de UCI nun 25.5%, a superficie de Urxencias nun
55.5% e os servizos de Radioloxía nun 45%. A
empresa concesionaria, coa complicidade do Sergas,
recortou en servizos, consultas, superficies,
equipamentos, calidade nos materiais, nos accesos e
nas prazas de aparcadoiro (que deberán pagar tanto
traballadores como usuarios). O hospital, desde a
súa apresurada inauguración, acumula problemas e
conflitos, que poñen en risco a calidade
da atención, a actividade asistencial e mesmo a
seguridade dos pacientes. *A Xunta xa licitou, por
terceira vez, a ampliación e xestión privada do
hospital de Ourense (CHOU, que dirixe unha prima de
Núñez Feijoo), e mellorou as condicións á
empresa concesionaria –integrada por ACS, Indra e
La Caixa, en 41 millóns de euros. Tamén adxudicou
a ampliación do hospital do Salnés á multinacional
CofelySuez que, xunto con La Caixa, posúe o fondo
de inversion “Hisusa holding”, que é propietario da
aseguradora privada Adeslas. Renovación do concerto
singular co hospital privado Povisa de Vigo, que
presta atención a case 140.000 persoas da área
(Península do Morrazo, Valmiñor e polígono de Coia
en Vigo). Pola utilización de 403 camas neste
hospital o Sergas paga un canon anual de 75 millóns
de euros (despois da última renovación e mellora do
concerto, asinado sendo conselleira Rocío
Mosquera quen foi alto cargo na empresa propietaria
de Povisa). Privatización do Laboratorio Central de
Galicia, que foi adxudicado a unha UTE integrada
por Laboratorio Cerba, Laboratorio Lema e Bandín.
Esta empresa realizará máis de 600
probas analíticas e xenéticas, a expensas do
desenvolvemento dos laboratorios dos hospitais
públicos (que poderán pechar progresivamente como
en Vigo) e dos seus profesionais. Esta decision pón
a disposición dunha multinacional datos moi
sensibles da poboación galega (como o VIH e
outras doenzas). Continuidade da empresa de xestión
privada Galaria S.A., co que incumpren o
compromiso do Sergas de rescatar os servizos
asistenciais como a Radioterapia, a Medicina
Núclear/PET e a Resonancia Magnética (RMN) para
integralos no novo hospital. O propio Consello de
Contas ten denunciado o abuso de exploracións de
TAC e RMN (a taxa de RMN supera nun 50% a media
do resto do Estado). Privatización da alta
tecnoloxía por medio da figura do “socio
tecnolóxico”. Esta modalidade de contratación
permite que as mesmas empresas que fabrican os
aparellos tecnolóxicos poidan controlar cales son
os equipos que deben adquirir os hospitais, fixar o
seu prezo e mesmo decidir onde se ubican. Esta
entrega a mans privadas do control da tecnoloxía
hospitalaria pode ter consecuencias severas para a
sustentabilidade do Sistema (a tecnoloxía provoca
un enorme incremento do gasto sanitario) e para a
saúde da poboación (a xestión mercantilista destes
medios provoca unha sobreutilización dos mesmos,
con repercusión negativa polos efectos
iatroxénicos). Este modelo de contratación xa levou
a unha inversión de 88 millóns de euros na compra
de novas RMN, cando bastaría con substituir os
equipos actuais cambiando só o software (moito
máis barato). Privatización da investigación, por
medio dos Institutos Biomédicos de Investigación
dos hospitais públicos do Sergas. Estes Institutos
acóllense ao modelo empresarial, son participados
e coxestionados pola multinacional farmacéutica
Janssen (Johnson&Johnson). Deste xeito as empresas
privadas, ademais de conseguir beneficios
económicos, controlan e dirixen a investigación, e
teñen acceso a datos xenéticos e outras
informacións sensibles sobre a saúde da poboación
galega. O Sergas adxudicoulle fondos á Fundación
Ramón Domínguez, para ampliar o laboratorio ubicado
no CHUS, por un total de 1.2 millóns de euros. Esta
fundación é de xestión privada e ten personalidade
xurídica propia (está integrada pola Fundación
IDICHUS, FidoXeral Calde, a empresa farmacéutica
Jhansen, a Fundación de Medicina Xenómica e a
farmacéutica Biogen IDE).
6.Externalizaciónprivatización de recursos e
servizos estratéxicos do Sergas a
empresas multinacionais e fondos de inversión.
Faremos un repaso telegráfico das distintas áreas
de actividade que foron entregadas a mans privadas
polo goberno de Núñez Feijóo, a maioría
delas mediante concesións a longo prazo, o que
dificultará o seu retorno a dominio público cando
haxa un cambio de goberno. Servizo de ambulancias:
foi adxudicado por 236 millóns de euros (a pagar en
catro anos) á UTE Ambulevante, empresa valenciana á
que Fabra (expresidente de Valencia) tamén lle
entregou este negocio, e que está denunciada pola
súa vinculación co PP. Historia clínica electrónica
(Ianus): concedida a Indra, empresa que foi
privatizada por Aznar e Rato. Isto supón deixar en
mans privadas todos os datos sanitarios da
poboación galega. Telecomunicacións, cedidas a
Telefónica (por 28 millóns de euros), empresa agora
gobernada por La Caixa, BBVA e Bankia. A Plataforma
Electrónica, cedida a Netaccede, fondo de capital
risco creado en 2009, impulsada por exaltos cargos
da Xunta e Caixanova, e xestionada por un directivo
que provén da auditora Deloitte. O teléfono de cita
previa, tamén foi adxudicado a Netaccede. O servizo
de subministro e loxística foi entregado, por 88
millóns de euros, á empresa Severiano Servicio
Móvil (que o ano 2004 custodiaba as historias
clínicas do CHOP nunha nave industrial sen
licencia, e que arderon nun incendio por carecer de
medidas de seguridade, quedando o hospital sen
documentación clínica). O mantemento dos equipos
sanitarios foi adxudicado á empresa zaragozana
Ibérica de Mantenimiento SA. A xestion da limpeza e
enerxía foi entregada o Grupo Norte, vinculado á
inmobiliaria Martinsa-Fadesa, (quebrada en 2008,
que foi unha das principais causas do desplome de
Novagalicia Banco). O servizo de catering dos
hospitais, adxudicado a MediterráneaArturo,
propiedade do fondo de inversión Portobello (Banco
de Santander, BBVA, CAM/Sabadell, Bankia) e de
Arturo Fernández (vicepresidente da CEOE, imputado
no caso Bankia, acusado de defraudar á Facenda, de
pagar aos traballadores en diñeiro negro e do uso
das tarxetas black como conselleiro de Caja
Madrid). Os servizos de protección radiolóxica
foron cedidos a General Electric: dese xeito a
mesma empresa que fabrica os equipos é a que
realiza o control de calidade. A esterilización de
instrumental medico e cirúrxico: o goberno de Núñez
Feijóo ten prevista a súa adxudicación por un
período de 12 anos e un custe de 160 millóns de
euros. De levarse a cabo suporía, ademáis dun grave
risco de incrementar as infeccións nosocomiais,
unha severa redución de postos de traballo públicos
pola desarticulación dos servizos existentes, que
funcionan cun elevado nivel de calidade. Centro de
Saúde móbiles, pendentes de adxudicar. De levarse a
cabo suporía un chanzo máis na privatización e o
desmantelamento da Atención
Primaria. Teleasistencia domiciliaria: teñen
contactos con R Comunicaciones (empresa
inicialmente galega, hoxe vendida por NGB ao fondo
de inversión CVCCapio). Tamén cederon ao sector
privado as contratacions públicas do Sergas.
Transferiron esta actividade á Plataforma
Electrónica Vortal Connecting Bussines, constituída
por grandes empresas tecnolóxicas e de xestión de
recursos humanos, especializadas en dispositivos
electrónicos para controlar a produtividade dos
traballadores. Esta Plataforma está participada por
Microsoft, Telefónica e Indra, que tamén xestionan
a teleasistencia, a receita electrónica e a
historia clínica electrónica. Esto supón que estas
tarefas propias da función directiva, que deberían
estar estritamente controladas polo Sergas e a
Consellería, pasan a mans de empresas
multinacionais e fondos de inversión (moitos deles
radicados en paraísos fiscais). Deste xeito
baleiran de contido ás actuais estruturas
directivas e entregan a xestión estratéxica do
Sistema sanitario público de Galicia a mans
privadas.
7. As Unidades de Xestión Clínica (UXC): o próximo
paso cara a privatización do Sistema sanitario
público. Dese xeito pretenden converter os Centros
de Saúde e os Servizos hospitalarios en empresas
con autonomía de xestión, presupostos propios e
capacidade para beneficiarse dos aforros
conseguidos en persoal, material ou actividade
asistencial. Estas UXC poden abrir a porta ao
mercado, á xestión privada e á laboralización do
persoal. A empresa seleccionada pola Xunta para
auditar a implantación das UXC é a axencia de
calidade europea EFQM, que está presidida en España
polo responsable de PwC (IBM), a empresa que
almacena o maior número de datos sanitarios e non
sanitarios a nivel mundial.
Está claro, á vista do relatado, que o principal
obxectivo do actual goberno da Xunta é
desmantelar a Sanidade Pública galega. Esta
privatización, realizada con presa pero coa maior
cautela, deixa unha severa hipoteca para o país e
os gobernos futuros, que deberán asumir o
compromiso coas empresas ás que lle adxudicaron
concesións a longo prazo. Esta forma de actuar non
é inocente e responde a unha estratexia, que
executan con todo rigor. É necesario desaloxar ao
PP do goberno da Xunta para deter esta demolición
planificada dos servizos públicos.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript