NÚMERO 301 - 01/02/2016
CUTUDC / Novidades
Douscentos produtores concentráronse ante a planta da industria en Vilalba para iniciar a campaña de boicot contra a industria francesa. Piden que a empresa pague o que debe.
O núcleo forte de gandeiros que se
mobilizou en decembro contra as cadeas de
distribución volveu hoxe a encabezar a protesta
programada ante Lactalis, en Vilalba (Lugo).
Arredor de 200 produtores concentráronse ante a
planta da industria gala para arrancar unha campaña
de boicot contra a industria. Para a próxima
semana, están previstos actos para informar ós
consumidores ante os supermercados e a Plataforma
en Defensa do Sector Lácteo, convocante da
mobilización de hoxe, tamén contactará coas cadeas
de distribución para emprazalas a retirar
temporalmente os produtos de Lactalis dos
supermercados (marcas Lauki, President e Ram, entre
outras).
A raíz do conflicto con Lactalis atópase na
negativa da industria gala a concretarlle ós
gandeiros cando e como lle trasladará os cartos que
desde decembro lle pagan a maiores as cadeas
Carrefour, Alcampo e Dia polo leite de marca
branca. Os supermercados aumentaron os pagos a
Lactalis e a outras industrias, como Celta, co
único obxectivo de que lle fixeran entrega deses
cartos ós gandeiros. Celta xa lle abonou en xaneiro
ás granxas 0,5 céntimos maís por litro. Lactalis
non. Os gandeiros piden que “se nos pague o que se
nos debe”.
Lactalis, pola súa banda, sostén que vai pagar eses
cartos, pero non ofrece maiores garantías nin
concreta datas nin cantidades, unha actitude que os
gandeiros consideran pouco seria e “un roubo
encuberto”. “Sempre dixemos que as industrias e os
gandeiros temos que ser aliados. Elas necesitan o
noso leite e nós necesitamos que nos paguen o leite
a un prezo digno. Se Lactalis non quere estar do
noso lado, teranos enfrente” -advirte Óscar Pose,
representante de Unións Agrarias na Plataforma.-
“Torres máis altas caíron”, conclúe en alusión ás
grandes cadeas da distribución, vencidas polos
produtores nas protestas de decembro.
Ante a planta de Vilalba, os gandeiros prenderon
esta mañá unha gran fogueira cunha morea de
neumáticos que apilaron en torno a alpacas. O lume
escenificou o inicio do cerco á industria. Non será
un conflicto como os de decembro ante a
distribución, cando os gandeiros optaron polo
bloqueo directo dos centros comerciais. Esta vez
non está previsto, alomenos nun principio, o
bloqueo das plantas de Lactalis, pois quérese
evitar que as granxas teñan que tirar o leite nuns
intres de grave crise, pero si que se prevén
accións directas contra a industria nos próximos
días e unha campaña de boicot na que se buscará a
colaboración dos consumidores.
As organizacións agrarias agardan tamén a
intervención a Administración. “Lactalis asinou en
setembro o acordo lácteo en Madrid no Ministerio,
pero estamos a ver que o seu compromiso foi unha
falsidade, pois agora négase a algo tan sinxelo
como a trasladar os cartos que lle paga a maiores a
distribución para as granxas, que é un dos puntos
do acordo asinado en Madrid”, lembra a secretaria
xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba.
Papel das Administracións
Os produtores demandan que a Administración
interveña para poñer freo a ese incumprimento. O
responsable de gandería da Federación Rural Galega,
Elías Somoza, demanda a creación en Galicia dunha
mesa de seguemento do acordo lácteo. “Lactalis está
a cometer unha serie de abusos e vemos que a
Administración está a mirar para outro lado”
-cuestiona Somoza.- “É hora de que a conselleira do
Medio Rural pase das boas palabras ós feitos e tome
cartas no asunto”, reclama.
Por parte do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba
sinala que ante un Ministerio en funcións en
Madrid, é aínda máis “urxente” que a Consellería do
Medio Rural asuma o liderado do sector en Galicia.
Os produtores son conscientes de que o conflicto
con Lactalis é só unha escaramuza nun contexto
xeralizado de excedentes e baixos prezos, pero
tampouco están dispostos a pasar por alto o
ninguneo que perciben por parte da multinacional
francesa. “Que Lactalis pague o que debe é un
parche” -recoñece Óscar Pose- “Máis adiante haberá
que falar de volumes, de recuperación de prezos e
doutras moitas cuestións”, sinala.
A loita contra Lactalis, máis que unha solución
final, busca logros simbólicos. Os gandeiros tratan
de sentarse en pé de igualdade coas industrias e
abrir unha fase na que ambas partes, produtores e
industrias, negocien de igual a igual e afronten os
problemas do sector en conxunto, non facéndose a
guerra uns ós outros. “O problema vai moito máis
alá do conflicto con Lactalis. Temos estes días o
problema da cooperativa Codegui, que perde a
recollida de Celta, e temos que sentarnos todas as
partes, coa mediación da Administración, para
abordar cuestións como o leite que entra de fóra en
España ou a xestión de excedentes”, valora Isabel
Vilalba.
Campo Galego
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript