NÚMERO 301 - 01/02/2016
CUTUDC / Novidades
O Goberno da Xunta do PP segue a pensar que "Galiza é unha mina" como proclamaba a súa campaña institucional. Despois da multitudinaria manifestación contra a Megaminaría contaminante convocada por ContraMINAcción e as miles de sinaturas recollidas, xa non o din tan claramente, mais os feitos condúcennos a pensar que así é.
A Xefatura Territorial da Coruña da
Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de
anunciar que se somete a información
pública o expediente da solicitude do permiso de
investigación mineira Isabela II, tras resolver
favorablemente a admisión definitiva da solicitude
presentada o 20 de xuño de 2011, pola sociedade
Grupo M-FM 2001, S.L., de permiso de investigación
mineira de recursos da sección C), de 156
cuadrículas mineiras, situado nos termos municipais
de Zas, Santa Comba, Vimianzo e Coristanco, na
provincia da Coruña.
Dificultades no acceso a información
O anuncio non facilita outra información ademais
das coordenadas da superficie que será sometida a
explotación. Desde Verdegaia, para facilitar a
identificación da superficie afectada, trazamos a
mesma en
Google Maps. A superficie afectada é de
43.6 quilómetros cadrados (unha superficie
equivalente a 4.360 campos de fútbol), que se
encadran dentro da zona coñecida como cinto de ouro
de Malpica-Tui.
Nos Concellos o público non dispón da información
necesaria para facer alegacións, e para ver o
expediente é necesario trasladarse ata A Coruña.
Por desgracia, acotío acontece que na Sección de
Minas da Xefatura Territorial, non dan moitas
facilidades para ver os expedientes, e se son
solicitados en formato electrónico, adoitan
chegar fóra de prazo para alegar.
A Consellería debería informar ás persoas afectadas
que un permiso de investigación de recursos
mineiros tipo C pode converterse nun futuro non moi
afastado nun permiso de explotación que podería
cambiar para sempre as súas vidas.
Leis franquistas
Grazas a unha lei de minas franquista e a unha lei
--tamén franquista-- de expropiación forzosa, as
persoas propietarias das terras afectadas poderán
perder as súas terras por un xustiprezo, que
normalmente non vai ser xusto. E iso no mellor dos
casos, porque podería acontecer que a túa casa
quedase ao pé da explotación, mais que non a
expropiasen pero que tiveses que soportar ruídos,
fendas, polución...
A empresa Grupo M-FM 2001, S.L., que nos últimos
anos recibiu do Estado subvencións de varios centos
de miles de euros para a exploración mineira, vai
buscar a licenza social para a súa actividade. Para
iso este tipo de empresas adoitan contratar a unha
persoa que teña unha boa consideración entre a
veciñanza da zona para convencer da necesidade de
que permitan facer as catas nos seus terreos.
Prometerán postos de traballo para aquelas persoas
e as súas familias que permitan gratuitamente furar
nas súas terras. Dirán que o ouro correrá polas
mans de todas e todos, mais nada diso acontecerá.
Os concellos deben velar polos intereses da
veciñanza
Segundo advirten dende a Asociación Ecoloxista
Petón do Lobo, unha vez aprobado definitivamente o
permiso de investigación mineira, os concellos xa
non van poder facer nada por parar a exploración no
seu dominio público, aínda que teñan prevista facer
unha sondaxe no portal do Concello. Instamos polo
tanto aos catro concellos afectados a que estuden o
expediente, o divulguen entre a veciñanza e fagan
as oportunas alegacións opoñéndose ao mesmo.
Estamos a falar dun entorno humanizado, con
valiosos elementos patrimoniais, explotacións
agrícolas, gandeiras e forestais.
A xente ten que saber que ten dereito a non
permitir que entren nas súas fincas a traballar. E
que se entran, as autoridades teñen a obriga de
protexer as súas propiedades, polo que poderán
acudir á Garda Civil para que coiden dos seus
intereses.
Se hai información e unión, no haberá licenza
social
Se algunha persoa consente en que traballen na súa
finca, deberá saber que se está arriscando a que
nun breve prazo pode perder a súa finca e a súa
vivenda. Cómpre que teñan isto en conta cando pidan
unha compensación económica. As persoas cobizosas,
que saiban que a empresa sempre lles vai dicir que
están a pagarlles moito máis que ás súas veciñas e
veciños. Habitualmente, as empresas mineiras rompen
a paz social enfrontando á veciñanza entre as
persoas que buscan un posto de traballo na mina e
as que se opoñen ás instalacións mineiras. Para
evitar este problema, recomendamos a obxectividade:
que a xente se informe do que se pretende facer, e
do que acontece e ou aconteceu con outros proxectos
mineiros semellantes.
Consideramos prioritario que as persoas que residen
ou teñan intereses lexítimos nos Concellos de Zas,
Santa Comba, Vimianzo e Coristanco se informen do
plano de investigación mineira e das consecuencias
que podería ter, e que comparezan como parte
interesada no expediente para que sexan informadas
e tidas en conta no desenvolvemento deste
expediente de licenza de investigación. Para iso a
A.S.C. O Iríbio facilitou
modelos de comparecencia no expediente.
Tamén, cando a administración nos facilite o
expediente, elaboraremos alegacións para que sexan
presentadas polas persoas afectadas. A Plataforma
pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños acordou dar
charlas informativas para contrarrestar a falta de
transparencia por parte da administración,
facilitando así a participación pública e a defensa
do ambiente, da paz social e dos intereses dos
particulares das persoas afectadas.
Outros proxectos en Galiza
Dende o Sindicato Labrego Galego advirten que este
non é o único proxecto mineiro que está a
desenvolver a Administración. Nos concellos de
Santa Comba e Zas, empresas filiais da canadense
Edgewater solicitaron os permisos de investigación
para ouro denominados Grixoa, Vilar e Monte Castelo
que afectan a 1.680 hectáreas; e na comarca de
Bergantiños as Julias (tamén de ouro) mobilizaron a
toda a contorna.
Moitos son os permisos de investigación, e
proxectos de explotación en tramitación en Galiza:
A mina de tantalio de Forcarei (a maior de Europa),
a da Terra Cha que continúan a dirimirse nos
xulgados, os de Seixo de Erinsa na comarca de Ordes
Compostela (8000 ha), ou todos os permisos de ouro
da montaña de Lugo A Fonsagrada, Baleira, Baralla,
Becerreá, etc. En Lousame está a piques de estalar
un grave conflito social pois a mineira Sacyr en
busca de volframio está pechando ilegalmente o
acceso ao monte aos seus comuneiros.
Non entendemos como non se dá prioridade á
agricultura, que é unha alternativa sustentable,
con vocación de permanencia no tempo que xera
postos de traballo de calidade e de futuro fronte a
estas actividades destrutivas e temporais con
postos de traballo precarios e de moi pouca
duración.
Apoian este comunicado: A Ría Non Se Vende,
A Terra Non Se Vende, Asociación autonómica Cova
Crea, Asociación autonómica e ambiental Petón do
Lobo, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza
(ADEGA), ContraMINAcción, Contraminate, Foro Social
de Cangas, Galiza Non Se Vende, Greenpeace, O
Iribio, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e
Bergantiños, Plataforma veciñal Corno do Monte,
Salva la Selva, Sindicato Labrego
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript