NÚMERO 300 - 25/01/2016
CUTUDC / Novidades
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2016-. Por segunda vez desde a chegada de Núñez Feixó á presidencia da Xunta, o Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas, instou con toda a forza ao Goberno da Xunta e do Estado a disporen os medios para garantir o cumprimento da Carta en todos os aspectos e, dun xeito especial no ámbito do ensino, sinalando que os obxectivos do mal chamado Decreto de Plurilingüísmo entran en contradición e incumpren o contemplado na Carta.
Segundo Marcos Maceira,
“a vergoña que sentimos na Mesa por un informe tan
rotundo como este, só se pode combater ampliando a
acción nacional e internacional, que a Mesa
realizou no 2015, para que o 2016 sexa o último ano
dun decreto infame”.
“Só agardamos que o presidente da Xunta sexa capaz
de sentir a vergoña que sentimos nós e que atenda
os chamados da sociedade galega e a comunidade
internacional”, indicou.
Para a Mesa, que durante a avaliación presentou ao
Comité de Expertos un detallado relatorio de
incumprimentos da Carta, hai, ademais, un paso
importante por parte do Consello de Europa xa que
por primeira vez é o propio Consello de Ministros
quen sinala nas súas recomendacións que a
introdución dunha terceira lingua non pode ir en
detrimento da propia.
O informe dos expertos sinala ademais a dificuldade
para obter datos fiábeis sobre o galego no ensino e
a falta de avaliación por parte da Xunta das
consecuencias do decreto, un aspecto que contempla
o propio decreto e que xa foi sinalado pola Mesa no
recente informe sobre o galego na Educación
Infantil nas cidades, ao que os expertos fan
referencia.
“Desta vez non son só os avaliadores quen relatan a
situación de extranxeirización que padece o galego
no ensino, senón que tamén son os Ministros quen
fan a mesma recomendación que leva facendo a
sociedade galega desde hai 6 anos a través das
mobilizacións”, sinalou o presidente da Mesa. “Sen
estas mobilizacións e sen toda a presión que se
fixo dentro e fóra de Galiza non habería unha
chamada de atención tan forte”.
Deste xeito o Consello de Ministros do Consello de
Europa súmase ao indicado desde que entrou en vigor
o Decreto contra o galego ao sinalado pola Mesa
pola Normalización Lingüística e plataformas
cidadás amplas como Queremos Galego que agrupa máis
de 600 organizacións sindicais, políticas,
culturais, deportivas ou veciñais.
Desprestixiando o idioma, Feixó estase
desprestixiando a nível internacional a si propio e
á Xunta como institución, mais tamén ao conxunto de
Galiza. A comunidade internacional non entende como
se pode asinar un tratado e despois incumprilo
impunemente e gabarse de o facer, mais tamén,
lembrou Maceira, “da lectura do informe do Comité
de expertos despréndese que se están a incumprir de
xeito flagrante acordos nacionais como o Plan Xeral
de Normalización da Lingua Galega ou a Declaración
de Unidade a Prol da Normalización” , impulsada
pola Mesa e asinada por todos os partidos con
representación parlamentar.
Para Maceira, “se tal como indicaron onte hai
vontade da Xunta por atender as recomendacións do
Consello de Europa, o goberno galego ten que
eliminar as disposicións que limitan o uso do
galego no ensino antes de comezar a elaborar o
novo”, que considerou inevitábel despois da segunda
reprimenda europea.
Xustiza
O informe do Comité de expertos chama a atención
sobre os problemas para utilizar o galego nos
procedementos xudiciais, motivado pola súa falta no
programa informático fornecido pola Xunta e porque
no acceso á carreira xudicial en Galiza non se
contempla o coñecemento de galego.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript