NÚMERO 301 - 01/02/2016
CUTUDC / Novidades
O pasado 22 de xaneiro estivemos en Oviedo para xulgar unha tese de doutoramento. Ese mesmo día fomos sabedores da publicación (por fin) do IV Informe do Comité de Expertos do Consello de Europa sobre o cumprimento en España da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.
A tese que xulgamos, e que obtivo a
máxima cualificación, era un estudo gramatical
funcionalista moi completo da variedade lingüística
galega falada historicamente entre os ríos Eo e
Navia, no occidente de Asturias. Antes de
principiar a defensa da tese, o seu autor, Xavier
Barcia, púxolles ao tribunal e aos presentes un
fragmento dunha entrevista con Dámaso Alonso no
programa A Fondo da TVE na que, entre outras
cousas, o ilustre filólogo manifestaba:
Me considero gallego, aunque nacido en Madrid,
porque en realidad tengo tres cuartas partes de
sangre gallega. Gallega de las dos riberas del Eo,
porque la ribera opuesta a Ribadeo, Castropol, es
Asturias políticamente, o administrativamente, pero
en realidad es de raza gallega y de lengua gallega.
Con rasgos ligeramente dialectales en relación al
gallego interior de Galicia, pero es un gallego, un
dialecto que pertenece al gallego, que se habla
hasta Navia. (https://www.facebook.com/groups/galegoestremeiro/?fref=ts)
Dámaso Alonso fora o creador en 1945 do glotónimo
gallego-asturiano co que el se refería a
“una rama del gallego leonés” falado entre os ríos
Navia e Eo que “muchas veces, por rapidez, llamamos
gallego-asturiano”. Por “gallego leonés” entendía
Dámaso Alonso “el gallego hablado fuera de Galicia,
en tierras españolas limítrofes con ella”. Xa que
logo, para Dámaso Alonso e para toda romanística, o
gallego-asturiano era o galego autóctono
falado no occidente de Asturias: gallego era
o substantivo (lingüístico) e asturiano o
adxectivo (xeográfico, político).
Nos últimos vinte anos xurdiu en Asturias a
polémica sobre a adscrición lingüística destas
falas do occidente asturiano. Mentres algúns
filólogos, sobre todo desde a Academia de la
Llingua Asturiana, negaban a galeguidade
lingüística e inventaban “una fala de transición
que nun ye gallega”, outros filólogos asturianos
mantiñan que o falado nesa zona era galego. Aínda
que a prensa e a clase política seguían e seguiron
empregando a denominación “Fala”, a etiqueta
“gallego-asturiano” quedou oficialmente establecida
da Lei 1/1998 de uso e promoción do
bable/asturiano, que no art. 1 a consideran “lengua
tradicional de Asturias” e que “gozará de
protección. El Principado de Asturias promoverá su
uso, difusión y enseñanza”. No art. 2, dedicado ao
“gallego/asturiano”, considérase que é “modalidade
lingüística propia”, sen especificar de que lingua
(da galega? da asturiana?); en todo caso
-oficialmente-, o “gallego/asturiano” parece non
ser lingua tradicional de Asturias.
Xa en 1995, na reforma dos estatutos da Academia de
la Llingua Asturiana, introduciuse un artigo 1.k)
polo que a ALLA “promoverá y velará por la
variante lingüística gallego-asturiana o
astur-galaica”. Era a primeira vez na historia que
unha academia dunha lingua velaba e protexía dúas
linguas, a propia e outra cualificada de “variante”
e denominada cos glotónimos ambiguos (ou polo menos
non sinónimos) de “gallego-asturiana o
astur-galaica”, co que a intención quedaba clara:
significar que o galego de Asturias era, por pura
decisión política, unha variedade asturiana. En
1996 creouse, como apéndice e dentro da ALLA, unha
Secretaría Llingüística del Eo-Navia que en 2011
(sen que conste autoría) publicou unhas Normas
ortográficas del gallego-asturiano, normativa
para o galego de Asturias sobre a base do asturiano
con moitas concesións a solucións vulgares.
A Real Academia Galega, en liña con toda a
filoloxía e a lingüística hispánicas e románicas,
nos seus estatutos de 2000 deixara claro no seu
artigo 4 que o galego era o idioma propio de
Galicia “así como as súas variantes faladas nos
territorios exteriores (Asturias, León e Zamora)” e
en 2004 nomeara un académico correspondente para o
Eo-Navia, Carlos X. Varela Aenlle. E o Instituto da
Lingua Galega da USC cando deseñou a comezos da
década de 1970 un atlas do dominio galego non
dubidou en trazar unha rede de puntos nos falares
galegos do Eo-Navia.
O Consello de Europa ata agora fora claro e
contundente nos seus tres informes anteriores. O
Consello de Europa falaba de “gallego-asturiano”
(como denominación oficial) pero tamén de “gallego
en Asturias”, e solicitaba reiteradamente nos seus
tres informes anteriores que as autoridades
asturianas o promovesen e o visibilizasen na vida
pública. En 2005, punto 44, o I Informe do Consello
de Europa declaraba “en Asturias se habla una
variante del gallego, el gallego-asturiano” e nas
recomendacións finais incidía en que:
La situación del gallego-asturiano no está
clara, pero parece que apenas se han hecho
esfuerzos para promover esta lengua, ya que sigue
sin reconocerse claramente su identidad específica
como variante lingüística del gallego.
Nos informes II e III seguíase empregando a
denominación oficial “gallego-asturiano” ao lado
doutros sintagmas como “gallego en Asturias” ou
“gallego de Asturias”.
A nosa sorpresa foi, cando o pasado 22 soubemos
pola prensa da saída do IV Informe do Comité de
Expertos do Consello de Europa (https://www.coe.int/t/dg4/education/minlang/Report/PeriodicalReports/SpainPR4_esp.pdf).
Toda a prensa mencionaba que o Comité de Expertos
do Consello de Europa pedía -entre outras moitas
cousas-, a aplicación de medidas de protección para
o galego “de Castela-León e Extremadura”. E o
galego de Asturias ? U-lo galego de Asturias ?
Como tal galego só aparecía nun único parágrafo
onde se daban datos sobre o número de falantes de
galego en Asturias, León e Zamora e se aludía a que
a RAG declaraba que o galego de Asturias perdía
falantes. No resto de epígrafes fálase sempre de
“galego-asturiano”, nunca se inclúe dentro das
falas do galego estremeiro, senón sempre adosado
como apéndice secundario do asturiano.
Nun dos epígrafes, o IV Informe di que o Comité de
Expertos agrupou no mesmo capítulo as referencias
feitas ao asturiano e ao galego-asturiano “without
a clear distinction between the languages
concerned, which remains confusing”. Isto é: fálase
sempre de asturiano e de galego-asturiano porque
non está claro se son ou non a mesma lingua.
Auténticamente esperpéntico se non fose dramático.
O Comité de Expertos estaba formado nesta ocasión
por profesionais do dereito de diversos países
europeos e por un lingüista galego nomeado polo
goberno español.
O propio Comité de Expertos do Consello de Europa
quéixase non poucas veces neste IV Informe de que
os datos do asturiano e do galego-asturiano sempre
aparecen mesturados, polo que resulta imposible
saber a protección e medidas aplicadas a unha e
outra lingua; pero é que ademais os escasos datos
referidos ao galego de Asturias son falsos. Por
exemplo, dise que existen 16 servizos de
normalización municipais para a zona do
galego-asturiano, o que non é certo, pois só hai
dous: en Navia e na Veiga. Por este e por outros
datos inexactos ou ambiguos, queda en evidencia que
o Comité de Expertos creu relixiosamente na escasa
información que lle trasladaron as autoridades
asturianas sobre o “gallego-asturiano” e fixo caso
omiso do Informe (en inglés e en húngaro) que lle
entregou Prolingua en man a cada un dos expertos na
súa visita a Santiago de Compostela en setembro de
2014.
Que un húngaro, unha holandesa ou un polaco ignoren
a realidade sociolingüística das diversas linguas
de España, e concretamente do galego en todos os
seus territorios, pode ter unha certa explicación:
parecer ser que se fiaron unicamente dos informes e
declaracións das autoridades. Con todo, o que é
absolutamente inexplicable é que, sendo o
representante do actual goberno español no Comité
de Expertos un lingüista galego, profesor nunha
universidade galega, académico correspondente da
Real Academia Galega e membro do seu seminario de
sociolingüística, este experto do Comité non fixera
notar no Comité que o galego-asturiano é
cientificamente unha variedade galega falada en
Asturias (como estableceu toda a filoloxía, como o
recoñecía a actual presidente da Academia de la
Llingua Asturiana nun informe do 1988 da propia
ALLA e como recoñeceran ata agora os sucesivos
Comités de Expertos do Consello de Europa) e que
debería figurar como “Galego en Asturias” ao mesmo
nivel de cando se trata o “Galego en Castela e
León” ou o “Galego en Estremadura”.
Resignarse a tratar o galego de Asturias como un
mero apéndice secundarizado e indivisible do
asturiano, sobre todo desde unha óptica científica,
é ceder ás chantaxes da irracionalidade dalgúns
políticos e académicos asturianos, consentir
activamente que se marxine novamente o galego
eonaviego, ser cómplices do glotocidio premeditado
que supón a aceptación do “galego-asturiano” como
lingua diferente do galego e, na práctica, variante
occidental do asturiano sen ningún tipo de accións
efectivas para a súa normalización no ensino, na
administración, nos medios ou visibilización
pública desde o goberno central asturiano.
E o mesmo poderiamos decer do uso en exclusiva do
glotónimo “valenciano” para o catalán de Valencia (http://www.abc.es/espana/comunidad-valenciana/abci-consejo-europa-diferencia-valenciano-catalan-entre-lenguas-minoritarias-201601211321_noticia.html)
cando hai un bo quiñón de sentenzas do Tribunal
Constitucional e do Tribunal Supremo de España que
avalan a doutrina científica de que valenciano é
como se coñece en Valencia a variedade lingua
catalá alí falada, tal e como recoñecían os
anteriores informes do Consello de Europa. Á vista
disto, sospeitamos de inxerencias dos gobernos de
Valencia e Asturias na redacción deste IV Informe.
A plataforma apartidaria ProLingua non foi
convidada esta vez a declarar por este Comité de
Expertos, como si acontecera anteriormente.
Tampouco foron convidadas a declarar asociacións de
defensa do galego de Asturias, do Bierzo e de
Estremadura, ás que si convidaran anteriores
Comités de Expertos. As persoas e institucións que
puideron declarar ante o actual Comité pasaron
previamente a censura da Secretaría Xeral de
Política Lingüística da Xunta de Galicia? Parece
claro que nin esta institución nin o representante
galego-español no Comité de Expertos souberon ou
trataron de defender o galego de Asturias, nunha
gravísima situación de minorización que esixe
medidas políticas urxentes e claras, como tamén as
necesitan o galego do Bierzo e As Portelas de
Zamora e as falas esencialmente galegas dos
somontes da Serra de Gata en Cáceres.
28 de xaneiro do 2016
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript