NÚMERO 301 - 01/02/2016
CUTUDC / Novidades
O Goberno español en funcións, do Partido Popular, vén de aprobar este luns 25 de xaneiro a prórroga da concesión dos terreos de Lourizán e da licencia para continuar coa súa actividade até o 2073 á pasteira ENCE. Deste modo, esta empresa creada da man do franquismo, pasaría a exercer o seu dominio sobre a ría de Pontevedra cando menos por 115 anos, dende a súa instalación no 1958.
De Verdegaia só podemos cualificar como un
atentado aos intereses xerais e ao noso medio
ambiente esta decisión, que ademais de carente da
mínima ética é de dubidosa legalidade, pois está
tomada por un gabinete en funcións que debe
restrinxir a súa acción a asuntos urxentes ou de
mero trámite e cando non está aínda resolta a
cuestión da caducidade da antiga concesión. A nosa
asociación sumarase a todas as iniciativas que
tomen as entidades ecoloxistas, sociais ou
políticas para frear esta barbaridade. Para tal fin
buscaremos posturas comúns coa FEG e en xeral con
todos os colectivos opostos á continuidade de ENCE
na ría.
ENCE é dende o 2001 unha empresa totalmente
privatizada, con sede en Madrid (é alí onde tributa
o imposto de sociedades) e que acolle no seu
consello de administración a destacadas figuras da
política galega e española vinculadas ao Partido
Popular, como Isabel Tocino ou Carlos del Álamo. O
seu maior accionista e presidente é o empresario
Juan Luis Arregui, fundador de GAMESA e
vicepresidente tamén de Iberdrola, quen ten
reforzado o seu control da compañía dende que
Alberto Cortina comezou a desprenderse de boa parte
das súas accións. Dende fai xa anos ENCE é polo
tanto unha das grandes empresas que está no
taboleiro das elites empresariais españolas e que
tanto servizo dan á cargos políticos retirados para
a práctica das portas xiratorias. Non é de estrañar
a suba do valor das accións da compañía unha vez
coñecida a nova, que por certo, comunicou non o
Ministerio de Agricultura nin o Goberno, senón a
propia pasteira. (Pódese atopar moita infomación da
empresa no Libro Branco de ENCE:
http://www.encefora.gal/O-Libro-Branco/#1 )
Ás implicacións na contaminación da ría e na
ocupación dunha enorme superficie de lámina de
auga, sen custe ningún para ENCE, habería que sumar
o modelo de monocultivo forestal de eucaliptos que
leva décadas a estender polo noso territorio,
favorecendo os incendios, destruíndo bosques
autóctonos e asociándose co abandono do rural. Aos
eucaliptais denomínaselles tamén o deserto verde.
A empresa fala de 800 postos de traballo directo e
5000 indirectos, pero non fai conta de cantos está
a destruír este modelo industrial e de monocultivo,
na ría de Pontevedra ou en todo o interior galego.
A última volta de porca é a introdución de
eucaliptos nitens en alturas até agora non expostas
a estas plantacións e que mesmo vén de ser
prohibido en Asturias por unha sentenza xudicial.
Os eucaliptais non xeran postos de traballo
sostibles, o que fan é contribuír á fin do modelo
de vida rural e xeran dependencia respecto da
empresa, que ten baixo o seu control, como única
cliente, as persoas propietarias das plantacións.
Cal será o seguinte paso, queimar árbores como
biomasa para producir electricidade? Cal é o límite
de ENCE? Como toda empresa capitalista os seus
únicos límites son as cuestións físicas, o marco
normativo ou o balance contable. Como o primeiro é
máis difícil de mudar, en función dos seus
beneficios económicos vai facer sempre presión para
flexibilizar ou eliminar toda norma que poña coto
ao seu negocio. O cambio na Lei do Solo de 2012 foi
de feito a que permitiu a súa continuidade para
alén do 2018, que viña determinada pola normativa
do 1988. A proximidade entre cargos políticos e
empresariais facilita moito as cousas. Costumes
herdadas dos anos 50. Xa basta de soportar este
tipo de actuación, non si?
Para rematar só unha reflexión, quizais un tanto
parva. Nos últimos anos a estrada que une
Pontevedra e Marín tivo que ser cortada en varias
ocasións polos anegamentos provocados por temporais
e /ou marés especialmente intensas. Que acontecerá
se, como é previsible, continúa a aumentar o nivel
do mar? Aínda teremos que indemnizar á empresa ou
outorgarlle axudas para que poida buscar unha
mellor localización. Ao tempo...
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript