Febreiro de 2016
 
 

NÚMERO 303 - 22/02/2016

   CUTUDC / Novidades

  #MarcaEspaña
 

A última lexislatura co PP no Goberno sáldase con máis de 7.100 detidos por casos de corrupción

Un total de 7.140 persoas foron detidas en España na pasada lexislatura (2012-2015) por delitos de corrupción, segundo datos que facilitou este xoves o ministro do Interior en funcións, Jorge Fernández Díaz.

 

  • Noticias relacionadas

Do total de arrestados, 2.442 foron en 2015. Ademais, o ministro fixo balance do crime organizado neses catro anos e cifrou en máis de 69.000 persoas investigadas e en máis de 25.000 as detidas.
 
Tamén se referiu á fraude detectada polas forzas de seguridade nas súas operacións, pero só as de 2015, e indicou que o pasado ano investigáronse 6.488 empresas, das que 2.057 foron propostas para infracción, detectáronse 847 empresas ficticias e constatou unha fraude de 79,5 millóns de euros.
 
Respecto da corrupción, o titular de Interior lembrou que non existe un delito tipificado como tal, pero si os relacionados con ela, e insistiu en que desde 2010 o seu combate é “unha prioridade da Policía e a Garda Civil”, que actúan de forma contundente sen atender á cor política do investigado. Se en España temos un problema de corrupción, o que “ninguén pode poñer en dúbida”, subliñou, é que “non hai un problema de desigualdade ante a lei” dos investigados.
 
Tras lembrar que o punto de inflexión na loita contra a corrupción foi o caso Malaya, Fernández Díaz resaltou o incremento lineal no número de detidos, só roto en 2014 cando a cifra se disparou a 2.743.
 
Segundo os datos de Interior, coordinados polo Centro de Intelixencia contra o Terrorismo e o Crime Organizado (Citco), en 2010 coñecéronse 366 feitos delituosos, fronte aos 1.108 do ano pasado. Ademais, o número de detidos creceu dos 398 do primeiro exercicio analizado aos 2.442 de 2015.
 
Aínda que hai unhas 40 tipoloxías delituosas relacionadas coa corrupción, das operacións desenvolvidas na lexislatura un 16,3% son delitos contra a Seguridade Social, un 12,5% de suborno, un 2,6% de tráfico de influencias, un 8,1% contra a Facenda Pública, un 9,8% de prevaricación administrativa, un 8,2% de malversación e uns 4,6% delitos societarios.
 
Axencias

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript