NÚMERO 298 - 21/12/2015
CUTUDC / Novidades
O máximo responsábel de Cultura, Educación e Política Lingüística da provincia da Coruña enviou unha felicitación oficial de Nadal en castelán e utilizando o topónimo deturpado La Coruña.
Santiago de Compostela 16 de
decembro de 2015-. A Mesa pola Normalización
Lingüística a través do seu presidente Marcos
Maceira, exixíu hoxe ao Presidente da Xunta e ao
Conselleiro de Cultura e Educación o cesamento
inmediato do seu xefe territorial na Coruña,
Indalecio Cabana polo seu desprezo á normas
elementais que deben guiar á Xunta de Galiza e
nomeadamente á Consellaría de Educación e Cultura.
O Xefe territorial da Coruña da Consellaría de
Cultura e Educación, Indalecio Cabana, remitiu unha
felicitación de Nadal oficial e co carimbo da Xunta
en castelán e co topónimo A Coruña deturpado, o que
para a Mesa é algo insólito por parte dun goberno
que ten a obriga de cumprir as leis e dunha
consellaría que ademais ten a responsabilidade da
política lingüística.
Segundo sinalou o presidente da Mesa, non se pode
consentir o desprezo manifesto á lingua galega nun
alto responsábel da Consellaría de Educación, que
por responsabilidade debería dar exemplo no
cumprimento do Estatuto, a Lei de Normalización
Lingüística e mesmo o artigo 3 do decreto 79/2010
contra o galego mais que sinala o galego como
lingua da administración educativa en Galiza. “Se
a falta de respecto é grave en calquera cargo
público da Xunta, éo máis na persoa que ten
responsabilidade directa na política lingüística.
“Unha persoa que despreza o galego e as súas
obrigas de tal maneira e que ademais se permite
acompañar iso cos versos dunha persoa cun
compromiso sen tacha coa lingua galega como Manuel
María, non pode seguir un minuto máis no seu cargo”
insitíu o presidente da entidade en defensa da
lingua galega, para quen “nin o galego, nin os seus
autores máis destacados son ningún adorno de nadal
ou un complemento prescindíbel como dá a entender a
felicitación do Xefe territorial da Coruña”.
“En vez de lamentacións e golpes no peito pola
situación da lingua galega, os responsábeis do
Partido Popular e da Consellaría de Educación,
deberían actuar a favor do galego comezando por
cumprir e facer cumprir a lexislación que o ampara,
o que por suposto inclúe aos seus representantes.
Como pode ser que quen ten a responsabilidade de
impulsar o galego facer cumprir a lei, sexa o
primeiro en incumprila?” Preguntouse Maceira, que
puxo a felicitación como exemplo da política
lingüística en Galiza e na provincia da Coruña,
“onde o galego está excluído da inmensa maioría das
aulas de educación infantil das cidades”.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript